'A beleza feriume para sempre' (6)
Villares Mouteira, Félix - miércoles, 18 de junio de 2014
DIAZ CASTRO, POETA RELIXIOSO
Unha característica dos vates da Escola poética do Seminario de Mondoñedo é que todos son homes fondamente relixiosos e o tema relixioso aparece na súa poesía. Isto aínda naqueles máis anticlericais, como pode ser o caso de Leiras Pulpeiro. As mostras son moitas. Unha parte destes poetas do Seminario compoñen versos Nadal para seren recitados nas igrexas polo Nadal, tradición que comeza no século XVIII e chega deica ós nosos días.
Podemos dicir que toda a poesía de Xosé María Díaz Castro está enchoupada dunha fonda relixiosidade. Sen este aspecto relixioso a poesía do poeta do Vilariño non se entendería. Os exemplos son moitos. Os poemas Coma un río, Alfa e Omega, Cova alumada, Transfiguración, Veleiquí os homes, Quezais, Oración a Nosa Señora, O borrallo, Coma un anxo airado, O verme e a estrela, e, sobre todo Como unha espada poñen a Díaz Castro á altura dos grandes místicos castelás. Victorino Pérez Prieto di que os versos de Como unha espada con ecos de San Xoán da Cruz- de Nimbos, o seu único libro publicado, abondan para facer do poeta chairego Díaz Castro o poeta místico galego, ademais de situalo nos cumes da poesía galega, como recoñeceu Manuel María (1).
Para Alfonso Blanco Torrado, Xosé María Díaz Castro é o poeta con máis calado relixioso e ata místico da poesía galega publicada na segunda metade se século XX. Di que unha fe viva alumeou sempre o seu camiñar cando andou entre nós e mesmo vendo rematados os seus días e con toda a luz nos seus ollos, sobre todo nos do corazón e do espírito, aprovisionouse das mellores palabras para transpasa-lo umbral da Vida, nada de improvisacións de derradeira hora. (...) Desde moi novo o autor de Nimbos pensaba na morte coma unha man donda que mataba unha lus e acendía outra, porque entendía a vida coma unha ascensión continua ata a luz plena, a eterna noite alumeada, é dicir, Deus (2).
Pola súa banda, Xosé Antón Miguélez Díaz cre que Díaz Castro ofrécenos un libro aberto, iluminado pola fe, pero que invita a acollida de calquera porque é un libro dun buscador, dun apaixoado da beleza e da harmonía humana, dun sedento, e non dun poseedor, da luz e de Deus. Na tradición da mellor poesía mística a súa busca, sofrinte, non se vive desde a absoluta ausencia e orfandade, senón desde unha experiencia positiva de namoramento pola vida e de encontro con Deus. Un encontro nunca rematado e sempre fuxidío porque Deus é sempre o inabranxable, o sempre Meirande: por iso anque non soluciona nada do drama da vida si é capaz de iluminalo todo. O último verso con que remata o libro, a beleza feríume para sempre, sitúanos como un perfecto resume do libro ante a mesma experiencia do Cántico de San Xoán da Cruz ... habiéndome herido / salí tras ti clamando y eras ido (3).
Xosé Luís Axeitos tamén escribe sobre este aspecto da poesía do poeta dos Vilares: Que a poesía de Díaz Castro destila relixiosidade por todas partes é unha idea indiscutíbel na que coinciden todos os críticos e conocedores da obra do de Guitiriz. Digamos, parafraseando ao propio poeta que a súa poesía está nimbada pola cultura católica (4).
Esta relixiosidade, na que se mergulla toda a poesía de Xosé María Díaz Castro e sen a que, como dixemos, non tería sentido, é froito dunha fe profunda e vivida ó longo de toda a vida do poeta. Todo isto ten o seu alicerce na relixiosidade mamada na súa casa do Vilariño e no Seminario de Mondoñedo.
NOTAS
1. PÉREZ PRIETO, Victorino, Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía Relixiosa en Galego, ed. Toxoutos, Noia 2007, páxina 171.
2. BLANCO TORRADO, Alfonso, A Relixión como clave para saborea-la poesía de Xosé María Díaz Castro, en Amencer, nº 150, maio 1998, páxinas 72 e 75.
3. MIGUÉLEZ DÍAZ, Xosé Antón, Deus nos poemas de Nimbos de X. M. Díaz Castro en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 76.
4. AXEITOS, Xosé Luís, Díaz castro, poeta católico en Nimbos: cáliz fervendo!, Cadernos Ramón Piñeiro (XXIX), Santiago 2014, páxina 75.

Villares Mouteira, Félix