Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu intentei comprar a Deus

miércoles, 18 de junio de 2014
No 13-06-2014, día de Santo Antonio de Lisboa.

Tería eu uns 10 anos. A nosa nai xa finara tres anos antes: 1944. Anos de penuria, fame, miseria, enfermidade, medo e morte: Todo o que trae consigo unha postguerra incivil.

Na Parroquia, San Antonio era o máximo: “muerte y error desterrados, miseria y demonio huidos, redímense encarcelados, los pobres van remediados”… Así rezabamos nós. E logo, as ofrendas de pobres para pobres: “El pan de los pobres”.
E na mentalidade daquel neno orfo abriuse unha luz. Solución: “Comprar” ao santo: “Do ut des”.

Unha galiña de casa púxose choca. Pedín un ovo e marqueino cun tisne dun tizón da lareira. Naceu unha pitiña. A miña. A primeira ducia, para o santo, para que el nos remediase algo daquela orfandade. Cumprín o prometido e esperei un tempo prudencial. Que decepción! San Antonio, nin caso. Falloume!

Faleino co meu pai e riuse “comigo”, que non de min. Cando veu D. Xesús, santo sacerdote, explicáronme acertadamente, co catecismo de Astete na man, o grande misterio de Deus e o seu grande amor por nós. Deus non necesita nin quere chantaxes con El nin cos demais. Ese día, recórdoo ben, foi un gran avance na miña vida: Purifiquei unha idea de Deus, dunha moral chantaxista, dunha pobre idea de min mesmo por orfandade.

Deus quéreme pola súa bondade, sen que o teña que “comprar” a través de ninguén, nin de ningún santo, e non me vai a deixar. Dixéronme que a nosa nai morreu por enfermidade, non porque El nola arrebatase. E faláronme de Xesús, O Cristo, compañeiro e amigo co que podía falar en todo momento.

Souben que o Espírito, forza, alento e sabedoría de Deus e de Xesús estaban comigo, connosco. Que podía ter unha relación de confianza.

Na nosa casa rezábase ao longo do día falando normalmente na nosa única lingua coloquial (o galego). Aquilo abriume grandes camiños de liberdade interior. Sobre o cárcere da orfandade e outros problemas daqueles tempos foise proxectando unha nova luz e esperanza que aínda hoxe, “mutatis mutandis”, seguen tendo validez, porque os meus edificaron sobre rocha firme.

Isto vén a conto porque non hai moitos días alguén me preguntou no cárcere de Teixeiro se sabía o que era rezar en momentos de angustia e se se podía confiar en que Deus nos atendese algo. Eu conteilles esta experiencia.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES