Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un medallón real

lunes, 16 de junio de 2014
Agora que andamos de mudanzas na Zarzuela, ocórreseme a min, benquerido lector, contarlle unha anécdota da que é posible que oíra falar algunha vez se ten algunha relación coa miña vila ou por algunha causa participou nalgunha visita guiada polo mosteiro. E que seguramente lle será completamente descoñecida se nunca lle contou ninguén algunha das moitas historias grandes e pequenas que dormen un sono centenario de pedra entre as grosas paredes do convento celanovés.

Velaí: Quixeron os diferentes arquitectos e mestres de obras que traballaron no deseño e coordinación do levantamento do claustro das procesións do devandito convento, que os alicerces que sosteñen as fermosas e estilizadas nervaturas góticas sobre as que se asenta o piso alto do patio monacal estivesen adornadas con figuras de reis e raíñas, señores feudais e outros rostros, nalgún caso oníricos e certamente vistosos ós ollos de profanos e entendidos da arte.

En total son algo máis de medio cento que varían conceptualmente segundo o pasillo no que se atopen e entre os que incluso se reproducen as efixies dos 12 apóstolos.

Pero o máis coñecido de todos eles é un que se encontra no reverso da segunda columna da nave norte, porque entre outras razóns, está perfectamente desvelada a súa identidade, xa que logo, en letra diáfana e clara pódese ler "Carolus V", facendo, polo tanto, referencia ó todopoderoso emperador hispano-xermano que tanto fixo por colocar a nosa historia na historia universal.

Respecto deste rei, conta Alfredo Cid Rumbao nun estudo histórico sobre Celanova e o seu mosteiro, que é moi posible que denantes de decidirse por Yuste como lugar de retiro definitivo, o emperador "había pensado en terminar sus días en Celanova". E que non o fixo "por el clima gallego y las dificultades del viaje, cosa que no había afectado a los reyes de antes del siglo XIV, ni al propio Carlos cuando vino por otras cosas".

Logo, deixando a un lado o seu papel de historiador e colocándose nun plano de fabulador, Cid Rumbao completa o seu relato dicindo que "los gallegos, siempre suspicaces, pensamos si la majestuosidad de Celanova no hubiese eclipsado a la que le quedaba al emperador".

Sexa como fose, o caso é que o escultor dos medallóns decidiu deixar constancia de tal posibilidade confeccionando un fermoso busto en pedra que calquera pode contemplar hoxe se se achega ó claustro barroco celanovés e repara con tino no conxunto, mentres deixa voar a imaxinación e pensa na dimensión turística que lle tería dado o emperador a Celanova -e a Ourense- se a humidade e o frío destas terras non lle afectasen á gota e outras moitas doenzas que o tamén abdicante emperador padecía.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES