Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O malestar da cultura galega

sábado, 14 de junio de 2014
Na Coruña hai unha Praza do Libro que pode quedar sen librarías. A forte baixada das ventas foi a causa do peche da Libraría Nós, un referente na cidade que levaba aberta corenta anos. Á súa beira está a Libraría Couceiro, dedicada en exclusiva ao libro en galego; desde 1982 estivo rexentada por Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que agora, chegada a idade da xubilación, vanse dedicar á lectura e a coidar da súa horta. Polo momento semella que atoparon relevo, pero esta mítica libraría tamén estivo a piques de pechar as portas.

Son malos tempos para a cultura. Por razóns diversas ( a numerosa oferta audiovisual, o acceso a contidos na rede, o impacto da crise que diminúe o gasto en cultura, a falta de apoio institucional á industria do libro ou a propia devaluación da cultura na sociedade actual) nos últimos anos produciuse en Galicia un descenso moi notable -case un nove por cento desde 2006 a 2012- no gasto familiar en bens e servizos culturais, tal como revela un informe do Consello da Cultura Galega.

É un dato preocupante, sobre todo tendo en conta que Galicia xa se atopaba entre as seis comunidades autónomas (CCAA) co máis baixo consumo cultural.

A compra de libros non de texto descendeu preto do 50% entre 2007 e 2012. Tamén descendeu, de forma drástica, o número de libros publicados en galego. En 2013 publicáronse pouco máis de setecentos libros, a metade do ano anterior, consolidando unha caída vertixinosa iniciada en 2008, cando se rexistrou un récord histórico con máis de dous mil títulos.

Se cadra ten que ser así, e hai que admitir que a publicación de libros en papel está condenada a esmorecer pouco a pouco. Mais resulta comprensible a indignación dos editores que ven como, desde que goberna o PP en Galicia, a edición de libros en galego caeu un 36%. A Asociación Galega de Editores expresou a súa desconformidade cos orzamentos da Xunta para 2014, nos que se reflicte un novo descenso ( 440.000 euros menos que o ano anterior) para a edición de libros en galego.

Os editores describen a realidade: só o 13% de todos os libros que se mercan en Galicia están escritos en galego. Lembran que a compra institucional de libros galegos “destinados a bibliotecas públicas reduciuse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un descenso do 60% ao longo da última lexislatura". Propuxeron un decálogo de medidas para para fomentar a lectura en Galicia. Pero a política cultural da Xunta non contempla axudas á industria editorial nin ás bibliotecas públicas.

Porque podemos pensar que a xente non merca libros e vai menos ao cine por razóns económicas, mais podería utilizar as bibliotecas públicas como forma de acceder á cultura sen custe. Pero a realidade é testana: Galicia é a antepenúltima CCAA no uso das bibliotecas, só un 16% da poboación accede a eses servizos. Un país que non le ten unha pesada eiva para afrontar o futuro. Pero os actuais gobernantes non ven unha ameaza nestes datos. Pola contra as súas decisións contribúen a afondar na brecha.

O investimento público en bibliotecas pasou de 5.5 millóns de euros en 2008 a 1,3 en 2013 (un recorte do 76,00 %). Ademais Galicia perdeu, desde o ano 2002, 49 bibliotecas públicas, mentres que no resto do Estado aumentaron. Camiñamos en sentido contrario. Na vez de favorecer o acceso á cultura e á información pechan as bibliotecas públicas e reducen drasticamente os seus orzamentos. Semella que houbera un plan de exterminio cultural.

Se cadra mesmo ven na cultura unha ameaza. Hai unha frase atribuída a Hermann Göring: “cando escoito a palabra cultura collo a pistola”.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES