Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mes do carballo

viernes, 13 de junio de 2014

Hoxe no calendario celta comeza o mes do carballo. Dedicaban cada un destes períodos a unha árbore, conscientes da súa transcendencia na nosa vida, sempre en comuñón e harmonía coa Nai Terra. Castelao ten escrito: “A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia”, e para os nosos devanceiros o carballo é a máis excelsa... Sempre me abraiou a sabedoría da nosa xente, aprendendo os ritmos da natureza, para poder sementar e seiturar, medindo a forza do sol e da lúa para acometer as tarefas da vida cotiá, mesmo para organizar as súas andaduras...

Foi un proceso vagaroso pero determinante para erguer a nosa civilización, e aínda hoxe vivimos neste leito. De feito, en moitas xeiras buscamos o apoio e a protección dunha árbore para facer camiño, porque coma refire o dito popular: "Quen a boa árbore se achega, ben acubilla". Nestas circunstancias sempre encamiño os pasos ó bosque fluvial do Madalena, ó pé da “árbore dos soños”, que labrou en ferro o escultor Valdi, para poder colgar das súas ramas os contos, soños, angueiras…, que están a abrollar nos meus días.

Esta árbore dos desexos fica as súas raíces na agra literaria de Xabier P. Docampo, o druida, ó que o 21, festa maior no noso universo, homenaxea a Asociación de Escritores, en Castro de Ribeiras de Lea, a terra da súa nai, aínda que naceu en Rábade.

Esta árbore foi recoñecida pola tribo o 24 de outubro do 2009, no plantel que rega co seu sangue o Rañego. Dende aquela segue a xermolar renovos que medran no San Xoán, porque o solsticio de verán é a hora axeitada da roda do ano para comunicarse coas fadas Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), e o narrador nos arrola con aqueles contos de Cambás a Parga, que aprendeu do seu pai de Xermar-Cospeito... Xa ó amencer da sanxoanada que se presta para xogos máxicos, imos mergullarnos no río despois de saltar o lume na compaña de A nena de auga e o príncipe de lume (Xerais 1990-2012), e alongaremos a nosa complicidade co río, folleando O libro das viaxes imaxinarias (Xerais 2008) Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata entrar en A casa da luz (Xerais 2002), porque Docampo é O home que inventou unha maneira de andar (1998), na novela que nos sorprende coa maxia da vida.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES