Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (XII)

martes, 10 de junio de 2014
¡En hora e media, desde a Torre de Londres á de Alvedro! ¡Estes netos, que voan máis có pensamento! Outro tanto levábame, na súa idade, baixar a Mosteiro para coller o coche da Liña, o de Lugo. Deus vai ter que poñer atmosfera noutro planeta, se non a teñen, pois esta terra está revendo, encolle!
Espallando Ideas (XII)Pero o que máis me quita o sono é que, coa terra encollida, a distancia interpersoal cadora é máis ampla, ou iso me parece. ¡Que lonxe está o ego, cada un dos egos, do ego do meu próximo! Segundo teño entendido, Howard Gardner, na súa teoría das “Intelixencias múltiples”, iso que nos permite atender, atender pero tamén entender, aos demais, opina que ten relación directa coa área da cortiza cerebral chamada “lóbulo frontal”, que é onde radica a “área de Broca”. etcétera, etcétera. ¡Uih, qué alivio; menos mal se é así, pois, de tratarse da “cortiza terrestre”, a pouco íamos tocar, co minorado que está o mundo!
Onte mesmo: Non me cederon a dereita na beirarrúa, nin o asento dos vellos no bus, e despois déronme un forte empuxón, que seguramente foi pola miña lentitude en apearme; no Centro Médico, á voz de, “Pase o seguinte”, coáronseme dous ou tres; na panadería, cando ía mostrar o meu número, unha rapaciña aprestouse a dicir, ¡Eu, sona eu!; iso si, con voz doce, como de vinte anos, e por tanto, casadeira. Non lle din queixas, pois igual tiña présa, que igual a esperaba aquel rapazolo das barbas en gaveleiros apoiado no couzón da porta, seguramente de canso que estaba de tanto trasnoitar para…, para escoller rapaza!
¡Téñoo claro: é un problema de ubicuidade, que nos atropelamos ao encoller as distancias, tódalas distancias, en particular as persoais! Porén, a miña dúbida vai por outro lado: ¡Os egos tenden a separarse, e de seguir así, dentro de pouco, adeus próximo, pois, en vez de próximo, haberá que saltarse unha letra, o “q”; que estamos de cu uns para os outros xa o sabemos, e daquela pasar ao “r” de remoto! ¡Mira ti por onde ata os dicionarios están encollendo!
-.-


Penépole moderna

A vida dá que tecer, tanto aquí coma en Ítaca, non si miña Penépole? Ti esperabas por Ulises; pero todos agardamos un porvir, ese porvir que non acaba de vir!
No entrementres, non nos cansamos de tecer e de desfacer: Propósitos, promesas, ilusións… seguidos de frustracións! Temos pretendentes a barullo: luxos, vicios, tentacións que non se cansan de chamar á porta, ¡á porta inferi! ¿E nós, mentres, qué? Pois…, de convalecencia continua: Tratátamonos, medicámonos, facemos propósito da emenda, pero…, vivimos no mundo, e o mundo dá que facer, dá que loitar, dá que tecer!
Nacemos como nacemos, uns máis limpos cá outros, a uns bautízannos e a outros, non, pero aínda así, dun xeito ou do outro, nome temos, que xa é moda poñérnolo antes de nacer, agora que se coñece de antemán o sexo da criatura. Lávannos a todos, sexa coa auga bendita ou coa outra, pero a mesma auga adoita traer impurezas; e logo que as toallas conservan reminiscencias, por de estrea que sexan. Só se librou a Inmaculada…, soamente ela, e para iso por obra e graza do Gran Xefe! Os outros…, os outros si que somos fillos de Eva, de Eva e daquel Adán, que moi adán debeu ser para que así o nomeasen!
Nada máis nacer comezamos a respirar, e, ¿qué respiramos? ¡Contaminación; nuns lugares máis, e noutros menos, pero algo diso en todo tempo, en todo lugar, en tódalas familias! Ademais das tendencias que nos veñan nos xenes, que seica algo diso hai, antes de falar xa oímos, xa oímos que nos din guapos aínda que non o sexamos: ¡Aí comeza a hipocrisía, e nós sen vacinarnos dela!
Tempo adiante vacinarannos doutras cousas, pero diso da hipocrisía, pouco, pois é unha epidemia universal: ¡teremos que auto vacinarnos segundo vaiamos aprendendo a discernir, a distinguir o ben do mal, sinatura terrible, cadora máis! Así, pouco a pouco, iremos lavándonos da costra, da propia, destas e doutras desviacións, dos cheiros, dos malos exemplos, das tentacións da propia carne, pero…, o pero está en que, aínda que nos lavemos de mañá, a carraña, tanto a externa como a interna, agarda por nós, solicítanos en todo tempo, en todo lugar; solicítanos dun xeito parecido a como lle facían a Penélope aqueles sucios pretendentes emperrados en facela infiel ao seu Ulises. Ela tiña a desculpa de facelos esperar a que rematase coa tea, e así foi librando!
Nós, a imitación daquela Penépole, de tódalas Penépoles habidas e por haber, tamén lles podemos argüír ás tentacións que o estamos matinando, que a ver se mañá…, e así, nestas dilacións, algún día chegará a morte: se nos pilla inocentes, os pretendentes, as tentacións, xa non poderán con nós, definitivamente, xa non deformarán a nosa vontade salvífica!
-.-

Espallando Ideas (XII)
Carballos da miña carballeira, coma min rodeados de netos; coma min, en parella, que así lles din agora aos/ás consortes! Coma min, coma nós, gozando da posta do sol! Algo enzubrigados…, ¿e qué, ou é que os anos non pesan? A chepa vén de cargar coa Historia, tan pesada que é!
Os netos óennos, os netos vixían as nosas verbas, pero, de ben pensado, vai ser mellor calar porque…, porque non nos crerían! Están afeitos a ler contos, a que lles conten contos, ¡contos de mass media!, así que, daquela, cómo lles van crer aos vellos, téndonos por carrozas, por desfasados? ¡Hai que estar ao loro, avós, óese dicir por aí, e aínda que na nosa casa non se expresen así, o ambiente é contaxioso!
Cando me dicía meu avó que tiñades tres séculos, tampouco eu llo crin. ¿Dicirlles agora que ides para o cuarto Centenario, un pouco despois de Colón? ¡Deixa en paz a randeeira das súas ramas, avó, que agora son outros os deportes, tal que pegarlle patadas a un balón, polo estilo daquela egua que dicías que non se deixaba ferrar…! Ademais, as ramas baixas cortáchelas para a túa lareira, cando eras un rapaz friorento, así que agora, nin coa caiada lles das alcance ás que subiron para arriba.
Nunha destas ocasións, díxenlles: Gardádevos das trolas dos políticos, que eses si que son vellos, veñen de vello, de antes de nacer eu, ¡de moito antes!, así que, se alguén é fantasioso, son eles, que non eu; eu dígovos a verdade, e sempre de palabra, que así era o ensino na miña crianza, despois dos papiros pero antes dos papeis! Nada, nin con esas, que seguen sen crerse a historia dos meus carballos. ¿Qué será deles cando me igualen en idade, faranse crer, creranos? ¡Se é certo que a Historia se repite, daquela, non!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES