Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"Cartas a Antón", un Ensaio de Pedagoxía Social

martes, 10 de junio de 2014
Sen dúbida que os lectores de GALICIA DIXITAL son coñecedores de quen foi Bernardo García Cendán, o sacerdote e sociólogo vilalbés que tamén colaborou neste xornal dixital publicando unha serie de cartas dirixidas a un tal "Antón do Chamoselo", personaxe real ou imaxinario residente nunha parroquia rural preto de Vilalba (Lugo). Bernardo finou o 12 de xuño do ano 2012; mais o seu perfil biográfico esencial podemos velo en GALEGOS, e unha ampla mostra das súas misivas poden consultarse en Galicia Dixital. Estas reflexións sobre as súas cartas, lidas na Radio COPE de Vilalba-Lugo dende o ano 2002 ata o 2011, e que en decembro de 2013 foron publicadas en forma de libro polo IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos), pretenden ser unha modesta homenaxe o compañeiro e amigo no seu segundo cabodano.

Hai moitas formas de interpretar esas cartas. Poden considerarse como unha crónica local de Vilalba, como unha conversa pausada entre amigos preocupados pola vida diaria da vila e do seu entorno; ou podemos fitalas como un fardo de queixas dirixidas os responsables municipais. Mais pensei que outra perspectiva pode ser ollalas como un "ensaio de pedagoxía social" co seu estilo específico: forma epistolar confidencial cunha pequena doses de feitos puntuais ocorridos semana tras semana e con certa significación colectiva nos diversos ámbitos sociais. Nese diálogo de amigos aflora un determinado contraste entre dúas mentalidades, unha rural algo renovada nas sensibilidades e menos nas actitudes, e outra vilega e urbana máis ilustrada e crítica.

Sempre me atraeu a literatura de diálogos, desde a maiéutica de Sócrates pasando polos diálogos de Platón, polos consellos dialogados de Don Quixote a Sancho, polos mellores diálogos das obras de teatro e, no plano xornalístico, polas sorprendentes respostas de "Peludez, Filomena e Peludeciño" no Progreso de Lugo cando eses protagonistas aldeáns viñan as feiras de San Froilán da capital Lucense. A literatura de diálogos sempre permite introducir na conversa moitos puntos de vista que enriquecen a verdade complexa, tal como se encontra na realidade dos diferentes grupos sociais. No caso das "Cartas a Antón" Bernardo García Cendán confronta, unha vez máis, dous supostos mundos que observaba na Galicia rural: a mentalidade da poboación dispersa en aldeas e parroquias rurais e a poboación das vilas semiurbanas ou semirrurais, dependendo dos criterios e indicadores sociais que se utilicen.

Ó meu ver, querendo ou sen pretendelo, Bernardo creou dos tipos ideais sociolóxicos: un estritamente rural, representado por "Antón do Chamoselo", e outro vilego asumido por lo relator nas súas cartas para ser lidas na Radio. Que é un tipo ideal? -Este concepto foi desenvolvido polo sociólogo alemán Max Weber para sinalar os trazos esenciais de un determinado fenómeno social. O caso máis salientable deste tipo de construción sociolóxica foi o da "Ética protestante e o espírito do capitalismo". Ese modelo ideal exposto por Max Weber a comezos do século XX, ten como trazos esenciais o exercicio dunha profesión, a racionalidade, o ascetismo ou austeridade, e o enriquecemento como sino de predestinación á salvación eterna. Un tipo ideal non existe puro na realidade concreta, porque é só unha construción abstracta que salienta determinadas características dun fenómeno social ou dunha persoa. Un tipo rural ou vilego galego ten un determinado perfil, mais nunca se axusta totalmente a un modelo ideal por moi ben descrito que estea.

Como Chegou Bernardo a planear o diálogo con ese tipo de personaxe galaico? Descoñezo a xénese das "Cartas a Antón"; mais en varias conversas temos falado da relación entre os rapaces e rapazas das aldeas e das vilas, e dos encontros todos eles nos famosos "Noitebus" e nas discotecas máis sonadas da comarca e de máis aló da contorna. A impresión de Bernardo era que nesa mocidade, rural e vilega, había unha respectuosa camaradería, mais non unha integración total. A proba ou indicador estaba nos escasos noivados e casamentos entre rapaces e rapazas de ambos tipos de asentamentos de poboación. As tradicións e estilos de vida cotiá seguen tendo aínda o seu peso en cada circunstancia ambiental.

Nas primeiras cartas o sociólogo-pedagogo Bernardo achacáballe determinados defectos e carencias ó cidadán "Antón do Chamoselo" de 70 anos. Dille repetidas veces con agarimo que era un teimado, un retranqueiro, un ambiguo permanente, un posible submiso os que sempre mandan para que sigan mandando; pero ó mesmo tempo descríbeo como máis listo que a fame, que ve nacer as margaridas antes de que xermolen e que toma constantemente precaucións para non ser fichado e non perder as posibles concesións benéficas que fan os políticos en épocas electorais. É sensible e clarividente ante os problemas do seu entorno, mais gárdase ben de expoñelos en público.

Este tipo de galego rural levoume directamente a lembrar ó personaxe "Peludez" aparecido por primeira vez en 1908 no xornal "El Progreso" de Lugo, un prototipo de labrego creado por Antonio de Cora Sabater. Desde o comezo ese personaxe imaxinario, pero con fundamento na realidade, visto na pluma do seu artífice non era peludo, nin ignorante nin groseiro, senón un labrego intelixente, humorista, retranqueiro e oportuno nos seus comentarios. Despois de pasar varias vicisitudes e de desaparecer e reaparecer varias veces durante os anos da Ditadura de Primo de Ribera, da II República e da guerra civil, no ano 1939 faise cargo de "Peludez" José Trapero Pardo que firma co Pseudónimo de Trapacero, xornalista que logo sería director do Progreso durante anos. Para romper a monotonía solitaria do "feirante do San Froilán", xa nos anos de 50 Trapero Pardo mete en escena a Filomena e Peludeciño, muller e fillo do Peludez. A Filomena significábase polo seu permanente castrapo que, ó parecer, suscitaba a ledicia de moitos lectores; e o Peludeciño, con traza de ser tan listo coma o pai, facía os seus propios comentarios non sempre coincidentes cos do seu proxenitor.

Ata aquí chega a aparente coincidencia de "Antón do Chamoselo" co "Peludez" creado e sostido durante tantos anos no Progreso; mais a actitude dos seus xornalistas creadores ante o seu modelo ideal foi moi diferente. Bernardo defendeu con decisión o seu Antón do Chamoselo, o entorno rural do personaxe e os seus grandes valores, especialmente a lingua; sen embargo os sucesivos xornalistas do Progreso deixaron que o seu Peludez, a súa dona Filomena e o mesmo Peludeciño se balanceasen entre o asombro e a chanza ambigua dos lectores. Unha análise máis ampla e matizada sen dúbida que deixaría patente as diferenzas entre o Antón e o Peludez, e entre as actitudes dos autores que perfilaron eses tipos ideais e as relacións deses dous mundos, rural e urbano, de Galicia.

Bernardo, como xa dixen, asume de forma implícita o rol de vilego que é una situación intermedia entre a mentalidade rural e a das cidades deshumanizadas. Representa as minorías ilustradas das vilas abertas o mundo e a modernidade, sempre atento o que pasa no seu entorno local inmediato, en Galicia, en España, en Europa e no mundo globalizado. Fai constante referencia a ese humanismo de proximidade das vilas que tanto parola co vendedor de cupóns de loterías coma co profesor de instituto ou co médico do ambulatorio. Desenvolve un espírito crítico razoado e razoable fronte a desidia dos responsables municipais; mais tamén salienta o traballo exemplar de moitas persoas, con sensibilidade e tarefas en prol do ben común, tanto do medio rural disperso como do urbano das vilas.
As "Cartas a Antón" son, no meu modesto cavilar, un intento de pedagoxía social para aproximar definitivamente e mellor construír as relacións deses dous mundos da Galicia rural, o das parroquias dispersas e o das vilas. En cada un deses espazos o sociólogo vilalbés encontraba, entre outras moitos problemas, un Talón de Aquiles específico de cada espazo: no medio rural disperso percibiu unha actitude de impotencia e submisión ante os poderes públicos e unha agonía demográfica sen precedentes; e no escenario das vilas constatou un rumbo sorprendente cara un feísmo urbano acumulativo, froito da irresponsabilidade dos dirixentes municipais aliados con determinados poderes fácticos que incumpren todas as regras urbanísticas sen miramentos.

Os dilemas ético-morais son tremendos: a poboación critica polo baixo ós responsables municipais, mais á vez bailan ó son deles coa expectativa de ser favorecidos ou polo menos non excluídos de certas melloras individualizadas. Os responsables municipais teoricamente acatan as normas urbanísticas dos lexisladores superiores, mais na práctica son para non cumprilas sen que pase absolutamente nada. O que está fallando é unha moral colectiva pública e tamén privada, tanto dos dirixentes como dos dirixidos. Non se desenvolveu o sentido do ben común colectivo. E isto trae unha serie de consecuencias acumuladas en cadea que fan das nosas vilas, insertas nun medio natural fermoso, todo un mundo de feísmos moitas veces irreversibles; e, simultaneamente, o mundo rural disperso baléirase de xente e avanza cara unha ecoloxía do abandono.

É acertado este diagnóstico? Quizais si, mais, para non caer nun catastrofismo sen retorno, faltan por detallar outras forzas nacentes e actuantes neses escenarios que contrarrestan ese rumbo desastroso. Como se romperá esa cadea de desatinos? Teñen que entrar en xogo novas xeracións, movas mentalidades e novos actores sociais. O fracaso visible de determinadas políticas actuais poden levarnos a un novo rexurdir. O mundo das aldeas e das vilas teñen que integrarse definitivamente nun novo suxeito histórico que rompa os vellos hábitos políticos incapaces de construír un futuro razoable. Estamos de novo no eido da utopía necesaria.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES