Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Pontes: 40 anos "afumando"

lunes, 09 de junio de 2014
A cheminea das Pontes, 40 anos "afumando"

Cúmprense 40 anos do remate das obras da cheminea de Endesa nas Pontes de García Rodríguez. Nun pé de foto do sempre meu estrañado Ferrol Diario, do 5 de xuño de 1974, líase (traducido): "A estilizada silueta da cheminea da Central Térmica das Pontes levántase contra o ceo como unha lanza ameazante. Xa finalizou a construción desta obra xigantesca que cos seus 356 metros de altura rivaliza cos edificios máis elevados do mundo".

O de "lanza ameazante" non sabería interpretar se como metáfora ou como presaxio de capítulos negativos que no futuro escribiríanse. Porque esta cheminea, símbolo de emprego, máis que de riqueza, xa que esta se esfumaba, nunca mellor dito, na súa maior parte cara a outros lugares, garda no seu pasado a triste marca de lanzar bocanadas de fumes contaminantes até ser considerada como unha das que maiores niveis de emisións de CO2 alcanzou.

Lembro que fai agora precisamente corenta anos -xa choveu de todo- dábase a coñecer un informe do Departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago moi alarmante. "O que se pretende lanzar -texto traducido do español- fará irrespirables uns 250.000 millóns de metros cúbicos de aire...A Central Térmica equivale en contaminación a unha décima parte da produción en USA...Sobre Galicia caerán millón e medio de toneladas de xofre", publicaba o xornal Ferrol Diario. O rotativo local chegou a facer unha enquisa entre poboadores da vila pontesa e un dos entrevistados dicía "o estómago cheo aínda que sexa con contaminación é mellor que baleiro con aire puro".

Outro episodio, que eu recordo por cubrilo informativamente ten que ver co movemento obreiro e as reivindicacións laborais, xa que ao ano seguinte de ser inaugurada, isto é no 1975, dous sindicalistas escalábana até a cima, mantendo o foco de atención da prensa da época. Á volta eses dous dirixentes, José Luís Muruzábal e Miguel Anxo Domínguez Bolaños, foron represaliados cunha multa de 100.000 das antigas pesetas e ao non poder pagalas deron cos seus ósos no cárcere. Un deles, Muruzábal, logo estudaría a carreira de avogado que exerceu na veciña cidade coruñesa onde falecía aos 66 anos cumprirase un ano en xullo. A gran cheminea das Pontes continúa "afumando", pero menos e, paradoxos da vida, malo o día que deixe de botar fume.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES