Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parlamento das Letras: Anxos Sumai

sábado, 07 de junio de 2014
Anxos Sumai ten a voz rumorosa das augas de Catoira. A súa clámide
literaria é unha veste tecida nos invernos do Ulla e os ventos xordos
das Torres do Oeste, as mesmas que, agónicas, chamaban por Rosalía.

Nas orixes, o seu foi a escrita ultracurta, o xénero da microcrónica
narrativa sobre o cotián que reflicten eses mosaicos dos días e os
traballos que foron Anxos de garda (2003) ou Melodía de días usados
(2005), fillos mestizos do dixital e o tradicional, escrita de
temática múltiple e fórmula compacta.

Logo veu a novelística breve, a radiografía dun mundo interior, o
abalar das psiques e segredos inconfesables que nos lembraron que Así
nacen as baleas (2007).

Ese mesmo mundo de identidades cambiantes, de seres perdidos na súa
propia circunstancia e aínda de bipolaridades complexas volveu
comparecer con toda intensidade en A lúa da colleita (2013), a súa
máis recente e celebrada novela, un territorio para as areas
movedizas da memoria e as loitas co eu, o peor inimigo.

Sumai escribe como quen envía un sonar aos abismos da conciencia,
explora as zonas de sombra do ser para revelárnolas con pulsos de
sons literarios, emisións de radio verbal que nos devolven a imaxe
dunha perturbación de onda para revelarnos esoutros nós que
inconscientemente tamén somos.

Aquí a nave Sumay aflora á superficie, faise diáfana e visible para
falarnos da singradura propia, mais tamén dos perigos dos baixíos,
das encalladuras que hai que salvar, mariña experta, porque ela
tamén navegar, sempre e mais despois.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Nos anos oitenta en revistas de cómic como Valium Diez e Das Capital,
promovidas por Fausto Isorna e Arturo Regueiro. Con todo, a primeira
publicación con ambición e con certa presenza pública foi
“Relembranzas con Palmira e banana split”, que compartiu con
relatos de Miro Villar e doutros autores un libro colectivo editado
por Ediciós do Castro. Ese libro, do que non lembro o título pero si
a cuberta —un boneco Michelín sobre fondo amarelo— recollía os
contos gañadores de varias edicións do premio Modesto R. Figueiredo.
Despois foi Enrique Acuña quen me publicou o primeiro conto longo,
Maia florida, como separata dunha revista que se editaba co gallo do
día da celebración dos Maios en Pontevedra. Creo que era da
Asociación Cultural A Seca, non lembro ben. A esta publicación
téñolle moita querenza, porque Acuña enviouma a Madrid, ao hospital
Puerta de Hierro, onde me acababan de extirpar un tumor cerebral,
coñecido na familia e entre as amizades como “A Mandarina”. O
hospital Puerta de Hierro converteuse na sección Anxos de garda, que
publicaba en culturagalega.org, na nave nodriza que debía visitar
cada trimestre para someter o meu cerebro a minuciosas exploracións.
Dese tempo quédame a sensación dunha vida fragmentada, con data de
caducidade trimestral.
Despois dun longo silencio como autora, no que me dediquei a
traducir, publiquei Anxos de garda, tamén da man de Enrique Acuña,
na editorial A Nosa Terra. Como tradutora tiven a posibilidade
marabillosa de reescribir os Diarios de Syra Alonso, grazas a Carme
Vidal que coordinaba a colección Mulleres d’A nosa Terra.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis
desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que
recibiron ese trato desigual?

Todas foron ben tratadas, tanto polas persoas que as leron como pola
crítica. Publico pouco e, cando o fago, é porque considero que paga
a pena. Quizais Melodía de días usados foi a que pasou máis
desapercibida, pero esa sensación poida que se deba a que eu lle
teño especial cariño e da que, polo de agora, estou máis orgullosa.
Supuxo o meu paso a Galaxia, da man de Carlos Lema, editorial coa que
sigo publicando. Hoxe en día, creo que sigo publicando grazas a Lema,
porque o seu criterio éme fundamental e, en certo modo, evita que
destrúa todo o que escribo.
Tamén houbo unha obra que non tivo transcendencia ningunha: Fedya
Serguievich derreteuse de amor. Tratábase dunha edición limitada
publicada por Román Pereiro para a súa galería-librería Aguatinta,
en Vigo. Foi unha publicación feita en colaboración co pintor Bosco
Caride, un relato delicado sobre o doado que é tirar proveito da
creación allea.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Si, claro que teño hábitos e manías. Durante moitos anos foime
imposible escribir porque primaba a miña calidade de muller educada
para crear unha familia e atender un fogar. Zafei do destino imposto,
aprendendo a facer niños privados. Por iso, o primeiro dos meus
hábitos, escriba onde escriba, é construír un niño que me acolla.
Normalmente fágoo no piso que habito en Compostela pero tamén sei
como crealos na casa familiar de Oeste, no cuarto dun hotel ou nas
cociñas das persoas que me acollen cando viaxo.
Canto ás manías, durante moito tempo traballei con música de fondo:
o río Moldava de Smetana fixo fluír moitas palabras, pero tamén o
hip hop de Eminen. Agora escribo en silencio absoluto, sen música e
co timbre da porta e o teléfono desconectados. Tamén preciso orde
arredor, supoño que para ordenarme eu por dentro. Por último,
preciso nicotina. Sempre dixen que a literatura me era insá, que me
ía matar dun cancro de pulmón. E, de acontecer, compensaríame a
felicidade que me produce escribir.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que
autores/as preferirías figurar?

Por máis que penso niso, non atopo a resposta. Acódeme unha
sensación de futuro fúnebre. Ocórreseme que, se a cousa vai en
serio, gustaríame estar coas escritoras e os escritores que quero,
pola compaña, a diversión e as confidencias. Porque, cuestionando as
antoloxías e as etiquetas, gustaríame estar cabo de quen crea
libremente, renegando precisamente do grupo. Tamén se me ocorre que,
como só conservo na miña biblioteca as obras que realmente me
importan, non estaría mal considerar a antoloxía da que falas como
se fose a miña biblioteca e estar nos andeis canda eses libros que amo.
Curiosos puntos de vista: como escritora odio as etiquetas, como
lectora ignóroas, pero como bibliotecaria debo catalogar e clasificar
obras. É un interesante conflito.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria,
¿que trazos salientarías?

Publico moi pouco e espero que siga sendo así. Son consciente de que
aínda estou aprendendo e de que me queda moito por aprender. Aprendo
amodiño, ademais. Quizais a consciencia de que todo o que escribo é
efémero poida servir como apuntamento para esta pregunta. Tamén me
sigo recoñecendo tan inxenua e tan curiosa coma cando comecei a
escribir de nena. E igual de ambiciosa, e por iso esixente, como
escritora. Podería recoñecer, neste momento da miña escrita, a
dificultade que me supón construír novelas en liña recta, cun
principio, un desenvolvemento e un final: de aí que a obsesión polo
tempo narrativo poida ser outro trazo característico. Pero son
elementos puntuais. Se volvo publicar, e me someto a un cuestionario
coma este, cumprirame concluír que todo o que acabo de dicirche é
unha impresión momentánea.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas
con frecuencia?

Nunca me acompaña un só libro. É difícil que lea un libro de cabo
a rabo e dunha sentada. Prefiro que non ocorra iso, porque me gustan
os libros que teñen cargas de profundidade, que estouran nun
parágrafo e se acalman noutro. Polo xeral non me interesa demasiado a
historia que contan, senón como é contada.

Cada ano fago un expurgo na miña biblioteca -manías necesarias de
bibliotecaria-. Levo anos facéndoo e cada vez cústame menos
eliminar libros fisicamente. Conservo aqueles que realmente necesito
tanto para gozar da lectura como para aprender. Das obras que lin, as
que de verdade me importan están comigo. Por exemplo, están comigo
as obras das escritoras galegas, porque me son referentes, modelos,
apoios e, moitas veces, afecto. Agora mesmo véñenme á cabeza dúas
obras: Corazóns amolecidos en salitre de Rosa Aneiros e o Libro de
Alicia de Olalla Cociña. E mais un poema de Alicia Fernández que eu
coñezo como “Dói-dói”.
Como resposta concluínte: teño unha mestra e un mestre e recorro á
súa obra cando estou perdida: Yasunari Kawabata e Ken Bugull. Un
xaponés, unha senegalesa. E, en horas extremas, sempre están Maruyme
Garusia e Sylvia Plath. Polo medio calquera libro de Chus Pato e o
Catálogo de velenos de Marilar Aleixandre.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra
definitivamente?

Están vivas, e iso é marabilloso. Como lectora alégrame entrar
nunha librería, follear os libros con tranquilidade e asegúroche que
sempre atopo algo que me interesa, cousa que non acontecía deica hai
poucos anos. Aparecen poemarios, ensaios, novelas…, con propostas
temáticas e formais distintas. Así que o valoro positivamente, como
lectora, porque me gusta elixir e non ter que limitarme a obras
impostas polos premios literarios ou pola crítica ou polos
escaparates das librerías.
Como bibliotecaria gústame poder cuantificar a produción anual,
consciente de que o número non sempre supón calidade pero sei que é
un camiño cara á normalización. Tamén me parece importantísima a
aparición de novas editoriais que, malia a crise, teñen a valentía
de publicar obras difíciles de editar neste momento. E,
evidentemente, é tamén un bo sinal o aumento das traducións ao
galego. Neste sentido, e xa como autora, boto en falta a tradución
das nosas obras a outros idiomas.
Hai outras cousas que boto en falta, como escritora, lectora e
bibliotecaria: parece que só escribimos para nós, fáltanos a ansia
de escribir para o mundo enteiro, sen traizoar as claves culturais
que nos aleitan e fan máis fortes, xusto por ambición universal, as
voces persoais.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non
deixar escrito?

Chegado ese momento e, se non o teño feito antes, gustaríame
escribir a historia dunha heroína e dun heroe: a historia da miña
nai e a do meu pai, porque souberon que, antes de calquera outra
cousa estaba a educación nosa, a das súas fillas e a do seu fillo.
Para que a educación nos proporcionase capacidade de crítica, de
respecto, e para que aprendésemos a vivir en por nós, coa liberdade
de elixirmos, renunciaron á comodidade, traballaron sen acougo e non
viviron a vida que seguramente soñaron. E non, non recorreron nunca
ao ensino privado.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Como dixen antes, paréceme interesante para a lectura, pola cantidade
de obras que se poden ler, pero é un chisco frustrante para quen
escribe, pola cantidade de obras ás que non terán acceso as persoas
que len porque será difícil que sexan publicadas. Cousas do mercado
literario.
Creo que perdemos moitos anos de investimento en lectura e mesmo teño a sensación de que vivimos unha mentira, de que alguén nos enganou, como se canda o boom inmobiliario se crease un boom cultural para acalmar conciencias. Dóeme ser consciente de que iso é certo, de que fluíron moitos cartos que non se dedicaron a formar lectoras e
lectores libres. Non se investiron nunha industria cultural sa. De
todas formas, debo dicir que, se non houbese ese investimento público
en edición, seguramente a min nunca me chegasen a publicar. De novo,
un sentimento contraditorio.
Creo firmemente nas escritoras e nos escritores de hoxe que traballan, sen dirixismos, construíndo. Daquela, deixemos que o fagan á súa maneira. E non falo en primeira persoa porque me considero intoxicada pola cultura da transición, pola impostura de soñar un pais holográmico. As novas literatas, os escritores, deberían crear non na posición de quen resiste, senón na ousadía de quen avanza. Xa soñamos abondo, é tempo de construír.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Agradézoche a oportunidade de participar no Parlamento das Letras.
Foime un cuestionario complicado. Como escritora non me gusta saberme
esmagada por este tipo de preguntas cada vez que publico un libro.
Pero, tamén como escritora que debe promocionar a súa última
novela, agradézoche especialmente este espazo libre para dicir o que
penso, aínda sendo consciente de que tardei anos en responder o
cuestionario e de que o fago agora porque me cómpre seguir facendo
visible A lúa da colleita. O agradecemento é máis grande por iso
mesmo, por “utilizarte”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania