Gañou o fracaso
Andrade, Fernando - viernes, 06 de junio de 2014
Un pouco a toro pasado e non entrando en detalles, referímonos aquí as derradeiras eleccións europeas.
En debates tales como o de o sexo dos anxos no asedio a Bizancio citado fai pouco por Xulio Xiz con este mesmo motivo- o peor non é probablemente a inoportunidade das elucubracións -que non deixan de ter certa graza- senón a súa duración. A este paso, pronto teremos tamén entre os políticos a nova figura xurídica do asasino con premeditación e aburrimento.
Pero, a causa de tanto ruído, inda peor que non saber qué elixir é non saber a quén elixir. Moitos ideais, incluso os máis artrósicos, inda poderían soportarse un pouco máis se houbera alguén recoñecible detrás deles. Pero o terrorífico é que no futuro inda se nos podan vir encima máis listas pechadas de descoñecidos patriotas e patriotos feministas e austeros -por aquilo da novidade-
Somos rehenes dunha estraña voracidade política. Igual que no fútbol, case todos os políticos van soamente detrás dun balón baleiro e todos nós, sorprendentemente, vamos tamén detrás deles, peleándonos. E dicir que, pese as aparencias, ninguén vai detrás de nada, nin sequera do fútbol; soamente do gol.
Porque nestas memorables eleccións europeas 2014, a gañadora foi a abstención xeneralizada, con máis do 50% de votos a case tódolos niveles e case en todas partes. O resto da xente non fixo máis que perder.
Calquera outra sofisticada versión escurece un pouco esta verdade non soamente contundente senón apremiante. Porque algúns capitáns están abandonando xa o barco o máis dignamente que poden e moitos grumetes apréstanse xa a sustituílos sen más aparellos que os que hai. Novas políticas non van a arranxar o asunto. Nunca mellor dito aquilo de morderse a cola (de non dar saído nunca antagonicamente do antagonismo). Cando os políticos parece que van a renovarse, a discordia fai con eles o que a mala vida de Dorian Grey facía co seu retrato: envellecelo ata un apuñalamento final que rexuvenéceo, si, pero a costa da súa propia vida.
Esta abundante e contundente noticia, que, coma sempre non acaba de aparecer así por ningunha parte, vai tendo xa cada vez máis esa estraña tozudez das grandes leis naturais. O que agora empezamos a chamar un pouco o desgairo partido abstencionista, é o estrea sen bautizo dun nome probabelmente inevitable. Pero se por outra parte estes porcentaxes non significaran a vitoria do fracaso, a base mesma do sistema electoral estaría mal; é dicir, a democracia aritmética estaría mal.
Nin a penicilina nin a Lei da Gravitación Universal nin a Teoría da Evolución foron decididas por maioría. E o berro ¡auga ás cordas! do mariñeiro ligur aquel que, saído dunha multitude enmudecida baixo pena de morte, conseguía enderezar finalmente o obelisco da Praza de San Pedro, non se pode tomar precisamente como unha alegoría da eficacia colectiva. Foi soamente consecuencia dunha individualidade que, pese ó silencio e a represión, inda se atreveu a dicir que o cáñamo encolle coa auga.
A este respecto hai un tópico antagonismo entre democracia* e o individualismo en certo modo entre a opinión e a reflexión, entre o Home e o home- que a escasa preparación dos políticos nunca poderá resolver. Pero ademais hai intereses: igual que a cabra tira ó monte, ningún pasto mellor que a política para corruptos e mandóns.
Nestas complicadas condicións, á parte dunha boa vixilancia e dos obvios recortes de salario, autoridade e prominencia, parece que o máis conveniente -o que verdadeiramente está pedindo Europa a tódolos niveis de agregación- sería plantearse a idea de gobernar sen políticos*.
Non escandalizarse. Igual que precipitadamente sucedeu coa física cuántica, a cosmoloxía, a bioloxía molecular, os antibióticos, os viaxes espaciais, a informática e tantas outras cousas, seguro que nalgún sitio hai xa uns poucos, moi poucos, que de paso que van pra Marte están preparando xa este salto. Porque seguro que foi así, a saltos, coma o home primitivo chegou ata nós.
Non lle recomendo en cambio ós neófitos ningún outro tipo de transporte.
Pero -coma tamén recomendaba Xulio Xiz- eu fun finalmente a votar coa nariz ben tapada.
_____________
*Pese a súa complexidade etimolóxica e histórica, coidamos que unha fiel, sinxela e actualizada significación da palabra democracia podería ser goberno dos gobernados. Falta agora unha igualmente fiel, sinxela, actualizada e, se se me permite, compatible definición de político.

Andrade, Fernando