Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación do libro 'O Cebreiro'

jueves, 05 de junio de 2014
Boas tardes-noites.
Señor Deputado de cultura, señor José María Nuñez, señores e señoras. A verdade é que falar do Cebreiro parece moi fácil e non é tan fácil. Cando comecei a redactar este libro do Mosteiro e do lugar, non lle vía demasiadas complicacións e pensei que máis ben para pouco ía dar o tema. ¡Qué pouco eu sabía do Cebreiro! E pouco máis sei agora. Se teño que dicirlles a verdade pásame aquel dito do sabio -¿canto sabe vostede? e él dixo -sei tanto que non sei nada-, iso é o que a min me pasa falando deste lugar.
Presentación do libro 'O Cebreiro'
O nome Cebreiro -Zabrarius mons- relaciónase co animal cebra, que sería cei-fera “egua brava”; pero tamén pode ser o colectivo dun fitónimo acifolium “folla de agulla”, nome do acivro/ cebro/ cibro. Particularmente, creo que debe derivar de cibro, é dicir, acivro, chamado por esa zona xardón.

O que hoxe vemos, para min non é máis ca un pobo de tipoloxía castrexa, como é o caso de Piornedo en Cervantes ou moitos outros. Nada sei de cando se asentou a poboación no lugar, iso pérdese no tempo, pero sabemos que xa había asentamento nos tempos dos romanos, é máis, o diccionario Madoz fala dunha vía por esas terras. Eu penso que é a chamada Antigua ou Camiño dos Romanos, que partindo de Veiga de Valcárcel, pasando polo dito lugar do Cebreiro, a vila de “Paturnello”, hoxe Padornelo, o Alto do Lago, Casa de Chancia, As Cruces, Furco da Meda, Ponte de Carracedo, O Corgo chega á cidade de Lugo, dende onde continua a Santa Eulalia de Bóveda, Friol a Palas de Rei, donde remata no Camiño de Santiago. Tamén era coñecido polo historiador árabe Idrisi, quen cita: “saíndo de Santiago por moitos pobos e terras cultivadas chégase en tres días aos montes “Mut Fabrayr”. Figura na división sueva dos doce condados lugueses, citando que o límite do condado de Sarria ía, entre outros puntos, a Meizarán, a Padornelo e ao Cebreiro. Eu penso que a dita división sueva ía polo camino referido, é decir Rudeira da Antigua, Antigua ou Camiño dos Romanos, nomes cos que se coñece e cos que figura en diversos documentos.

Se ben xa houbo asentamento prerromano, a data de cando se fundou o primitivo cenobio pérdese no tempo. Como estimación, o Padre Yepes sitúao no ano 836. Hipólito de Sá Bravo, citando a López Ferreiro, fala dunha doazón do rei Alfonso II ao presbítero Sisnando, que xa era administrador do incipiente mosteiro no ano 874. Tampouco se sabe quen doou as primeiras casas, as terras e con elas ían os foreiros. A parroquia de Santa María a Real do Cebreiro, hoxe O Cebreiro, e San Antón de Pedrafita do Cebreiro foi ou foron as primeiras doazóns. Logo xa aparecen as dádivas documentadas, ata un total de doce reis deron privilexio ou confirmaron os dos seus antecesores, a saber: doña Urraca, que no ano 1118, doa a fegresía de Pereje; Alfonso VII (1126-1157); Fernando II (1158-1188) que conxuntamente coa súa dona Urraca Alonso -infanta de Portugal-, doou a parroquia de Zanfoga, antiga Çanfoga; Afonso IX (1188-1230); Pedro I (1350-1369), Juan I (1379-1390), Enrique III (1390-1406); Juan II (1406-1454); os Reis Católicos (1474-1516) Carlos V estando na Coruña, o 28 de abril de 1520, confirma todos os privilexios dos seus antecesores; Felipe III, en 1606, fai o mesmo e Carlos II, o 28 de agosto de 1685, expide unha Real Cédula autorizando a pedir esmola durante cinco anos nas indias para o Santo Milagre do Cebreiro. Foi o dito rei o último en dar dádivas ó priorado. Pero non só foron os reis os que se preocuparon polo Mosteiro, tamén o fixeron varios papas como: Urbano II (1088-1099), Inocencio III (1198-1216), Pío III (1458-1464), Inocencio VIII, quen, en 1487, expide unha ampla bula facendo un extenso relatorio do Milagre Eucarístico, quen, á súa vez, e por petición dos Reis Católicos desmembra o Mosteiro da orde de San Xiraldo de Aurillac e anexiónao á grandiosa e poderosa Abadía de San Benito o Real de Valladolid.

Sobre o Santo Milagre ou milagre eucarístico, Luis Vázquez de Parga sitúao cara ó ano 1225, ponéndolle incluso nome ó protagonista Juan Santín, veciño de Foxos. É un dos vinteseis milagres eucarísticos documentados, contemporáneo dos de Santauren, 1247, e Bolsena, 1263. A exposición ou lenda deste feito é máis que sobradamente coñecida, por iso, vanme permitir que omita eu aquí falar do mesmo. Pero, retomando a historia e intrahistoria do Priorado do Cebreiro, hai que dicir que os reis que máis se preocuparon por el foron os Reis Católicos que visitaron o lugar o día 16 de outono de 1486, onde asignaron e despacharon documentos. Tivo dito Mosteiro unha ampla xurisdición que comprendía as parroquias do Cebreiro (hoxe O Cebreiro e Pedrafita) Hospital da Condesa, Liñares, Perexe, Veiga de Forcas e Zanfoga.

Ao contrario do que se viña dicindo, era un priorado con moitas rendas, atendido por entre tres a sete frades, que, no ano 1752, percibían: 2607 ferrados de centeo, 973 reas de vellón, 170 ferrados de trigo, 27 ferrados de castañas, 90 leitóns cebados, 361 cuartillos de manteiga de vaca, 174 cuartas de viño, 46 galiñas, 95 libras de queixo curado, 95 libras de queixo crudo, 64 feixes ou mañizos de leña para a cociña do priorado, 186 mangados de herba seca ou brazados de herba, e así unha longa lista que figura no libro.

Débese sinalar, que as previsións de comida para o ano 1825, para tres frades, eran de oito arrobas e media de aceite, dúas arrobas de arroz, unha onza de azafrán, unha arroba de bacallau, sesenta carneiros, dúas fanegas e media de garavanzos, vintecatro cuartas de viño, dúas fanegas de sal, media arroba de candeas e sebo, caramelo de azucre o necesario. ¡Como comían os lambóns!.

Aínda que a misión dos frades era socorrer ós peregrinos, non sempre se cumpría a finalidade para que fora creado o cenobio, así o 24 de decembro de 1494, os RR.CC mandan quitar a Alonso de Estadillo, prior do priorado, porque as rendas que tiña dito hospital non eran destinadas para os fins que foran doadas e os peregrinos estaban moi mal atendidos, morrendo de frío e de fame. Tampouco todo eran rendas e enchentes, había inconvintes e contrariedades, como varios incendios que reduciron tanto a igrexa como o edificio do priorado en meras cinzas; como pasou a mediados do seculo XV (+-1440), onde os frades de Valladolid din que “se quemó a fundimentis todo”, pero tamén debeu de arder cara ó ano 1410, aínda que non está totalmente documentado dito incendio.

O declive do Mosteiro, hospital, mesón ven dado pola desamortización, se ben non teño constancia de que na incipiente desamortización de 1625 lle afectase algo, si que sufriu consecuencias coa dos hospitais e obras pías de 1807, cando foron desamortizados os hospitais de peregrinos de Fonfría, Triacastela, Sarria, Castroverde, A Fonsagrada, Portomarín e Vilalba. Pero a maior incautación sucedeu o 18 de decembro de 1846, cando dunha atacada lle foron suprimidos máis de cen foros. Xa había anos que pasara a invasión napoleónica e non fora ben para dito lugar; entre outros feitos aparece documentado que foron queimados os libros de actas sacramentais, e dicir, libros de bautizados, matrimonios e defuncións; os libros relixiosos e as vestiduras sagradas, que foran gradadas nunha casa de Fontevedra.

Dende a desamortización ata os anos 1960, dito lugar pouco máis foi ca unha parroquia cun santuario de certa importancia e certa devoción por parte das xentes da montaña e da zona de Villafranca do Bierzo, ademáis de ser concello do Cebreiro por uns cantos anos. A recuperación do pobo prodúcese a partires dos anos 60 do pasado século. As obras da igrexa foron, ao meu xuízo, moi acertadas, pero non correron a mesma sorte os retablos e as tallas; e ninguén se preocupou de que foran gardadas no que ben podía ser un pequeno ou non tan pequeno museo do templo.

Para ir rematando, direilles que o traballo se divide en catro partes: a primeira parte do estudo, segunda parte do estudo, parte documental, terceira parte do estudo e facsímiles de documentos e, á súa vez, se subdivide nunha vintena de pequenos apartados con outros tantos temas.
Neste libro, trato de dar unha visión o máis correcta posible sobre o que puiden pescudar da historia e a intrahistoria do mosteiro, do templo, do pobo. Facendo unha descrición do templo prerrománico, do actual mesón, do museo etnográfico, do albergue de peregrinos, do museo hórreo fiandón. Ademáis de baleirar o Catastro de Ensenada e outros documentos e facer un relatorio de veciños, casas, terras e rendas, en 1753, para terminar cos facsímiles que me pareceron máis interesantes acerca da súa historia.

E para rematar, teño que agradecerlle á Deputación Provincial a publicación deste libro, agradecemento que lles fago extensible ao señor Deputado de Cultura, o señor Cuba. Non podo, nin tampouco quero olvidarme de José María Núñez, prologuista, veciño do Cebreiro, que tanto cariño sinte polo seu lugar de nacemento o que potencia onde vaia. Tamen teño que agradecer a moitas outras personas citadas e non citadas no libro.

Grazas a todos e a todas.
López Pombo, Luis
López Pombo, Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES