Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Graduación no "Lucus Augusti"

jueves, 05 de junio de 2014
NA FESTA DA GRADUACIÓN DOS ALUMNOS DO INSTITUTO “LUCUS AUGUSTI”

(Palabras do autor, profesor do Instituto, na Festa de Graduación)

Eu ben sei que sodes rebumbio e alegría, e risas entre silencios; eu ben sei que o día da verdade está entre nós, que as andoriñas xa viñeron a niñar neste Instituto noutras primaveras, e agora que xa sodes capaces de voar ata a Universidade, de botar ao ar as vosas ás doces e sabias de contidos para pousar noutros edificios e para pendurar os vosos futuros niños onde os vosos coñecementos e os vosos saberes poidan chegar á erudición e á sapiencia, á ilustración e á cultura a través dos altos voos da ciencia e da razón para facervos persoas ás que a capacidade crítica sexa o ronsel que van deixando os vosos voos pola rota do estudo ata o esteiro onde desemboca a proa da nao que vos leva.

Mais nós quedaremos aquí sabendo –ben seguro- que estas andoriñas novas están para saír, e que o noso desacougo por deixarvos farase sentimento de tristeza porque nosoutros-os profesores/as- somos algo de vós, unha faísca vosa que queda no noso corazón e incéndiase cando chega o momento da despedida, porque ninguén se dá conta da falta ata que chega, por iso ámbolos dous somos imprescindíbeis: vosoutros sodes as engranaxes e nosoutros a roda que vos leva ao descoñecido.

Viñestes, digo, como as andoriñas na primavera, e ídesvos na última primavera na que as notas concordaron aconteceres de loitas e fracasos, mais agora, fíxose unha nova luz primaveral e as vosas ás emprenden unha emigración ao outro lado do continente universitario. Aquí, no voso niño, no voso refuxio onde vos criastes intelectualmente, quedamos orfos, no silencio das aulas xa non haberá chíos de ledicia sucando os corredores deste centro, e o noso corazón sufrirá unha pequena arritmia sabendo que tamén unha parte de nós mesmos será historia ou quizabes intrahistoria unamuniana.

Ídesvos coa despensa chea de afectos e sabedorías, as que boamente vos soubemos dar, sendo case sempre xuíces que tivemos en conta os vosos problemas e as vosas dificultades, mais tratando sempre de obrar coa máxima xustiza.

Eu ben sei que vosoutros hoxe sodes caixiñas de música chea de melancolía, mais tamén de alegría.

Aí vai a nosa esperanza á procura do descoñecido e da sabedoría.
En nome de todos os profesores e profesoras deste Instituto, os nosos parabéns, compañeiros xa da luz e do saber.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES