Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A peito descuberto (II)

miércoles, 04 de junio de 2014
Para seguir falando de Fiz e Yago (a quen reitero o meu agradecemento por legarnos esta caixiña de pensamentos feitos arte) quería facer unha proposta educativa sobre a obra do poeta louzariño.

É unha proposta elaborada en colaboración cun gran amigo de Chantada: o Xavier Viana, con quen comparto inquedanzas educativas, políticas, sociais e culturais que a miúdo se tornan en soños espallados nun papel de verbas que procuran sempre unha sociedade capaz de mirarse nos espellos do porvir.

Quizais foron as ansias de coñecemento ou a emoción que supón saber da historia de Fiz o que nos levou a Xavier, a Cris e a min a deixar o Incio nun día de feira etnográfica para subir ata Lóuzara e coñecer o lugar físico onde Fiz vivira. Naquel entón xa sabiamos que había unha ruta poética na súa honra, non en tanto hai que confesar que caemos na fermosa trampa desa ruta (quen saiba do que falo entenderame e quen non terá que descubrilo).

No camiño de Lóuzara atopamos a unha señora que por sorte resultou ser Irene, a nai de Fiz, unha muller encantadora que nos convidou non só a percorrer a ruta senón tamén a coñecer a súa casa. Ao chegar coñecemos a súa filla, tamén Irene, quen amablemente nos ensinou e nos explicou a vida que levara o seu irmán, o proceso creativo e convidounos a entrar no que fora o seu cuarto; alí foinos relatando con obxectos os que quizais foron os momentos máis felices para Fiz. Despois a nai, ou como lle chamaría Fiz nun poema “Irene grande”, suxeriulle a súa filla que nos ensinara o muíño e a Fonte da Cova. Nós, encantados e abraiados, seguimos a Irene ata chegar a eses dous puntos máxicos da ruta vilariñana, onde coa súa axuda impregnámonos da frescura da auga da Fonte da Cova.

Volvemos ledos de coñecer un pouco máis da vida do Fiz e a súa marabillosa familia.

A partir de aquí Xavier e eu empezamos a argallar en facer unha proposta educativa sobre Fiz. As cousas da vida fixeron que aínda sexa un proxecto pendente. A nosa idea é ensinar a mozas e mozos de FP como unha gran dependencia como a de Fiz pode gardar en si unha creatividade infinita que hai que saber potenciar. Está demostrado poeticamente que Fiz tiña un dominio absoluto da palabra e das formas nas que a quería inserir, o exemplo máis evidente disto é o dominio total do soneto que se percibe primeiro “Nos eidos da bremanza” e posteriormente en “Pastora de sorisos”, onde se somete ás regras desta forma para posteriormente ofrecernos unha fornada de “ Sonetos de amor ao meu xeito” nos que Fiz dá renda solta a súa creatividade.

Lóuzara ofrécenos un entorno natural único para falar dos límites e ilímites da vida. Dos límites que nos veñen impostos e daqueles que nos auto- impoñemos cando nos vemos en circunstancias adversas. Fiz viviu nun mar de adversidade soamente calmado no avesío do cariño familiar. Non en tanto soubo converter en poemas eternos as dores tumorais da soidade. Quizais este sexa o gran legado de Fiz: o saber deixar impresa en cada verso a emoción do seu sentimento. Isto é un impulso para ir a Lóuzara, porque sabemos que os versos do poeta foron feitos para camiñar e podemos situalos en distintos lugares do val xabreiro que lles berce.

A proposta contén poesía, natureza, etnografía e sobre todo valores. Ir a Lóuzara cun grupo de alumnos de FP ou mesmo de Secundaria e Bacharelato significa descubrir a un poeta, mais tamén descubrir como unha persoa pode rachar o seus límites ata ser libre verso adentro. A través da poesía coñecemos un home que foi capaz de construírse un mundo alén da soidade e fíxoo coas súas propias mans, amando a terra e aloumiñando a súa propia soidade ata convertela nun legado creativo de valor infindo. O poeta muiñeiro fai da súa soidade fariña de primeira para un pan que sexa quen de facer medrar a vida.

Fiz é pois un modelo de resiliencia e un exemplo de como todos podemos propoñernos virar a quilla da tempestade cara o porvir. Por iso ten que ser moito máis que un poeta, témolo que converter nun exemplo de que é posible facer un camiño para saír da adversidade extraendo dela unha ensinanza positiva: todos podemos ser, todos podemos facer un mundo mellor.

Agora cada verso louzariño tórnase nunha punta de lanza cara o futuro; na que a nosa mocidade ten que aprender que só a loita agroma os froitos da vida e que crendo nun mesmo chégase tan lonxe como se queira. Fiz creu que era poeta e iso impulsouno a procurar camiños para saír á luz, pero isto supuxo o compromiso de traballar a súa linguaxe e de agudizar a súa creatividade. Fiz sabía que non valía todo, que ás veces saían versos moi mellorables e isto fíxolle firmar un compromiso interior coa creatividade e a calidade que mantivo ata o seu pasamento.

A evolución poética é obvia, como ben deixa analizado Yago. Agora esta evolución e toda a escada de valores que garda é susceptible de ser convertida nun proxecto educativo no que alumnos de FP ou ESO percorran Lóuzara implicándose na vida e na obra dun home que soubo vivir na liberdade dun verso.

Un día ao redor da obra de Fiz, observando os seus límites e como se apoia no ilímite da creatividade para construír o seu mellor legado. A través de Fiz podemos falar da necesidade de superar os límites, de axudarnos mutuamente e de apoiar os ilímites de cada persoa. Pero un día por Lóuzara é un día no que a poesía se fai paisaxe para habitar entre nós e cómpre aproveitalo recitando en cada punto da ruta o poema do que máis gustemos para compartir a intensidade e a inmensidade cos amigos ou cos alumnos.

Este é o gran legado de Fiz: unha poesía ardente que nos inmortaliza a un home ilimitado que soubo negarse á traxedia e converter os límites e as soidades da vida en palabras de amor inmortais.

Cómpre, claro que cómpre, falar de Fiz para transmitir valores de inclusión, de convivencia e de superación persoal.

Algún día sei que lograrei ir a Lóuzara a falar do tema que supón para min unha paixón: os ilímites do Fiz Vergara Vilariño que me deleitan no máis fondo do sentir.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES