A súa familia en Bos Aires comunicoume a morte de Adolfo José Lozano Bravo, galego na Arxentina, especialista en Galicia, que tiña unha querencia especial por esta terra na que naceran os seus devanceiros. Tiña 75 anos, nacera en Bos Aires, pero era galego vocacional, e todos os anos pasaba un tempo en Galicia, xa fose en viaxe de traballo ou de lecer, xa acompañando a grupos de arxentinos que querían coñecer esta terra.

Especialista en economía, foi Director de Estudos Galegos na Universidade de Belgrano, de Cultura galega na Universidade de Morón, profesor nos centros galegos de Avellaneda e de La Plata, en Bos Aires, tendo publicado a Historia del Centro Gallego para jóvenes Galicia-América, proyecto de futuro ou un Recorrido por la Galicia desconocida.
Falaba un galego perfecto con acento arxentino, e tiña relación con numerosas persoas da cultura e sociedade galegas, de xeito que Adolfo Lozano en moitas institucións, concellos, universidades ou asociacións era sinónimo de galeguidade na Arxentina, tendo actuado mesmo como correspondente da Televisión Galega. Fora Presidente da Area de Cultura do Centro Galego, membro do Instituto arxentino de cultura galega e Director de estudos galegos do Centro Galego de Belgrano.
Este singular galego de segunda xeneración, posuía preto de duascentas mil diapositivas sobre Galicia, unha completísima biblioteca e arquivo sonoro e de imaxe do noso país, dirixía un programa de radio, e hai ben tempo que se tiña convertido nunha institución galega en Bos Aires e ponte imprescindible entre Arxentina e Galicia.
Eu adoitaba recibir en horas para aquí tardías, chamadas telefónicas de Adolfo desde Bos Aires para contarme cousas dos galegos en Arxentina, para preguntarme por cuestións de tipo social ou cultural, e para evidenciar que estaba ao tanto de todo o que pasaba en Galicia e cos galegos da diáspora.
Unha mensaxe remitida pola familia desde o seu correo persoal aos amigos que figurábamos na súa lista de comunicación, dábame conta do seu pasamento. Galicia perde un fillo ilustrado, fervoroso e dedicado á nai terra. Descanse en paz Adolfo José Lozano Bravo.