Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Historia de Chantada, aínda sen facer

lunes, 02 de junio de 2014
A partir de 1905 houbo diversas tentativas individuais de escribir a historia de Chantada, por persoas bastante alleas á especialidade e metodoloxía que conforma a disciplina académica que é a historia. A historia sen historiadores dotados nesa disciplina. Por tanto, non deixa de ser un eco de aficionados que descoñecen o método e os dons da investigación e, sobre todo, as incidencias dese zigzag do que non se pode relativizar certas cuestións que demanda a praxe histórica. Cando isto falla, mesturase a fonte documental, deformase a historia oral e imponse a hipótese da interpretación banal dos curiosos “historiadores” de secaño. Digo isto con todo o respecto que merecen estes buscadores de memoria e descubridores de certos tesouros que irradian coñecemento e sensibilidade que tantas veces lle restan brillo.

A Historia de Chantada, aínda sen facerA bibliografía histórica sobre Chantada comeza co libro do precursor, D. Manuel Formoso Lamas, titulado: “Apuntes para la Historia de Chantada”. Editado por Marceliano Tabarés, impresor. Madrid (1905). Con 160 páxinas, 31 capítulos e mais o prólogo. Dise neste libro sobre o autor: “Profesor normal, caballero de la Real y Distinguida Orden de Isabel la Católica y maestro de Escuela Pública de Niños de la nombrada villa”. Estes apuntes teñen a graza protexida de ser a primeira aportación de indagar sobre un temario histórico, no que o autor procura datos documentais sobre Chantada, tantas veces fora de contexto, ou que el non soubo asumilos porque non era historiador. Formoso Lamas cinguiuse mais á pescuda oral, estereotipando unha información que contrasta coas mais elementais e pragmáticas investigacións históricas.

Mais os “Apuntes para la Historia de Chantada”, ten o incentivo de alertarnos de certos espazos históricos, aínda que non foran investigados por D. Manuel Formoso Lamas, dado que el non tiña nin o método, nin a disciplina de historiador, e si a intuición de observador e buscador da palabra oral o fixo esquecer das fontes documentais que, por outra banda, para un mestre de escola non era fácil ir ao Arquivo Nacional de Simancas ou ao de Madrid.

Formoso Lamas tivo o honor de ser o primeiro en conformar certos datos nunha época escura para investigación, e isto é moito para que os chantadeses o teñan como o iniciador duns apuntes históricos que convidan a acentuar o coñecemento histórico sobre o Concello de Chantada.

Tardou 68 anos en que aparecera outro rexistro histórico de Chantada. A segunda entrega foi a de Luís Campo Fernández, titulada: “Genealogía y Heráldica de la casa de Basán Grande y del pazo de la Penachá”. Edición do autor. Repografía Albarellos. Lugo (1973). Sen número de páxinas e con 10 temarios. Trátase dunha abordaxe moi particular sobre os pazos citados, dos que se investiga a xenealoxía e circunscribe nunha serie de vencellos do poder concentrado e limitado da Chantada agraria.

Luís Campo Fernández agranda as súas investigacións históricas sobre unha burguesía agraria, fidalgos e ricos-homes, que titula: “Casas Hidalgas de Saviñao, Chantada y de otras tierras”. Edición do autor. Gráficas Venus. A Coruña (1979). Con 33 temarios. Entra en varias consideracións e particularidades históricas de Chantada, partindo de varias familias fidalgas e aportando certas connotacións do dominio de terras e de foros que propician unha lectura para escudriñar o tenor e as consecuencias económicas desa época.

D. Luís Campo, foi un avogado moi culto, bo lector de documentos que el tivo a seu alcance. O seu apelido Campo está emparentado cos Arce y Campo, do pazo señorial do Piñeiro. Alcalde de Chantada na década de 1940, a súa dona era da familia Soto, moi influinte na vida política do falanxismo e do franquismo local. D. Luís Campo, dotado dunha sensibilidade de pescudar na historia local, nos seus anos de alcalde, percibiu que o Concello non tiña arquivo e levou toda esa documentación para a súa casa e, mais tarde, o legou a un fondo que se conserva no arquivo do mosteiro de Oseira. Sabemos que alcaldes que lle precederon e os posteriores a el, foron uns ignorantes no momento de preservar toda esa documentación. Así que os chamados “libros vellos” ocupaban espazo e moitos deles desapareceron, os que ficaron os recolleu D. Luís Campo e os puxo a salvo. El ben sabía que o final desta documentación ía ir ao lixo.

Coñecín e tratei a este mentor, estiven varias veces na súa casa, Travesía Calvo Sotelo, vin como el tiña todo inventariado e marcaba un dominio sobre o tema que o obsesionaba sobre a xenealoxía das casas señoriais de Chantada. Foi un gran lector documental e, por selo, converteuse nun gran difusor en publicacións moi limitadas e de temas históricos locais en xornais. Desas lecturas xurdiron elementos de valuación historia, mais non dun historiador.

Ramón Mª Cedrón Díaz é autor do título: “Chantada y su entorno”. Edición do autor. Imprenta Paredes. Santiago de Compostela (1983). 60 páxinas con 17 temarios. É unha aportación na que se mesturan temas históricos, etnográficos, arte románica local e abarca temas correspondentes aos tres municipios da comarca de Chantada. Aínda que o autor non o titule como historia, está avalando un mínimo de referentes históricos que non podemos eludir o seu interese.

Outro libro sobre Chantada, con certos temas históricos, que debemos considerar moi oportunos na difusión historiográfica chantadesa, é o de Anxel Gómez Montero, titulado: “Chantada Corazón de Galicia”. Trátase da Guía Everest. Editorial Everest, S. A. León (1991). Contén 144 páxinas e 32 temarios. Esta guía contén certas particularidades sobre o Concello de Chantada. D. Anxel foi unha persoa moi atenta a tódolos aconteceres de Chantada; con un enorme amor ao seu eido nativo do que coleccionou todo aquilo que estimulaba recoller sobre Chantada. El foi meu profesor e gran amigo e, por selo, coñezo ese enorme sentimento e paixón, que por veces mostra no seu libro: “Chantada Corazón de Galicia”.

O xornalista Alfonso Eiré, publicou: “Chantada na Historia”. Edicións a Nosa Terra. Vigo (2010). 93 páxinas e sen índice. Trátase dun ensaio, ou percorrido polos oportunos estremos históricos de Chantada, que o autor non titula como historia de Chantada, senón: “Chantada na Historia”. Un libro que esclarece puntos claves de feitos que a historia documental rexistra e que se converten, para este escritor, como elemento determinante que fortalece a redacción dunha verdadeira historia de Chantada. Eiré é un xornalista e escritor virado aos temas de Chantada. Este libro componse dun temario que para calquera verificador de datos, desde o lado xornalístico, ten esa preponderancia de ver a historia desde esa vertente profesional.

A última historia de Chantada é a recentemente distribuída para o lector e da autoría de Avelino Seijas Vázquez, titulada: “Historia de Chantada y su Comarca (Ensaio)”. Datada polo autor en 1979 é publicada en 1990 pola Deputación de Lugo e paraliza a súa distribución, até o presente ano, polos sobriños do autor. Trátase dunha obra póstuma, dado que D. Avelino Seijas Vázquez finou en 1984. Foi fiscal dos tribunais e un impenitente amador de tódolos vestixios que ofrecen as terras de Chantada. Non foi un historiador -no sentido mais estrito do termo- mais mereceu selo por toda esa búsqueda documental que nos ofrece na súa historia ou ensaio.

Coñecín a este xurista nos últimos anos da súa vida. En certa ocasión abordoume para que lle asignara o meu poemario: “Do Faro ao Miño”, convidoume a comer e ofreceume varios cadernos históricos, edición de autor, que el tiña escrito sobre historias e persoeiros de Chantada. Era un home democrático e antifranquista, arredado das elites que ocupaban poder e afloraban ignorancia.

Esta súa “Historia de Chantada y su Comarca”, está fora dos canons dunha investigación depurada e dunha documentación orixinal contrastada. Da impresión que D. Avelino acumulou datos e moitas veces o desbordaron sen saber ben como administralos. Mais só esa longa e vasta bibliografía histórica basta para tolerarlle certas apreciacións e procesos históricos que, por veces, caen nunha dogmática historicista e de poucas concrecións. Mais a vontade, o sentimento e a vocación de Avelino Seijas Vázquez pola historia e, en particular, pola chantadesa debe moderar as críticas que se lle poidan facer desde a rigorosidade que entraña unha investigación histórica e, sobre todo, a veracidade do texto histórico.

Estamos ante unha obra interesantísima polo soporte bibliográfico que ofrece, nada redutíbel e sinceramente admisíbel para ir ás fontes que el enumera. Só os datos biográficos que nos aporta xa merecen ese recoñecemento que nunca lle vai chegar polos fantoches da vila que depredan a historia viva dun concello e dunha comarca que Seijas Vázquez desexou ordenar con tantos datos e afáns. Hai algúns temas, como a interpretación da toponimia nos que este autor non foi afortunado.

Coido que estes intentos de contribuír a unha historia de Chantada, abriron un camiño para percorrer sen retorno, dado que hai outros traballos moi serios e constatados nunha documentación orixinal como o que está realizando o sacerdote, D. José Méndez, sobre a historia, que ten bastante avanzada, do antigo mosteiro bieito de S. Salvador de Asma. Aquí si que podemos falar dun historiador breado nas aulas universitarias e no “Consejo Superior de Investigaciones Ciéntificas”. Un libro que pode e debe crear alicerces para unha verdadeira historia de Chantada.

Unha historia colectiva onde participen varios especialistas de diversas materias e disciplinas. Que sexa a praxe a que resplandeza para contar cunha excelente historia deste concello do Faro ao Miño, ou de toda a comarca. Lémbrome do suculento estudo e publicación, titulada: “Terra de Melide”, que aquel colectivo de membros da “Xeración Nós” comezou a estudar esa terra en 1929 e o 7 de xuño de 1933, está publicación saía do prelo da Editorial Nós, con 738 páxinas. Reeditada en edición facsimilar en 1978, por Ediciós do Castro. Todo un proxecto que Chantada pode ter unha historia de amenceres colectivos.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES