Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Histórica abordaxe na ría ferrolá

lunes, 02 de junio de 2014
Aportación a unha histórica abordaxe na ría ferrolá

Sesenta e sete anos despois, un documento que me facilita Loreto García Marón, amiga miña e filla de Tolín, que fose xogador do Arsenal e Racing ferrolán nos anos cincuenta, permite recuperar a crónica da abordaxe da lancha de Mugardos polo destrutor Sánchez Barcaiztegui, dramático accidente ocorrido o 28 de febreiro de 1947, no que pereceron trece mulleres, a maioría de avanzada idade.

O sinistro no que se perderon tantas vidas humanas produciuse no centro da ría, á altura do cabo Leiras. Este tipo de accidentes eran xulgados entón por un consello de guerra. Eu aínda asistín a algúns nos anos setenta, cubrindo a información para Ferrol Diario.

O documento en cuestión é a transcrición da declaración dunha testemuña, que viaxaba na cabina da lancha e que viu por tanto con detalle a fatal manobra. A testemuña era un avó de Loreto, de profesión mergullador, que se salvou agarrándose á áncora do destrutor e salvou tamén a outras persoas. Pero vexamos como o conta Graciano Morón Allende, que tiña naquel momento 39 anos. Testificou que ía na cabina da ponte da lancha ("Generalísimo Franco", que así se chamaba a embarcación), na que, xunto co patrón, atopábanse tres persoas máis.

Cando a lancha mugardesa achábase a uns 150 metros da punta do peirao de Curuxeiras e coa proa mirando ás Casas Baratas de Mugardos, deuse conta de que se lles viña encima un destrutor da Mariña ao que avistaran un pouco antes. Cunha distancia duns 200 metros do buque, o patrón deu marcha atrás, mandando a continuación dar avante xa que lle pareceu que o destrutor lle pasaría pola popa, pero isto non sucedeu así, o patrón volveu dar marcha atrás apresuradamente, pero xa nada puido facer sobrevindo a abordaxe. A lancha foise ao fondo case instantaneamente.

Graciano Marón dixo que se subiu á cabina da ponte e "in extremis" agarrouse á áncora do barco de guerra e precisou que se colgaron del José Valencia, traballador das Obras do Porto, e dous máis que tamén foron subidos ao destrutor sen ningún problema e coas roupas completamente secas. O declarante calcula que a fenda aberta no barco era da lonxitude de 1,30 metros e que non chegou a afectar a ponte. Sobre as persoas que ían na lancha, Graciano Marón dixo que lle parecía que serían unhas sesenta.

Dixo tamén que tres ou catro homes lanzáronse á auga antes da abordaxe, que do destrutor se arriaron dous botes e todos os salvavidas e que viu a un alférez de navío, "que debeu de tirarse á auga para salvar aos náufragos, xa que estaba en calzóns e mollado" (traducido do castelán). Finalmente, declarou que ao pouco tempo chegaron moitas embarcacións para levar a cabo tarefas de rescate e salvamento.

Esta é a historia narrada por unha testemuña ante o xuíz instrutor, testemuña privilexiada por dobre razón, porque ao ir na cabina puido ver todo o que ocorría e, por tanto, a súa versión pode cualificarse de fiel e verídica, e porque agarrándose á áncora do Sánchez Barcaiztegui puido salvarse e colaborar decisivamente no rescate doutros tres náufragos. Algunhas testemuñas presenciais achacaron o sinistro no seu momento á excesiva velocidade do buque. Cabe tamén lembrar que o PP presentou fai xa bastantes anos unha moción no concello mugardés coa que se pretendía render memoria ás vítimas do maior accidente civil que afectou á citada vila mariñeira, asunto que nunca chegou a tratarse.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES