Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deixen de marear o peixe!

viernes, 30 de mayo de 2014
A realidade dos resultados das recentes Eleccións Europeas imponse con tanta forza que os nosos políticos evidencian estar desasistidos de non máis imaxinación para desvirtuala que tiveron para evitala. E como dixo Jules de Gaultier, “na loita contra a realidade, o home só ten unha arma: a imaxinación”.

A imaxinación é tan importante, que, en moitos casos, sitúase alí onde acaba a ciencia, aliándose co mesmo coñecemento. E se á carencia da imaxinación sumamos a confianza excesiva nas poucas ideas que poidamos ter, o fracaso está servido. Hai que refrescar os espazos das decisións...!.

Lamentablemente, parece que se pode afirmar, a salvo de refutacións, que Europa está pasando por unha etapa dun certo baleiro de competentes liderados, daqueles de antano que non só tiñan ideas brillantes, senón que tamén eran capaces de dotalas dun tren de aterraxe, aínda que despois os pasos pola terra non sempre foran dados con acerto.

Pero cada época ha de procurar gobernarse coas posibilidades de que dispón, e nisto non hai razóns que avalen as imputacións que se lles fagan ás medianías en canto tales, senón en como administran as súas capacidades.

Sen embargo, o que si se pode evitar é desaproveitar ás persoas con máis capacidades para dirixir ós países, corrixindo as estruturas na organización dos partidos que impiden que os filtros selectivos deveñan eficaces en clave democrática.

O panorama que deixaron as Eleccións non pode invitar ao optimismo e moito menos aínda algunhas interpretacións que se fixeron do mesmo aquí en España, utilizando a irracionalidade dos habituais discos raiados.

Porque, cando a abstención é o único resorte que move posturas e o efecto atomizador pon en perigo ese mínimo común denominador como plataforma da lexítima diversidade, non parece aventurado empezar a pensar que o vigor dunha desintegración social está adquirindo proporcións inconvenientes.

Hai tempo que estamos asistindo a unha serie de convulsións sociais, no noso país, con presenzas nas rúas, ofrecendo unha aparente amalgama de propósitos que só coinciden no negativo, que tampouco serven para esperar que aí se xere unha consciencia nacional, que, pouco a pouco, se encargaron de debilitar e romper os responsables dos distintos gobernos do país, miopes da realidade que se estaba (e está) cociñando. E nesta clave eluden facer unha interpretación electoral os partidos responsables.

Agora saen coa estúpida promesa de que teñen que ilusionar aos cidadáns; pero estes saben moi ben que se trata dun recurso retórico da incompetencia, de meras palabriñas sen contido, porque a ilusión a un pobo vítima da corrupción e da inxustiza DISTRIBUTIVA só se lle devolve con feitos.

Pero entremos no ámbito das Eleccións. ¿Son verdadeiramente conscientes do espectáculo que deron a maioría dos candidatos nos seus recorridos, á procura de votos, resaltando as excelencias propias no contraste en negativo cos adversarios, cando non caendo na máis vergonzosa e indecorosa mala educación?. Onde deixaron a súa visión clara da Europa que eles desexan construír, e non só como recurso de solucións sociais, senón tamén no ámbito ético, dos mercados, do ensino, das relacións internacionais, da defensa,...?. Leron o Tratado de Lisboa?. Coñecen as competencias e “INCOMPETENCIAS” do Parlamento Europeo?. (...?).

Ah...!. E lembran a historia do pasado europeo do século XX ?. Non lles suxire nada, claro, por iso están empezando a repetila, e se non, díganme onde están as razóns e a culpabilidade de que no Parlamento que sae destas últimas eleccións haxa tantos ANTIEUROPEOS?. A onde están vostedes levando aos pobos coas súas indolencias, con esa proliferación de posturas insolidarias e insensibles ao fundamental e con esa conivencia cun capitalismo inmoral e salvaxe, que está preparando a súa propia perdición e con ela a dos países?.

E non se me oufanen tampouco os salvavidas das vítimas das inxustizas sociais, porque algunhas presuntas exemplaridades quedaron sepultadas entre os cascallos das súas propias incoherencias, e dunha metodoloxía casposa pola couza da inadecuación. Cabe, pois, preguntar que van aportar a Europa os xermes xa murchos de tales posturas.

Sen dúbida, non é irrelevante que nesta lexislatura se empece a aplicar o contido do Tratado; pero aquí haberá que rifar coa excesiva heteroxeneidade do Parlamento e coas non poucas incoherencias e deficiencias do texto legal, que evidencian bastante ás claras os canles por onde poden escaparse irrenunciables esixencias dunha Europa verdadeiramente UNIDA: Todo o mundo semella ir a construír, e vai de caza; pero non creo que haxa perdices para todos e ata é posible que se reserve algunha para os “titores” e os “amigos” estranxeiros.

En España hai problemas pendentes que deben ser resoltos, para fortalecer o seu papel na UE, e deles tampouco se ocuparon os candidatos que máis lles correspondía, pese ao impacto que van ter na mesma, e en Galicia sería ben que nos deixáramos de “marear o peixe” cos habituais infantilismos; pero non de “marear CO peixe” onde proceda, sen descoidos.

En Antón Chejov encontrei unha razón fundamental de por que nesta nosa “patria chica” somos tantos os aspirantes a ensinar, e tan escasos os que queren aprender: É-lles porque “os homes intelixentes queren aprender; os demais, ensinar”. Se nas próximas eleccións lembramos isto, ao mellor cántanos outro galo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES