Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soedades entre millóns de persoas (I)

jueves, 29 de mayo de 2014
Soedade dun aldeán en Madrid

Teño o mal costume, á hora de escribir, de falar moi a miúdo de min mesmo en primeira persoa. Paréceme -non o sei certo- quen non o fago por presunción ou fachenda; senón porque, ó non moverme con moita soltura no terreo dos conceptos abstractos, debo abaixarme ó concreto, a aquilo que teño máis preto de min. E o que teño máis preto de min, son eu mesmo coas miñas propias experiencias e vivencias. Claro que sempre é discutible a obxectividade ou subxectividade das vivencias dun mesmo e a interpretación que delas faga o propio interesado.
Por iso e unha obriga respectar o que outros poidan opinar.

Cando eu tiña 23 anos mandoume a autoridade competente, o que daquela era bispo da miña diocese de Mondoñedo-Ferrol, o bispo D. Jacinto Argaya, facer o curso l.967-68 a Madrid.
Trouxéranme ó mundo na aldea de Samartiño de Goberno e criárame entre esta parroquia e os seminarios de Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo.

Era grande o contraste entre a gran urbe, para min descoñecida, e estoutros lugares, para min tan familiares. Aínda que ninguén mo pregunte direi que sigo tendo máis apego a estes lugares pequenos que á gran cidade. Iso de ser cidadán do mundo, así sen máis, desbórdame.

Así e todo, non foi aquel un curso perdido por moitas razóns nas que non me vou parar agora en detalle; pero aínda que fose por unha soa, xa pagaba a pena pasar aqueles meses en Madrid: Esta é que chegamos a acadar certo trato de confianza nada menos que a deusa Dona Cibeles e máis este pobre aldeán. Pero diso penso falar no próximo capítulo, se Deus quere, porque neste non creo que me dea tempo.

Comezarei polo principio: Residía no Colexio Maior Pío XII, aló polo Paseo de Xoán XXIII, que xa daquela era santo e, aínda que por alí o tránsito de vehículos non era tan grande coma polo centro, as tres primeiras semanas durmía moi mal porque ía afeito ó silencio e nunha cidade coma Madrid o silencio xa morreu hai moitos anos, ou, se cadra, mátano cada día. Pero pouco a pouco funme afacendo á súa morte e non me vin obrigado a gardarlle loito por moito tempo. Antes dun mes xa non só durmía, senón que ata soñaba.

Un día soñei que ía eu andando pola Gran Vía e, a pesares da desconfianza e precaución, caín nun pozo que se abriu de súpeto debaixo dos meus pés. O pozo estaba seco e non era fondo. Foi unha sorte; porque, aínda que todo ocorrese en soños, podía darse o caso de que me esnaquizase coa caída ou afogase. Estalicándome ben podía agarrarme ós bordes, pero xenegábanse ó botarlles a man e ameazaban con virse en riba de min. Con que alguén me dese unha man e cun chisquiño de esforzo por parte miña, xa estaría salvado.

Escoitaba pasar moita xente e comecei a pedir auxilio, primeiro sen berrar moito, pero pouco a pouco fun erguendo máis a voz. Non foron poucos os que se achegaron a mirar, pero sen parar nin preguntar nada. Algúns ata rían e paréceme que seguían o seu camiño dicindo:
-Hace falta ser tonto para caer en un pozo a pleno día. Estará borracho o será un paleto que no sabe andar por la calle.

Unha neniña que tamén atusmou contra a vontade de súa nai que a levaba pola man díxolle:
-Mamá, a lo mejor necesita ayuda.


A nai respondeulle:
-Vamos, niña, que llegamos tarde y hay mucho farsante suelto. Que llamen a la policía.

Non eran ben as cinco da mañá e espertei do pesadelo na cama da miña habitación do colexio maior. Mellor dito: Espertoume a serea dunha ambulancia. Antes de pasar dous meses na cidade xa non me espertaban as sereas das ambulancias. Creo que nin sequera sabería con toda certeza se as seguía habendo.

Nese primeiro trasgolo de non saber con seguridade se aínda dormes ou se xa vixías pensei que a ambulancia viña rescatarme do pozo; pero non. Tamén pasou sen deterse. Menos mal que eu xa puidera sentarme na cama. Suando si, pero sen axuda.

Paréceme que naqueles tempo non podería soñar nada semellante en Samartiño de Goberno, en Lourenzá nin en Mondoñedo, pero nos tempos de hoxe xa non estou tan seguro.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES