Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (10)

miércoles, 28 de mayo de 2014
Recordos da nenez, as cereixas


Cando tes setenta e catro anos, recordas as cereixas.

Non esqueces como se esperaban. Era a primeira froita que viña. E, como non había moitas sobras, era unha larpeirada para os nenos.

Pola mañá, iamos apañar as que lle caían aos paxariños. Esas eran as primeiras que viñan. Logo, máis tarde, había moitas e moi boas. Collíanse para vender en Betanzos.

Alí, comprábanas as tratantas para vendelas na Coruña, Lugo, Ferrol... Recordo, sendo nena, que fixeran a festa da árbore no Concello, e ao noso mestre parecíalle moi tarde para plantar, e mandounos levar un ramallo de cereixas, que atou ao pau dunha bandeira, para que entendesen.

Tamén era costume, ás cerdeiras que viñan moi cedo, poñerlles silvas nas primeiras polas, para deixalas madurar ben. Logo, cando, máis tarde, había moitas, aos nenos mandábannos levar os porcos para que as apañasen.

Despois de ir á escola, tiñamos as nosas obrigacións: apañar as bostas polos camiños para botarlle aos melóns; no inverno, apañar as castañas que nosos pais petelaban na eira, pois era a cea de case a maior parte do inverno.

Volvendo ás cereixas, agora, non hai tantas cerdeiras, pero as que hai, florean moi ben. Logo, ese vento que ven dunha central térmica non deixa nada.

Temos os camiños moi iluminados, para os nosos paxariños. Os nosos netos non viron o que nós recordamos, e deberiamos ensinarlles a querer a Natureza, que sería un aliciente para ser moito máis humanos; así, aprenderiamos a querernos.

Que bonito é un anoitecer con nenos e nenas subidos ás cerdeiras, collendo cereixas, ao lado da lumeirada de San Xoán. Os patrucios arredor do lume, falando contos. Iso é moi bonito recordalo. Oxalá a nosa xuventude disfrutase desas vivencias tan bonitas, e se arredase do alcohol que tantos estragos fai.

Un saúdo agarimoso para todos os novos, que eles serán os que labren a vida futura. Un recordo para os do meu tempo, que moitos xa non están.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES