Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (X)

martes, 27 de mayo de 2014
Concordia parvae res crescunt; discordia máximae dilabuntur. Coa concordia medra o pouco, o pequeno; coa discordia arruínase (ata incluso) o máis grande. Non, esta frase non vén de miña bisavoa Concordia (Concordia Carballedo, da casa de Marzo de Vilabade), aínda que, polas referencias que dela teño, tamén sería apropiada á súa mentalidade, ao seu fair play, xogo limpo, que seica foi a súa máxima, a súa exemplaridade. Esta frase tireina, ¡tirada, que non herdada!, de Salustio (Caio Salustio Crispo), no seu Iugurta, X, 6.

Nas súas obras aquel Salustio insiste, pretende demostrar, que as causas principais, primordiais, do “mal de Estado” residían, derivaban, cultivábanse, na ambitio (sede de poder) e na avaritia (febre polo diñeiro), daquela aristocracia senatorial, mandante e mangante. Non se cansa de interpelar aos demagogos para que deixen de encordiar ao pobo con falsas promesas, e tamén contra aqueles encumados que entraban en política para consolidar, e de paso, estender, riquezas e dominio. ¿Cando foi isto? ¿Daquela en Roma, ou hoxe en España? ¡Malditos romanos, que non só nos obrigaron a facerlles esa caixa forte, esa muralla para garda-lo tesouro de Lugo, senón que, e tamén, nos deixaron, na súa mestizaxe, coa súa mestizaxe, un ADN corrupto e corruptible, vulnerable; polas trazas, perpetuo, indeleble!
Espallando Ideas (X)
¿Por qué opinaba así Salustio? ¡Toma, porque era plebeo, coñecía as carencias e mailos sufrimentos da plebe! Chegou a Cuestor, e despois Tribuno da plebe; tamén foi Gobernador da África Nova. Se cadra por iso me cae ben, tamén por iso, polo que temos en común como africanistas. ¡Ah, non, que temos outra cousa: A nosa afección pola xardinería, que Salustio ocupouse dos xardíns do Quirinal, e eu do meu ¿botánico? das “Andoriñas”!

¡Que falta nos facía, agora, nesta democracia hispánica, ex-romana, tan putrefacta, tan descomposta como chegou a ser aquel imperio, o romano, outro Salustio, outro Tribuno da Plebe, outro moralizador que predicase, e non precisamente naquel deserto da Numidia, senón nesta pel do touro, neste país da tauromaquia, neste imperio dos praceres e dos libamentos, das orxías financeiras á costa da plebe!
-.-


¡Vaia se eu tiña afección, unha afección crónica, polos parladoiros, polas discusións, fosen televisivas ou radioactivas, pero, entre eses atropelamentos fónicos e maila monótona porfía acerca de cómo se debe distribuír, ¡redistribuír!, a riqueza, sublévome!

¡Merluzos (pescada): O primeiro é crear, fomentar, fabricar, engadir valores; e seguidamente, exportar, exportar, exportar…, pois a distribución dos baleiros non é admisible, nin sequera na física cuántica!

Se aínda fose rapaz, emigraría; con preferencia a Suíza ou ao Xapón, dous países infinitamente máis pobres en recursos do que esta pel de touro, ¡óptima para toureiros, iso tamén!, pero que nos evidenciaron a posibilidade de facer milagres…, simplemente coa cabeza! ¿Qué tamén a temos nós? ¡Xa, pero, de qué nos vale se non a explotamos? Por poñerme de exemplo: se fose capaz de facer versiños, daríanme premios, non si? Daquela, ¿por qué non llelos dan a eses que son capaces de rimar técnicas? ¡Do que sexa, pero, técnicas, inventos, cousas prácticas!

Non falo mal da poesía, ¡Deus me libre, que para min a quixese!, como tampouco falo mal das flores, pero hai que saber vendelas, como fan, por exemplo, os holandeses. Tamén hai poetas en Suíza, en Holanda, no Xapón…, e a maiores, inventores, inventores recoñecidos, que saben facer milagres co pouco; de vendido ese pouco, compran o que lles falta, e sóbralles diñeiro!

Rapaciños, estudade ciencias, que niso andamos escasos; e as letras deixádenolas aos vellos, pois, carentes de forza física, xa somos incapaces de sacar bencina da destilación dos toxos. Ese invento seica llo ofreceron a Franco, e deulles un premio, ¡listo que era aquel galego; aquel, si! ¡Veña, a traballar: máis laboratorio, tubos, matraces, pipetas, espátulas, alambiques, acendedores Bunsen…, e menos botellón!
-.-


Ninguén me discutiu, nunca, esa afirmación de que, Ser agradecidos é de ben nacidos. Pero hai un suposto negativo, que ata pode ser frecuente, lamentablemente: O daqueles que lles din, “So, ogros”, aos sogros. ¿Pode haber mellor agasallo que o de criar un filla para un xenro a quen, por veces, nin se ten visto; ou un fillo para unha nora que a saber de qué madeira foi feita?

Coido que o caso merece unha reflexión, e non superficial. Poñamos vinte anos de crianza, como mínimo: Carrexalos no ventre, ¡nove meses!, as dores do parto, darlles o peito, arrolalos, escolalos, mantelos e soportalos, a saber durante cantos anos, para que despois, un bo/ou un mal día, che digan, ou nin iso: ¡Veño pedirlles a man do seu fillo/da súa filla! ¿A man? ¡O que levan, o que levamos, non é só a man, senón toda unha crianza! ¡Ah, e por veces, tamén piden, tamén pedimos…, dote, en cartos! ¿Quen nos regala outro tanto, fóra dos propios proxenitores?
(Xa sei que hai pais que se quedan aliviados entepoñendo…, un petate!, pero isto, por excepcional, deixémolo nunha paréntese).
-.-


Austeridade = Ingresos – Previsión para o futuro= Gn - Gs, séxase, “Gastos necesarios” –“Gastos superfluos”.

Seguindo con esta análise: Previsión para o futuro = Ir + Ie, que se pode traducir por,
“Inversión razoada” máis “Inversión especulativa”, séxase, imaxinativa.

Pero non fai falta saír á pizarra para demostrar estas ecuacións pois, na miña parroquia, non hai neno que non naza con estes principios nos seus xenes; distinto é nas alturas dos científicos españois!
Austeridade tampouco é sinónimo de miseria, entendendo por miseria aquilo que dicía Ifigenia das Cavozas cando lle oía pronunciar ao Crego, “miserére nobis”: -Ai, Deus, qué razón ten o señor Cura con iso de que hai miseria de homes, que me estou facendo vella, e ninguén me fala. Seguro que o faría don Anastasio se lle deixasen casarse, pois é o único que me di que estou boíña cando vou confesarme!” Ifigenia era “boíña”, estaba boíña, ¡boísima!, en todo tempo e lugar, unha santa, pero…, non sabía latín!
Agora, neste XXI, os que falan en latín son eses publicistas dos anuncios consumistas, incitándonos ao consumo, maiormente ao superfluo, ao innecesario! O caso é que, utilizando, mostrando, unhas rapazas fascinantes, desas que marean aos homes, as primeiras que caen son as mulleres. ¿Iso, por qué? ¡Evidente, porque son elas as que levan a carteira grande, pois os homes conformámonos con unha simple billeteira, e algún, nin iso, que para algo lles poñen petos aos nosos pantalóns, outra economía!
-.-

Moito falar, moito preocuparse da contaminación externa, pero, da interna? ¡A interna, como é íntima, escóndese, máis non por iso perde a súa gravidade! A min atérrame, cadora máis, dada a súa, visible, expansión; os vellos, máis ou menos, xa estamos vacinados, escarmentados do vicio, pero tamén das súas consecuencias, mais os novos, os seguintes, a xeración dos infantes?
A tentación, o vicio, na súa expansión saltou dos papeis ás ondas, así que, sen deixar os papiros invadiu o éter; ¿qué lle queda sen facer? Certo é que nas ondas tamén hai, tamén actúan os predicadores, pero…, case todos son velliños, teñen a voz tomada, cascada, e apenas se escoitan! A todo isto, qué cómpre facer, volver á vella sinal dos dous rombos? ¡Que va, pois aquilo non deu resultado, que a xente de tres pesos no peto remontaba os Perineos para ver…, o que aquí non deixaban ver! ¿Aquí, non? Aquí, seica, os únicos que vían, e palpaban, eran os propios censores…, cando subían aos escenarios para medírlle-las saias ás coristas!
No XX houbo xenocidios, xenocidios visibles, pero neste, no XXI, segundo as estatísticas son infinitamente meirandes: ¡Mátase, abórtase, de antemán, nun xenocidio xeneralizado! ¡Ai, Deus, que dan calafríos con só acordarse diso! Os nazis, por exemplo, seica facían análises, experimentos, cos corpos das vítimas, pero hoxe en día, con estes xenocidios precoces, os que analizan son os laboratorios da píldora abortiva. ¿Imos, ou non imos, a peor? A min gustaríame que, no Ascenso, me fixesen Anxo da Garda, se non é moita pretensión, pero, tal e como deixamos de sucia esta maldita terra, nin con guantes poderán actuar os anxos! Agora quen leva as luvas, ¡de plástico!, é Lucifer…, nos quirófanos abortivos!
…/…

Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES