Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benquerido Xosé María...

lunes, 26 de mayo de 2014
Vinte anos de amizade con Xosé Maria Díaz Castro


Hai moitos anos, nos meus tempos de radiofonista, intentei entrevistar a Borobó -Raimundo García Domínguez- para Radio Popular de Lugo. Non debín collelo en bo momento, porque se me negou indicando que unha entrevista era un traballo que cobraba o entrevistador pero verdadeiramente o mérito correspondía ao entrevistado.

Con arreglo a esta visión do tema, que non desboto de todo, esta modesta aportación debería estar suscrita (tamén e especialmente) por Díaz Castro máis que por min, xa que as súas palabras van ser reflectidas aquí como a parte máis importante do contido desta visión do amigo que se foi hai case un cuarto de século.

As mencións que ao longo deste traballo figuran son manifestacións de Xosé María Díaz Castro, que -pola fugacidade da mensaxe radiofónica- quixen gardar precisamente para unha ocasión así e un tempo coma este onde xa non é posible disfrutar do seu maxisterio persoal.

Sexan estes apuntes como puntos de unión das historias que os entendidos contan; a letra miuda que vai ensamblando outras mencións, e clarexando aspectos que pudieran parecer oscuros.

Non o podería crer...

Xosé María Díaz Castro non podería crer o que está a pasar en Galicia neste ano 2014 no que o día das Letras Galegas se lle dedica ao poeta nado nos Vilares de Parga. Estaría anonadado, incrédulo, descolocado. Se xa cando nos oitenta en Guitiriz se lle recoñecía –gracias a Xermolos e Alfonso Blanco de xeito moi especial- a súa calidade poética e humana comentaba homilde “Non sei... porque se me fai todo este recoñecemento...”, o de agora sería para el totalmente incrible e coidaría estar nun mundo extraño onde, de repente, a poesía se vise convertida en moeda oficial e o poema “Penélope” fose o mascarón de proa do buque insignia da literaria armada.

Nós, si sabíamos o por que daquelas homenaxes, mestre, poeta, compañeiro, amigo... que as nosas atencións tiñan máis intencións das que aparentaban. Querían facerche saber da nosa amizade e admiración, pero queriamos tamén -fito, mito...- que a túa voz xurdira de novo outa, profunda, vibrante, con sede de luz, con fame de Galicia, con nimbos de poesía.

Eu ben sei que os especialistas en literatura ou lingüística abordarán a obra de Díaz Castro do xeito máis diverso, cos enfoques personais de cada autor. Pero eu só son seu amigo, e tiven oportunidade dun trato continuado, mesmo de traballar con el e coa súa obra. Por iso, só poido verquer aquí as miñas lembranzas dos luminosos contactos con Díaz Castro para aportar aspectos que pudieran complementar o que do autor aporten os entendidos na súa obra, tendo moi especialmente en conta que quen máis sabe de Díaz Castro, quen máis leva feito por potenciar a súa figura, e por fin quen fixo posible que a el se lle dedique o Día das Letras Galegas, é Alfonso Blanco Torrado, alma mater da asociación cultural Xermolos de Guitiriz.

"Para min Xermolos é de importancia capital porque precisamente é unha célula que se vai agrandando, facendo un tecido... facía moita falta en Guitiriz particularmente, pero tamén noutros sitios onde non hai tradición cultural sobre todo na xuventude... Hoxe esta asociación é coñecida en case toda Galicia, ten ademáis concursos, manfiestacións culturais, danza, musica, gaita... pintura, debuxo... esto, para min, ten unha importancia capital. Se en tódolos concellos de Galicia houbera unha asociación deste tipo, Galicia estaría doutra maneira."


Descubro un poeta

Corría o ano 1970, e na edición daquel ano do Certame Literario da Terra Chá convocouse un premio xornalístico para o mellor traballo relacionado cos poetas da Terra Chá. O meu entusiasmo mozo – tiña daquela vintedous anos- moveume a participar e fíxeno cunha serie de catro artigos que viron a luz en El Ideal Gallego, en agosto daquel ano, co título xenérico de 12 CANTORES DA “TERRA CHÁ”, e os apartados 1.- LOS POETAS; 2.- EL POETA...Y LA TIERRA, 3.- LOS POETAS Y EL HOMBRE e 4.- LOS POETAS... Y EL AMOR.

Era un inocente traballiño dun xornalista que comezaba a camiñar, sobre doce poetas pertencentes á miña comarca nativa: José María Chao Ledo, Antonio García Hermida, José Crecente Vega, Carmiña Prieto Rouco, Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Vega Ceide, Manuel María González García, Manuel María Fernández Teixeiro, Xosé María Pérez Parallé, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana e Xosé María Díaz Castro. Todos da Terra Chá, agás Pérez Parallé, que considerei chairego polos diversos premios literarios conseguidos no anual certame vilalbés.

Once homes e unha muller. A maior parte; coñecidos e localizados: Chao Ledo, García Hermida, Crecente, Carmiña, Aquilino, Manuel María, Pérez Parallé, Rábade e Darío. Cinco, amigos xa daquela ou andando o tempo. De Francisco Vega Ceide (Francisco da Fientosa) só sabía que morrera aos vintecatro anos no difícil Madrid de 1936. E de Manuel María González e de Xosé María Díaz Castro, que naceran na Pastoriza en 1924 e en Guitiriz en 1914, respectivamente. Mesmo cometendo o erro de indicar que Díaz Castro nacera na guitiricense parroquia do Buriz, a terra de onde procede a familia da miña muller.

"A Terra Chá, é unha patria poética, sen dúbida ningunha. Está ben claro que é unha patria poética no sentido de que produce poetas e a mesma terra é unha fonte de inspiración para aquel que ten sensibilidade poética. Incluso para outras artes. Creo que é unha terra de gran beleza, que ademáis crea beleza".

O meu traballo non conseguíu o premio, totalmente lóxico se temos en conta que foi para o amigo e gran poeta Xosé Luis García Mato, vilalbés coma min, e fillo do tamén poeta Antonio García Hermida, ao que se lle chamaba “o noivo número un de Vilalba”. García Mato xa daquela era unha institución nas letras vilalbesas.

Este artigo en catro partes foi a primeira demostración práctica da miña querencia pola literatura e, de xeito especial, pola poesía, que se evidenciou en numerosos traballos no xornal El Ideal Gallego, en programas en Radio Popular de Lugo, en producións audiovisuais posteriormente e, de xeito especial, na serie de programas “Literatura viva” desenvolvidos na Radio Galega en 1985-1986, tendo contado nun deses programas coa participación de Díaz Castro.

Pero daquela, agosto de 1970, non tiña a máis remota idea de se Díaz Castro era vivo ou morto, e máis tendo en conta que xa tería a venerable idade de 56 anos, avanzada tendo en conta os meus vintedous. Nada me aclaraban os exemplares de La Estafeta Literaria (Madrid, 17 e 31 de xullo de 1965) na que se publicaron uns “Apuntes para un censo de escritores nacidos en Galicia”. Na pax. 153, mencionaba a Diaz Castro como nacido na parroquia do Buriz, e indicaba que “Cultivó con fortuna a la poesía.../... es un gran lingüísta y traductor de poesía extranjera”.

Pero naquel mesmo mes, un meu cuñado, Manuel Veres Castro -Manolo de Benedicto para os seus veciños de Guitiriz-, sabendo da miña querencia pola poesía faloume dun poeta que nacera nos Vilares, co que tiña unha lonxana relación familiar, que o levara a ser padriño de súa irmá Marisé. E entón, descubro a un Díaz Castro, vivo, localizable, de carne e oso.

Poucos días despois puiden coñecelo. E tivo que ser o 27 de agosto de 1970, porque o vintenove dese mes publiquei nas páxinas de Lugo de El Ideal Gallego unha reseña titulada JOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO, POETA CHAIREGO, sinalando que puiden velo gracias ao crego de Pígara, Jesús Vázquez Paz (tamén das terras do Buriz e da miña familia política), que nos presentou. Lembro que me faltou tempo para levar a Díaz Castro á rúa San Marcos, na capital lucense, ao fotógrafo Bernardino Barreiro que daquela traballaba coma min para El Ideal Gallego, para obter a primeira instantánea do escritor con destino ás páxinas lucenses do xornal herculino.

Aí empezou o meu contacto con el, que foi evoluíndo cara a unha amizade aberta que duraría canto durou a súa vida.

E se mencionei o vencello familiar de Xosé María (José María do Vilariño lle chamaban os coñecidos da súa nenez e mocidade) cun meu cuñado, teño que dicir tamén que no decurso do tempo fun atopando xentes das terras dos Vilares e Buriz con parentesco máis ou menos directo con Díaz Castro. Un dos últimos, Carlos López Fernández, mestre e poeta que obtivo o Premio Nacional de Poesía sobre o Nadal do Centro Cultural de Begonte a comezos do presente ano. E digo dos últimos porque o último/os últimos “directos” serían a miña mesma familia xa que o perfecto coñecedor dos temas daquela comarca, párroco do Buriz e Dean da Catedral compostelana, Segundo Pérez López, ven de informarme de que a bisavóa de Mercedes Paz Rosende, a miña muller, da Casa do Portelo do Buriz, e a avóa de Xosé María Díaz Castro eran irmás.

"Eu escribo un galego dialectal, como xa dixeron algúns críticos nas reseñas da miña obra. Un galego de Lugo, e dentro de Lugo desta bisbarra. Que non é un galego perfecto, xa o sei, pero eu quero sempre falar na lingua da bisbarra onde nacín, porque así a miña voz é máis auténtica”.
"O idioma (agora, en Galicia) está moito máis apreciado, moito máis categorizado que antes. Antes, desgraciadamente, os galegos despreciamos ó traves dos anos e dos séculos, a nosa cultura, e un dos grandes aspectos culturais é precisamente a lingua. Agora non, agora a lingua ten unha categoría, xa se ensina nos centros docentes... antes era máis ben despreciada. O castelán sempre foi a lingua oficial, a lingua de tódolos documentos, e por eso sempre desgraciadamente tiñamos esta idea despectiva da cultura e da lingua galega.../...".


Dez anos despois

Foi en 1980 (22 de xuño), no extraordinario que El Ideal Gallego dedicou ás festas do San Xoán en Guitiriz, que eu coordinaba, cando publiquei “Galiza en min, meu Deus, pan que me deron...” como homenaxe ao escritor, “para un achegamento do poeta ao seu pobo”, proporcionando uns datos básicos e recollendo anacos dalgúns dos poemas de “Nimbos”. Volvía a aparecer o erro de que nacera en Buriz, e posiblemente fora daquela cando un crego -Victoriano Felpeto- oriundo de Guitiriz me fixo chegar unha carta lembrándome o verdadeiro lugar do seu nacemento.

"A min non me puideron anular nin como galego, nin como escritor en verso. Non me puideron anular. E eso que estar en Madrid tantos anos é como estar nunha illa deserta.
Seguín sendo galego sempre, sempre, sempre... ainda que alí non encontrara un ambiente axeitado salvo os contactos que tuven a través do Centro Galego, e de alguns actos aos que asistia... na miña vida non había ningún ambiente galego, pero eu sempre levei a Galicia comigo. Sempre estivo comigo Galicia en Madrid. Por iso eu escribía como si estivera en Galicia. Eu vivín en Madrid case como se vivira en Galicia”.


O primeiro mestre

Sabemos que Manuel Cordeiro foi o seu primeiro mestre. Eu coñecino xa moi maior, en Lugo, onde viña visitar ao seu fillo Luis Cordeiro, daquela Asesor de Teleclubs na Delegación Provincial de Información e Turismo, onde eu traballaba.

D. Manuel Cordeiro vivira na mesma casa de Xosé María, e alí impartía as súas clases aos pequenos. Quedoulle ao mestre unha especial relación coa familia, e boa proba é unha carta do 28 de maio de 1951, na que o pai de Xosé María, Isidro Díaz Calvo, da novas da familia ao mestre, sinalando que “José, después de nueve años de estudio para Cura, entrando en tercero de teología dejó la carrera, se marchó a Villagarcía a entrar de profesor en un Colegio de Enseñanza media, y durante el tiempo que estuvo allí aprobó el título de bachillerato y ahora hace como dos años o tres marchó a Madrid y desempeña el cargo de traductor de idiomas en el Ministerio de Gobernación”.

En xullo de 2005, Luis Cordeiro (Director do Colexio de Foz, Presidente da Deputación Provincial de Lugo, Vicepresidente do Parlamento de Galicia e un dos Pais do Estatuto de Galicia...), facendo reconto de documentación e de lembranzas, e recordando a miña amizade co poeta, “fillo dun ìntimo amigo de meu pai de cando mestre nos Vilares, e penso que primeiro mestre do escritor”, mandoume a carta orixinal que agora, ao reencontrala, fago propósito de reintegrala á súa familia. Cordeiro morreu, moi novo, en decembro de 2007.


15-4-1983

Con esta data mándame unha carta na que me di “Aledoume moito ouvir a túa voz por teléfono o outro día i a proposta que ti me fas de asistir en Lugo ó Día das Letras Galegas. Como xa che dixen, non teño a seguranza compreta de poder ir ahí. Pro como o asunto me interesa moitísimo e, se poido, acudirei a esa cita, agradeceríache que me deras todos os detalles posibles, por exemplo: día, hora e lugar desta celebración, programa do acto, personaxes que probablemente van asistir, etc..., todo o que saibas verbo do asunto.
Como xa pasei varias tempadas en Galiza por cousa da enfermedade e morte da miña irmá María (q.D.t.n.g.), agora non me resultará tan doado estar de novo ausente do traballo, maormente porque nise tempo ninguén me sustituirá nas miñas funcións, o que suporá unha acumulación excesiva de traballo que soio eu poido despachar.
De todolos xeitos, penso falar co Direitor diste Instituto encol do asunto; pro antes diso, quero que me deas toda a información posible para eu podere facer plans”.


27-4-1983

Pouco despois, escríbeme informando de que “os rapaces compostelanos que editan a revista Dorna, hai tempo que me veñen pedindo colaboración para isa publicación periódica; eu polo de agora non lles poido mandar ningunha cousa nova; pro envieilles unha serie de poemas antigos, tres ou catro publicados en revistas (en castelán case que todos) i os demais, inéditos. Eu teño bastantes poemas en castelán non publicados hastra o de agora. Se che interesa algún, dimo (inda que eu non os considero de especial valor literario)."

E, xa que aparece Dorna, aproveito para dicir que me honraba -andando o tempo- ser blanco das súas pequenas rabexas amistosas cando falaba do trio que o premía para que escribise, que traballase de novo (Alfonso Blanco, Luis González Tosar e máis eu), para que sacase folgos daquel forte corazón de poeta que podía doerse polo esforzo pero que o compensaba con sensibilidade: “Non sei canto tempo estarei en Madrid, nin canto tempo estarei en Galicia. Pasarei tempadas aquí e tempadas en Madrid. Eu, o que quero, máis que nada, é estar aquí a maior parte do tempo posible, e despois -si podo- vou ver si escribo, si volvo outra vez a escribir”.


29-6-1985: Literatura Viva, na Radio Galega

Nos primeiros tempos da Radio Galega, por iniciativa do seu director, Xosé Luís Blanco Campaña, co que fixera amizade cando el aínda estaba en Cataluña, encargueime dun programa de catro horas titulado “A festa dos sábados”, que de catro a oito do serán ofrecía programas feitos por nenos, entrevistas en profundidade aos grandes da Galicia daquel tempo, entrevistas a alcaldes sobre os seus concellos e unha hora dedicada a conversar cun poeta e abrir os micrófonos á súa poesía.

O do 29 de xuño de 1985 foi o programa de Díaz Castro. Alí conversamos e alí leu -e gardo como ouro en pano esa lectura gravada- os poemas CANTO DE OUTONO, SONETOS EN HONOR Á MULLER BETANCEIRA, ALFA I OMEGA, VISPERAS, NO RESPLANDOR DA MÚSICA, PENÉLOPE, TERRA ACHAIADA, REMUIÑO e MONUMENTO Á AUSENCIA.

Recentemente veño de poñer esa gravación ao dispor do programa DIARIO CULTURAL da Radio Galega, dirixido pola benquerida Ana Romaní que gosta de Galicia e de todo o que se refira á nosa terra e á nosa xente.

"Os temas que máis me gustan son os eternos problemas (do home), aqueles que se refiren á súa orixe e ó seu destino... o tempo, a vida, a morte, Deus.../ eu, case por instinto, sempre recurrín aos conceptos luz-sombra, noite-día... non son capaz de expresalo: dous polos distintos da vida.../... Nin me gusta escribir según o principio da arte pola arte, que me parece puro esteticismo sen sustancia, nin tampouco facer poesía comprometida pola razón de que eu sempre fun moi libre, e sempre me escapei de todo aquello que me atara a un principio, a unha norma".


Agosto, 1986: Díaz Castro e Fole

Durante a miña estadía no Concello de Lugo á fronte dos temas de Cultura (1983 a 1989), organizamos unha homenaxe a Anxel Fole, dedicóuselle a Semana Bibliográfica das Linguas Ibéricas na súa V edición, e editouse o libro colectivo “Os escritores lucenses arredor de Fole”. Se ben a Semana celebrouse en vida de Don Anxel (1985), o libro xa saíu despois do seu pasamento, en 1986.
Para este libro-homenaxe que eu coordinei, pedinlle a noventa esritores amigos ou coñecidos que fixesen un traballo sobre Ánxel Fole. Un deles, Xosé María Díaz Castro, daquela xa case permanentemente en Guitiriz.

Tardou bastante en mandarmo porque estaba un tanto “desganado” en canto á creación se refire. Pero polo que no seu momento me dixo, unha tarde de agosto de 1986 -apurándoo eu polo envío do traballo- meteuse no bar Avenida de Guitiriz, e escribeu “de corrido” este poema do que, logo, se manifestaba satisfeito, e agradecido a min por forzalo a telo escrito.


In memoriam a Anxo Fole

Nuca te vin, non te verei. Quedaches
beira da vida, inmóvel como o vello
relox parado da Galiza eterna.
Ti escrebiches de min, e non te vin
nin te veréi xamáis. Soio me resta
acender o candil na treba chea
de vento e choiva e oubear de lobos,
e lerte noite a noite caladiño
como quen reza ou como quen remóe
relembranzas de cousas que non foron.

Estoute lendo xa, para acó da morte,
mentras ti dormes para aló dela un sono
moito máis vivo que as historias túas
de vivos e de mortos. Ti dormiches:
Non pasaches aínda. Estoute lendo
cal se quixera descifrar o enigma
da agonía perpétua de Galiza,
neste agosto do ano oitenta e seis.

Verba tras verba, como quen debullla
unha espiga de millo grao a grao,
eu voute lendo e síntote ó meu lado
escoitando comigo un ruxir de augas,
choivas eternas, ventos agoirentos
polas fragas, lousados e sepulcros.

Léndote a ti, vello Anxo Fole, vexo
a Galiza xemendo antre os seus prados
e carballeiras vellas como o mundo
por onde corre un vento cheo de cinza,
quezáis a cinza dun destino morto,
e daquela, Anxo Fole, doime a morte
inacabable de Galiza, dóime.

Léndote a ti, vexo a Galiza brava
Nun mapa neboento de arcaísmos,
De laios enterrados na lediza
Da nosa terra, morta nos seus fillos,
E viva de esperanzas sempre ergueitas.

Léndote a ti, vello Anxo Fole, óio
un troupeleo de difuntos vivos,
santas compañas que nos acompañan,
meigas que enmeigan nosos pensamentos,
voces antergas que non coñecemos,
berros do noso sangue inmemorable.

Léndote a ti, vexo por antre a néboa
eterna da tua terra de auga e herba,
subir por unha escada lumiosa
a un home soio, cuio rosto é o teu,
cara ó castelo da inmortalidade.



1986: Poesía na noite

Na recén nacida productora de video Ophiusa, creada en Lugo en outubro de 1986, realizamos para a TVG unha serie de pequenos programas -“Poesía na noite”- que a Autonómica emitíu para pechar as súas emisións con mensaxes poéticas de autores galegos. Naquela serie, cen autores galegos vivos leían anacos da súa obra diante das cámaras, contribuíndo ao espallamento da creación poética galega.

Primeiramente fixeramos dous programas de proba, dedicados a dous poetas cos que tiñamos moi directa relación: Xavier Rodríguez Barrio e Xosé María Díaz Castro. E estes programas tipo foron divulgados por primeira vez a finais de 1986, na última Festa do Video que Videolugo (empresa do meu socio e cámara destes programas e do especial “nimbos de Poesía”, Carlos Rodriguez Arias) celebrou na capital lucense.


Nun San Froilán

Conta Manuel Xosé Neira (Galicia Hoxe, 28.3.2005), que “na luguesa Praza de Santa María, nunca coidarían que a miña cámara fotográfica literaria os recollera: dúas grandes prumas do país fronte a fronte, intercambiando opinións, trocando os enderezos particulares. Eran Uxío Novoneyra, o poeta do Courel e Compostela, o dos paseos e devaneos líricos e o grave, lúcido e tan persoal, Xosé María Díaz Castro. Foi na Praza de Santa María, lémbroo moi ben. ¿Un Lugo literario?, Como non”.

Tivo que ser nun daqueles Encontros de escritores da provincia de Lugo que desde o concello de Lugo convocábamos co gallo do San Froilán e comezaban en acto literario e remataban nun xantar do polbo sanfroilaneiro nas casetas do parque. Díaz Castro asistíu a varios, e neles mergullouse por fin no ambiente literario galego, contando coa amizade e a admiración de todos os que -novos e vellos- acudían a estas xuntanzas.


3-1-1987: A Radio máis Nova

Facía eu daquela na Radio Galega, tódolos sábados, “A Radio máis nova”, na que cun equipo técnico visitaba colexios de toda Galicia para gravar programas feitos polos propios alumnos.

Dedicamos o dese día ao Colexio de Guitiriz, no que os rapaces de Xermolos eran os conductores e realizadores, mesmo poñendo a música co seu grupo musical. E o invitado de honra foi Xosé María Díaz Castro, que foi entrevistado polos rapaces, someténdose a un auténtico terceiro grado sobre a súa poesía e a súa vida.

"A min sempre me gustaron os nenos, que falaran comigo, e agora máis aínda porque eu recordo tamén con moita ledicia os tempos de profesor que para min son inesquecibles. Gústame falar máis cos nenos que cos profesores -que me perdoen- porque para min son algo moi querido, moi entrañable, moi metido en min."

"Cando eu era neno, mellor dito, cando era un rapaciño, estudiante, eu escribín un diario como moita xente. Despois deixei de escribilo".


1988: Nimbos de poesía

No video que eu dirixín, confesa ter nacido á poesía “aos oito ou dez anos... na escola primaria. Daquela empecei a fiar os meus primeiros versos. Eran poemas malos, en castelán, xermolos dos que virían despois. A verdade é que eran cousas que non podían ser gardadas”.

“Iba á escola dos Vilares, ·eu era un rapaz bastante estudioso daquela. E os compañeiros, claro, víanme un pouco distinto ós demais. Pero nunca soñei con serr poeta. Gustábame, si, ser escritor”.

O clima poético atopouno en Mondoñedo. Nos Vilares “non había ese clima. Cando encontrei ese clima foi estudiando xa o que poderíamos chamar segundo ensino, en Mondoñedo. Alí había un ambiente que poderiamos chamar estimulante para a poesía”. Aos 16 anos, xa era escritor: “cando era rapaz e empezaba a escribir, eu tiña un pouco de fachenda, e gustábame que dixeran que escribía ben..../... a miña cultura orixinal é galega, pero despois tiven unha cultura sobreposta, a castelán. Empecei a escribir en castelán, porque daquela era o que estaba –por dicilo así- de moda. Pero despois botei en conta que eu realmente me debía a Galicia,. O exemplo de Aquilino Iglesia Alvariño foi o que máis me influíu na elección da lingua galega para escribir poesía, o que me determinou a escribir e publicar en galego”.

“Na miña familia había unha tradición, xa anterga, de curas... e unha grande relixiosidade. A constante influencia acabou por determinarme. Eu non sabía se había ou non había vocación, pero deixeime arrastrar polos cariños familiares. Foi máis tarde, ben máis tarde, cando me din conta de que aquel non era o meu camiño.../... aquí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso, e empecei a publicar... nun periódico de Villalba, unha revista de Vigo... para min, Aquilino foi un guía. Primeiro fomos compañeiros de estudio en Mondoñedo. Máis tarde, compañeiros cde profesorado. E sempre o admirei. Para min, foi un dos mellores poetas que producíu a nosa terra, e aínda o sigue sendo.”
...
“Hasta os trece anos poido dicir que non empecei a escribir de verdade. Sen embargo, acórdome dunha vez que fun á praia de Sada. Levei un papel de estraza e alí, mirando ó mar, escribín un soneto. Tería 14 anos.”

Folletos como “Follas verdes” ou “Follas ó vento”, perdéronse: “Eran cadernos de poesía... perdéronse porque mos pediron amigos, compañeiros de estudios e despois, xa se sabe, libro que se presta, libro que se perde. Algúns daqueles poemas incluidos neses cadernos foron publicados, pero moi poucos. O mesmo destino terían outros traballos desta época que nunca verían a luz”.

“Os premios en Betanzos, nos xogos florales foron “un estímulo moi grande. Evidentemente, non era a recompensa monetaria o que me tentaba, senón acadar fama. Eu nunca me presentara a ningún concurso poético, e aquel ano pareceume que podería ser unha cousa facil para min o facer un canto a Betanzos e á muller betanceira. Por eso me presentei. Un día de verán, nas vacacións, funme a unha fraga, á beira do río, cun sombreiro de palla, un lápiz e un papel, e alí, dun tirón, fixen o Cántico de la Ciudad, o poema en castelán. O galego, fíxeno con máis calma. Tiven unha gran sorte. Para min foi unha gran satisfacción e un gran estímulo que aqueles poemas resultaran premiados....

Daquela, parte dos poemas de NIMBOS xa estaban escritos, unha parte moi pequena. Pero máis tarde, remateino en Madrid. Serían seis ou sete poemas os que tiña feitos antes de ir a Madrid”.


14-5-1988

En maio do oitenta e oito mándame copias manuscritas do poema PENÉLOPE, das que ningunha lle satisfacía, pois “despois de tantos días de estar encamado no hospital, perdín tonicidade muscular, que inda me segue a dar certa inseguridade e debilidade nas mans e nas pernas”.

Viña de ver o video “XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO, nimbos de poesía”, e comentaba a súa impresión: “Hai uns días puiden ver polo televisor, a través do proxector dun cuñado meu, o video que me fixestes en Galicia. Tiñádesme dito que saira ben, pero agora comprobei que saíu moi ben, bastante mellor do que eu coidaba. Ista é unha demostración espléndida do bon labor do guionista e do cámara. Unha real e verdadeira obra de arte”.
E daba novas da súa saúde: “estou sometido a un control riguroso da protrombina, sustancia precursora da formación de trombos, sempre tan perigosos. De tódolos xeitos, espero poder estar en Galicia no mes de San Xoán”.

Despedíase “con lembranzas garimosas dos meus para os teus, mándoche unha grande aperta”.


1989: Poetas da Guerra e da Postguerra

Ophiusa preparou para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia un video-libro e exposición titulado LONGA NOITE DE PEDRA (Poetas da guerra e da postguerra) , sobre os escritores galegos que viviron naquel tempo difícil. A primeira parte eran “Os continuadores” e a segunda “Fillos de invernía”.

Nesta segunda parte figuraba Díaz Castro, definido polo director literario do proxecto -Darío Xohán Cabana- como “fondo poeta da reflexión e da terra”, indicando que era “un poeta dono dunha lingua severa” que lograba “un ritmo baril e nobilísimo”. Cada poema ía acompañado dun poema. E ao seleccionar “Penélope” afirmaba Darío que se contaba “entre esas xoias de rara perfección que terá que enrestrar quen queira unha grinalda de vintecinco flores (coma tal) da lírica galega”.


1989: De novo, Nimbos

Sae a segunda edición de Nimbos na colección Dombate (Galaxia), ao coidado de Luis González Tosar, Xosé Antón López Dobao e Anxo Quintela. Xa podiamos ter o seu libro aqueles que “non chegamos a tempo” da primeira edición, e o xenerosísimo autor dedícamo: “Para ti, Xulio Xiz Ramil, lumieira do xornalismo da nosa terra chairega e amigo de verdade, vai con agarimo este feixe de poemas da nova edición dos meus “Nimbos de poesía”. Coas miñas garimosas apertas, arroupadas de gratitude, Xm. Díazcastro.

“En 1955 estaba preparado o camiño. Entendendo o camiño dos críticos, porque Fernández del Riego ó incluirme no seu libro, fixo unha crítica de min e da miña obra, que era moi pequena -sete poemas- pero abreu camiño. Cando se publicou, a xente veu que Díaz Castro era un poeta novo, totalmente descoñecido... foi unha sorpresa”.
...“Moitos, incluso críticos, creeron que NIMBOS significaban esas nubes cargadas de auga que anuncian choiva. Nimbos é o nimbo dos santos, a aureola que rodea a cabeza dos santos, unha aureola de groria. É coma unha aureola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis... e seria asi o poeta das cousas pequenas para facelas transcender: esa é a miña idea. Algún crítico dixo que era un home con moito respecto ás cousas, un respecto ás criaturas de Dios non acariciadas. Esas son as que busca o poeta para elevalas a unha categoría, e por eso envólveas nun nimbo de luz, para darlles groria”.... eu realmente quedei asombrado de que houbera tanta unanimidade na crítica favorable, de toda clase de xentes, literatos ou non literatos: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lugrís, Fernández del Riego... todos coincidiron no eloxio”.
.../...

Vintecinco anos despois cambiaría un pouco os conceptos de Penélope, pero o fondo segue sendo o mesmo... o pendular, o ir e vir, sempre movéndose no medio da chuvia... non hai bois que aren, pero o espírito galego permanece. Estamos nos dous pasos, no de adiante e no de atrás, pero agardo que estemos máis cara adiante.
.../...

“Agora estou xubilado. Estou sen profesión, pero as que exercín todas me gustaron. Tuven esa grande sorte de exercer profesións do meu gusto: traduccións, servicio de información e documentación. A profesión literaria gústame moito como profesión, sen embargo eu non a considero como profesión senón como hobby”.


3-10-1990: Despedida

Ese día foi a despedida física a Xosé María Díaz Castro no cemiterio de Guitiriz. Fomos levadores Novoneyra, Darío, Tosar, Manuel María, Paco Martín e máis eu.

Gardo o texto das miñas palabras no seu enterro, do que entresaco algúns párrafos:
“Hai uns quince días, cando Xosé María Díaz Castro foi ingresado na Residencia de Lugo, na primeira das conversas no tristísimo ambiente de hospital, o poeta reafirmaba a súa querencia pola Chaira, engadindo especialísima puntualización: Quero e reivindico a Chaira, pero agora faime falla pouca. Con dous metros de longo por un de ancho, coido que poderei arreglarme. Quizais era algo máis ca unha premonición.
.....
Foron anos felices os que aquí vivíu (en Guitiriz) Xosé María. Tantos anos despois, puido ir de novo a Mondoñedo, a Betanzos, a Compostela... Coñeceu a Carballo, a Piñeiro, a Del Riego... a Manuel María, a Claudio, a Darío, a Xavier, a Fiz, a Antón Santamarina, a Carmen Blanco, a Díaz Jácome, a Diéguez, a Franco Grande, Tosar, Casanova, Ferrín, Novoneyra, Trapero, Fernán Vello, Margarita, Rábade, Míguelez... Veu recoñecido o seu traballo de tantos anos na súa propia terra e polas súas xentes, polos homes e mulleres da cultura de Galicia.

Chegados a este punto, hai que sobrancear o labor de Xermolos. Gracias a Xermolos, Díaz Castro acadou o recoñecemento que se merecía, saíu do esquecemento. Nunca saberá Guitiriz o que lle debe a Xermolos. Nunca pagará Guitiriz os servizos de Xermolos pola cultura galega, por erguer culturalmente esta terra. E cando falo de Xermolos falo de Alfonso... ¡Canto ten protestado Díaz Castro polos “trotes” que lle metía Alfonso!. Pero tamén, ¡canto ten agradecido Xosé María o labor de Alfonso e de Xermolos!.

Esta terra non estará en paz consigo mesma ata o momento en que Díaz Castro teña adicada unha rúa. Guitiriz, o Concello de Guitiriz, os Vilares, toda esta terra, ten unha débeda con Díaz Castro que non se paga máis que con agradecemento. Esta débeda empezará a pagarse o día en que vós e nós, os guitiricenses e os amígos foráneos, poidamos xuntarnos para facerlle a Díaz Castro unha homenaxe e colocar nunha rúa, na biblioteca, onde queirades, unha placa que lembre a súa memoria.

A despedida a Díaz Castro ímoslla facer, despois do oficio relixioso e antes do enterro, con poesías e voz de poetas. Primeiro, Lois Diéguez cun poema feito para este acto. Logo, Manuel María, o decano dos poetas chairegos (desaparecido Díaz Castro), lerá textos do poema.

Porque á hora da despedida do grande amigo que se nos foi temós, á forza, que acudir á poesía, agora que -como el dicía- “vaise enterrando suco a suco o outono”, agora que el desde aló arriba, verdadeiramente, “oe pacer a canto hai”, agora que “a beleza fireuno para sempre”, agora que “admitido foi na espranza pura”, agora que “a lus do mundo é a que arde” nas nosas bágoas.

Quedamos, Xosé María, coma os teus fillos, coma teu irmán Serafín, orfos de ti, da túa compaña, da túa amizade, da túa conversa, do teu saber... E é que, amigo, deixas un baleiro demasiado grande.

Xosé María Díaz Castro, poeta dos Vilares, que desde hoxe repousas nas “gándaras sen fin de Guitiriz”, como ti dixeches da herba pequerrechiña, desde hoxe, “o universo é máis pequeño sen ti”.


22-11-1990: En Mondoñedo.

O 22 de novembro daquel ano fomos a Mondoñedo, ao Seminario onde estudou Xosé María, presentar o video sobre Díaz Castro como “unha mensaxe de música e palabra sobre un poeta desta casa, sobre un deses homes que engaden música ás palabras normais para que se convirtan en poesía”.
E sinalei que era “a segunda vez que entro no Seminario. A primeira entrei con Díaz Castro, precisamente para facer este video que hoxe veño a presentarvos”.

Iamos presentar o video precisamente aos rapaces compañeiros de Díaz Castro, compañeiros daquel home que un tempo foi neno e rapaz, e en Mondoñedo comezou a vivir.

Confeseilles aos rapaces que cando dei en facer o video, e repasei a súa biografía xunto coa súa poesía, vin que o trasfondo relixioso, místico, que a poesía de Díaz Castro tiña só podía proceder do Seminario. E así o fixen constar no guión, e así o comprobei cando fun con el a Mondoñedo.

En Mondoñedo, aparecía un Díaz Castro diferente. Aquí, díxome,
vivira os mellores momentos da súa vida... aqueles, precisamente, cando a vida se abre á ilusión, ó futuro, ó mundo que nos rodea.

Entrei con el polo portalón e parecía máis novo ao entrar, como descargándose dos anos que andivo por fora. No patio central, sinalou unha fiestra... alí, estaba o seu cuarto. Sinalou unha porta: “alí vin por primeira vez a Aquilino, que tanto influiu en min para que escribise en galego.” Naquel día había, lembro, exercicios espirituais para cregos no Seminario, e no amplo pasillo atopeime cun fato de curas que me honra coa súa amizade... todos coñecían, admiraban e querían ao vello compañeiro, a Díaz Castro.

Entramos nunha aula, sentouse nunha silla. E deu en ollar o chan e lembrar as vellas lastras, o encerado, as paredes, os mobles... “Aquí, dábannos clase de historia...” Aquí... en Mondoñedo, fíxose forte a poesía de Díaz Castro, aquí empezou a escribir en galego, aquí aprendeu a base do seu don de lenguas, de saber case todos os idiomas de Europa. Pero, sobre todo, aquí empezou a saber das verdades inmutabeis... do pequeño e grande que é ser home, da sede de luz que o acompañaría durante toda a súa vida... desa ferida que levaría sempre.

Xosé María Díaz Castro camiñou pola vida ferido pola sede de luz. E foi no Seminario de Mondoñedo onde aprendeu que hai unha luz que nos aluma... e se hai sede de auga, moito máis forte é a sede de luz... esa sede insaciable, buscando o resplandor... Xosé María Díaz Castro foi un sedento de luz, precisamente porque a súa altísima calidade humana, a súa fortísima personalidade, a súa bonhomía lle facía buscar ese “algo máis”.


1993: Un Paso de poesía (1961-1975)

Nesta continuación daqueles “Poetas da Guerra e da postguerra”, tamén editada por Ophiusa e ao coidado de Darío Xohán Cabana, figuraban os poetas máis sobranceiros de Galicia entre 1961 e o final do Franquismo, en 1975. Tamén nela figuraba Díaz Castro, que aparecía co seu poema “Quezais”, se ben coa indicación de que “algúns dos seus poemas -coma por exemplo o xenial Penélope, que ben vale un bo libro- terán que figurar sempre en calquera sensata antoloxía xeral da nosa poesía”.


2005, ano de Díaz Castro

Quince anos despois da súa morte, 2005, o Concello de Guitiriz proclamou vivir o “Ano de Díaz Castro”. Non era sen tempo, xa que durante a súa vida, a súa obra, a súa persoa, pasaron desapercibidas para as institucións oficiais, mesmo para a primeira institución do seu pobo.

A razón díxoa moi clara Alfonso Blanco Torrado (El Progreso, 4-10-05): “Foi unha persoa lonxana ós cenáculos literarios do seu tempo, ata o treito final do seu vivir no que retornou ó seu berce coma ó destino máis natural apousando para sempre do seu camiñar pausado e vagaroso, vivindo esta harmonía e paz que arrincou os seus mellores versos. Nada fachendoso, vibraba e soñaba coas criaturas máis sinxelas que conviven con nós nesta Chaira...”.

Desde o 2004, o Instituto de Guitiriz chámase “Ies Poeta Díaz Castro”, hai unha avenida Díaz Castro, e ata unha pastelería de Guitiriz se chama “Nimbos” en indubidable homenaxe á obra inmorrente de Xosé María Díaz Castro. Esto, ademais dos libros, comics, cadernos, videos, monumentos, placas, e a memoria viva gardada por Xermolos, institución verdadeiramente herdeira do escritor Díaz Castro, como o é da súa casa natal dos Vilares de Parga. E cando en calquera lugar do mundo se fale de Xermolos, ao frente dela sempre Alfonso Blanco Torrado, crego no concello, animador cultural da Terra Chá, herdeiro espiritual de Díaz Castro.


E agora, 2014, Letras Galegas

Alfonso, conseguiuno. Xermolos conseguíu que o Día das Letras Galegas de 2014 -o ano do seu centenario- se lle dedicase a Xosé María Díaz Castro. Se xa era inmorrente pola súa poesía, pola súa bonhomía, este recoñecemento universal -do universo galego- elevan a Díaz Castro á categoría inmarcesible dos Máis Grandes das nosas letras.

Eu sempre sentín a Galicia, desde neno, como algo que formaba parte de min, do meu espírito, da miña alma. Pero alí profundei máis, efectivamente, no espírito galego, por eso máis tarde alguén dixo que eu era un dos que mellor coñecía a alma galega. Eu non sei que decir. Realmente, sempre estuven fundido coa Galicia eterna, coa Galicia de sempre. E, claro, como a poesía, sobre todo a lírica, é moi íntima, esa intimidade que eu sentía de Galicia reflexeina sempre, sempre, nos meus poemas. E desde que empecei a escribir en galego, prácticamente, seguin escribindo toda a vida solo que moitos poemas perdéronse, outros publicáronse, outros rompinos...

Que case toda a súa vida profesional transcurrise en Madrid, non foi nunca obstáculo para manter un vencello firmísimo coa terra.

“Eu non me alonxei nunca de Galicia espiritualmente, propiamente; nunca estiven alonxado de Galicia. O que pasa é que me desvencellei da marcha da cultura e da literatura galegas porque estaba moi lonxe e non podía estar en contacto continuo con Galicia e coas súas manifestacións literarias e culturais...
Nos últimos tempos, non rexeitaba afrontar novos retos literarios, poñendo como única premisa a de conseguir que o que crease merecera a pena.
Eu quero facer unha obra que valla a pena. Desde hai bastantes anos son moi autocrítico, e non me gusta publicar cousas que eu non vexa que teñen a altura suficiente para levalas á imprenta. Esto influíu, o ser esixente conmigo mesmo, pero tamén as circunstancias da vida foron as que me interrumpiron a vida literaria durante moitos, moitos anos. Esas quizais son as dúas unicas explicacións do meu longo silencio que pasou desde que se publicou Nimbos ata hoxe”
.../...

Quixera poder ofrecer a continuación de Nimbos dentro de pouco tempo. Agora, eso non depende de min, porque a inspiración sopra onde quere e cando quere. De todos modos penso que pode haber unha continuación de Nimbos. Quizais non sexa a mesma poesía que a de Nimbos, quizais moito máis floxa ou debil. Espero que non desmereza moito do libro.
.../...

Pode ser tamén (editar os poemas dispersos), o que pasa é que para colleitalos, facer unha colección, ten que facelo o autor, e eu son moi escrupuloso nesa materia, e non me atrevo a facer un libro novo que non sexa moi selecto. Os poemas que van integralo teñen que ser moi selectos. Son moi esixente conmigo mesmo nese aspecto.

Non puido ser. E hoxe lembrámolo en tempo pasado, case un cuarto de século despois da súa morte, como un fito, case un mito, da literatura galega. “eu non sei como afrontar a fama; eu non sei se son un fito, pero non quero ser un mito. Se son un fito ou mito, son así, e é que me fixéstedes vós”.

Connosco sempre, Benquerido Xosé María. Sempre estarás vivo na lembranza de todos os que te coñecemos, e de todos os que saiban apreciar todo o que está recollido -enmarcado- polos teus NIMBOS.


FONTES:
As palabras de Díaz Castro recollidas neste traballo son froito das conversas co autor, cartas do escritor e gravacións para programas de radio. As publicacións que se mencionan no traballo, escritas ou dirixidas por Xulio Xiz son:
- “12 cantores da Terra Chᔠ(El Ideal Gallego, Agosto - 1970).
- “José María Díaz Castro, poeta chairego” (El Ideal Gallego, 29-8-1970).
- “Galiza en min, meu Deus, pan que me deron...” (El Ideal Gallego, 22-6-1980).
- “Literatura viva” (Radio Galega, 29-6-1985).
- “Os escritores lucenses arredor de Fole” (Lugo, 1986).
- “Poesía na noite” (Ophiusa. Lugo, 1986).
- “A radio máis nova” (Radio Galega, 3-1-1987).
- “Xosé María Díaz Castro, nimbos de poesía” (Ophiusa. Lugo, 1988).
- “Poetas da Guerra e da Postguerra” (Ophiusa. Lugo, 1989).
- “Un paso de poesía” (Ophiusa. Lugo, 1993).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania