Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecer e valorar Europa

viernes, 23 de mayo de 2014
Compás social

Dentro duns día temos votación para Europa. Os candidatos están soltando prédicas de lugares comúns e adxectivos cualificativos ata aburrir. O debate entre os candidatos dos dous principais partidos foi unha edición máis de reproches sobre cuestións internas de España; e os outros seis aspirantes a parlamentarios europeos apicoaron moitos e importantes temas europeos sen desentrañar ningún deles. Así non se convence a ninguén, porque para persuadir hai que dar máis razóns. E os medios de comunicación, tamén unha vez máis, bailaron a danza das comenencias xogando a gañador ou perdedor, para logo enredarse en cuestións insubstanciais.

É fácil constatar que para unha inmensa maioría de cidadáns españois o valor da Unión Europea non se percibe na vida cotiá inmediata, porque a distancia xeográfica e social, e a minguada información mediática, non favorecen o coñecemento mutuo permanente. Todos os políticos apelan a Europa como un horizonte xenérico, cando xa é unha realidade que debe ser coñecida, avaliada e valorada en termos moito máis concretos. Galicia, a Fisterra de Europa, sofre dun modo especial esa distancia e descoñecemento cotián da realidade europea, aínda que, afortunadamente, moitos cidadáns centroeuropeos coñecen, de propio andar, Santiago e boa parte do territorio galego.

A Unión Europea ten hoxe, como o longo da súa existencia, luces e sombras e incluso problemas moi graves; mais para España foi, segue sendo, unha táboa de salvación no medio de contendas internas de curta visión. Se botamos unha ollada ós 28 anos de pertenza de España a Comunidade e agora Unión Europea, o balance positivo é impresionante: solidariedade para novas redes e vías de comunicación, fondos para o equilibrio económico e social das rexións españolas, exportacións/importacións de bens e servizos, intercambios entre universidades, apertura de fronteiras, intensificación do turismo en ambas direccións, novas organizacións económicas, culturais e deportivas, e outra multitude de cambios colectivos que non chegarían a España en tan curto espazo de tempo sen ese impulso europeo modernizador. A cuestión agora está en precisar se ese empuxón de Europa foi, está sendo, ben aproveitado e ben repartido, e cales van a ser os pasos do futuro europeo, próximo e remoto. Certo tamén que a Europa social dos traballadores está aínda moi lonxe de ser a desexable.

Pero hai unha cuestión na que debemos afinar. A pel de Europa, de España e de Galicia mudou moito nese período de 28 anos, mais a esencia do espírito europeo non parece ser coñecido nin asimilado abondo no noso país. Ese alento espiritual ten uns elementos nucleares: a tolerancia sen perder as firmes conviccións, a liberdade sen perder o respecto a todos os grupos sociais, a universalidade conservando un aprecio proporcionado polas múltiples diferencias, o cultivo da razón e da ciencia sendo conscientes das súas posibilidades e limitacións, o sentido da responsabilidade e da xustiza reivindicando os dereitos humanos, e así toda unha serie de valores que compoñen a entraña de Europa, aínda que tamén se perciben algúns desatinos no devir da cultura europea.

A distancia xeográfica cotiá impide a gran masa de cidadáns ter experiencias directas do conxunto de Europa; non obstante, ese atranco pode salvarse mediante os formidables medios actuais de comunicación, e en parte así ocorre. Un amigo cinéfilo refunga sen parar: fíxate!, ata os mesmos programas das televisións repiten as imaxes das películas, dos artistas e actrices americanas; mais, quen coñece en España o cine francés, italiano, inglés, alemán e demais países de Europa? Das lexislaturas europeas coñecemos só algúns deputados, mais apenas sabemos nada das súas intervencións e propostas no parlamento europeo. Quizais non toda a culpa é deles, senón dos medios de comunicación españois ensimesmados en tertulias endóxenas, moitas delas socialmente irrelevantes. E que dicir do silencio sobre as decisións e normativas europeas que afectan directamente a España e as súas rexións? -Só algúns expertos e especialistas se ocupan e entenden desas repercusións prácticas.

O meu amigo que coñece bastante ben España e o resto de Europa, está realmente enfadado cos medios de comunicación, e sóbranlle razóns. Europa xa non é un ente abstracto, senón unha realidade que, mesmo en construcción, debe ser coñecida, examinada, avaliada e valorada non só por unhas minorías ilustradas senón pola inmensa maioría de todos os cidadáns que formamos parte do pobo europeo. E para conformar a conciencia colectiva dese amplo pobo europeo, hai que coñecerse, acercarse e apreciarse mutuamente. Ben sabemos que hai moitas forzas europeas centrífugas, mais tamén intuímos, e hoxe case palpamos, que a Unión Europea é unha necesidade histórica para todos os pobos do vello continente, entre eles os españois. Tanto a superación dunha historia europea tráxica como as tentacións secesionistas actuais aconsellan buscar a unidade, sen esquecer a pluralidade dentro dun marco común. Ou camiñamos cara unha Europa grande e unida ou cara unha irrelevancia mundial do noso continente.

Teremos enseguida novos representantes no parlamento europeo, mais non poden quedar estabilizados como uns elefantes ben coidados dos que só teremos noticias de vez en cando. O seu traballo debe ser esixido, coñecido e recoñecido e as decisións das institucións europeas teñen que ser coñecidas, analizadas e comprendidas. As propostas e solucións a problemas semellantes que adoptan outros países da Unión, deben ser coñecidas e compartidas. Todo iso só será posible se os medios de comunicación reconsideran os seus programas, fan xornalismo de investigación e lle dan un lugar destacado á información sobre as institucións europeas e países que a compoñen.

Hai que superar esa imaxe tópica da Unión Europea, bastante estendida, como un conxunto de mercadores, políticos e burócratas ben gornecidos, dilapidadores e prepotentes que, querendo ou sen querer, na práctica constrúan unha Europa a longo prazo inaceptable. Esa imaxe é parcial e inxusta, mais algúns elementos semellan sinalar esa direción. Todo iso require revisión e transparencia constante antes de que algún día sexa tarde. Cousa diferente son os pobos europeos, a procura dunha maior unidade e identidade compartida. Se todos somos capaces de integrarnos a fondo no mellor espírito europeo, tamén seremos capaces de entendernos dentro cada país. A responsabilidade é de todos, mais especialmente dos políticos e dos medios de comunicacións que neste intre teñen máis medios ó seu alcance para impulsar unha gran irmandade europea. Vaiamos todos a votar, para poder requirir.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES