¡ Díaz Castro perdido no traxeito
dun percorrido moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!.

O intre de amor de Galicia aos seus poetas, recordados todos neste día de festa dende que coa nai das nosas letras, Rosalía de Castro, comeza a longa traxectoria de homenaxear aos nosos grandes escritores nun percorrido que nos leva neste 2014 á figura de Xosé María Díaz Castro e os seus versos de ventos fuxidos, cova alumada ou como un río. Ríos e regatos de versos repiqueteando na nosa terra, sin que quede un recuncho dela, en data tan sinalada, sin música ou sen poesía.
Dende a miña enramada, ésta que abrigou o nunca esquecido tempo da infancia, no percorrido diario de Loiba ás costas da Mariña Lucense, para chegar ó instituto con nome de illa, Illa de Sarón, quixemos tamén celebrar este día das Letras Galegas, contando para isto coa voz dun cantautor, preciado por todos nos; algo diferente para os alumnos de música aos que estas cousas lles resultan tan vellas coma novas, escoitando atentamente os compases de quen poidera namorala, o monólogo do traballador ou adiós ríos, adiós fontes da nosa inmortal Rosalía, que foron a ledicia dos pícaros que por primeira vez oían estas cancións coa voz de forza e tenrura do noso cantor de Mugardos, Xoan Rubia, acompañado polo guitarrista Daniel Adzemian.

Froliñas de toxos e roseiras de sentimentos tamén co noso grupo Rosas, tocando e cantando na sua forma de alumar por estes paraxes de grandeza e misterio, por estas terras galegas, como apunta o homenaxeado Xosé María Díaz Castro no seu poema Penélope:
Un paso adiante e outro atrás, Galiza
e a tea dos teuos soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove".