Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con pasamontañas

lunes, 19 de mayo de 2014
Imaxine, benquerido lector, que a estas horas nas que están lendo esta columna -se cadra que o está facendo nunha cafetería ou baixo o acougo dun parasol nunha terraza calquera-, o seu veciño de mesa que está facendo o mesmo ca vostede ou simplemente tomando un café mantinal; a parella que cruza por diante súa, camiño das compras; o grupo de rapaces que aceleran o paso para non chegaren tarde á escola; o electricista que está subido á escaleira tentando arranxar o alumeado público; mesmo a policía municipal que controla que ningún vehículo estacione sobre a beirarrúa e tódolos demais protagonistas do cadro costumista que logra ver nun flash ó erguer a vista do papel... repito, imaxine que todos eles levaran pasamontañas.

Póñase nun intre nesa situación e estou seguro de que se fose quen de interiorizar todos estes fotogramas e algúns máis que a súa propia imaxinación fabrique, nunha sorte de movemento máis ou menos abstraído, acabará por sentir unha especie de desacougo e desconfianza que non só non lle deixaría ler o xornal coa tranquilidade debida, senón que incluso faría que o café lle soubese a achicoria.

Engádalle a esta escena algo de son e intente escoitar algunha expresión das que uns e outros van soltando ó seu paso pola súa beira e sorpréndase con que algunhas delas poden ser amables, pero outras mentan palabras soeces moi próximas ó insulto, cando non se superan de seu o límite das ameazas.

Abofé que entón a situación volverase inaguantable e de seguro que lle faltarán folgos para erguer dun chimpo o cu da cadeira e fuxir do lugar dando pasos de sete leguas.

Si, xa sei que a proposta que lle formulo, tal como lla formulo semella ser un pouco tétrica e máis que para ser ambientada no Día das Letras Galegas sería máis acaído enunciala no marco da Semana de Novela Negra gijonesa. Pero tráioa hoxe a colación antes de que enfríe o debate social xurdido sobre a necesidade de regular -xa sexa pola vía do código civil, xa pola do código penal- a selva inmunda na que se teñen convertido as redes socias e sobre as que tamén teorizaba esoutro día.

E traio tan desacougante estampa a colación, porque exactamente iso mesmo é o que acontece no ámbito virtual da rede: Vostede ponse fronte ó seu ordenador a escribir algún comentario no "facebook" ou no "twitter" plenamente identificado para que todo o mundo saiba quen é (igual que se senta o tomar o café na terraza) e de súpeto o seu comentario empeza a ser comentado por alias de nomes irreproducibles que non identifican a ninguén e onde o insulto sae gratuíto.

Disque hai que regular legalmente as redes sociais? Non! Regularanse eles sos o día que estea prohibido transitar pola rede con pasamontañas.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES