Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A beleza feriume para sempre' (5)

viernes, 16 de mayo de 2014
DIAZ CASTRO, CANTOR DAS COUSAS PEQUENAS


Os poetas da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo teñen unhas características comúns que, podemos dicir, lles dan un certo aire de familia. Por suposto que Xosé María Díaz Castro participa destas características.

Unha destas características é que tódolos poetas da Escola do Seminario son os cantores das cousas pequenas, das cousas miudas, e teñen un afán e un amor franciscanista polas cousas máis humildes e sinxelas.

No caso de Díaz Castro, o poema titulado “Esmeralda” é, sen dúbida unha boa mostra. Coido que o título xa o di todo pois chámalle esmeralda, pedra preciosa, perla, a unha herba. Xosé María Díaz Castro expresa a grandeza e o amor polas cousas, aínda as máis humildes, as máis sinxelas.

O mesmo Díaz Castro deixou dito: “Algún crítico dixo que era un home con moito respecto ás cousas, un respecto ás criaturas de Deus non acariñadas. Esas son as que busca o poeta para elevalas a unha categoría, e por iso envólveas nun nimbo de luz, para darlles gloria” (1).

Velaquí o poema “Esmeralda” que está recollido no libro Nimbos:

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
¿porque de ser pequena
te me avergonzas ti?
¡O Universo sería
máis pequeno sin ti!

Outra composición do poeta dos Vilares no que aparece este amor franciscanista polas cousas máis humildes e sinxelas é o que foi publicado o vinte e oito de xuño de 1932 no nornal El Progreso Villalbés e que leva por título “As formigas”. Deste poema Segundo Leonardo Pérez López di: “Este poema é unha composición de ton franciscanista, fixando a súa atención na imaxe simbólica das traballadoras formigas como testemuñas da presenza de Deus no mundo, onde aparecen as intuicións fundamentais da alma contemplativa, e o espírito de superación, dende a oscuridade que sempre o acompañarᔠ(2).

Velaí o poema:

Un resario mouriño, mouro, mouro,
A soñar baix’o sol,
n-un vieiro de lume, branco, branco...
Todas levan a Cruz, ¡válla-me Dios!
¿Qué buscades, irmáns do meu camiño?
¿Qué soniño tamén levades vós?...
¡Ai,qu’o día é moi longo, longo, longo!
¡é grande o día nas mans do sol!...
Bule, bule, bule, bule...
Obreiriñas de Dios Noso-Señor,
estradas por toxales e carreiros,
¿qué soniño na i-alma leváis vós?
... Unha noite, Dios mio, de traxedias,
das traxedias que dan no corazón,
non sei que meigas nebras torceron o camiño,
perderon-se os pasos, sin lus. ¡válla-me Dios!
Romeiras pequeniñas
de Dios Noso-Señor...
¡vós a bandeira do traballo erguestes,
n-unha fame ideal de redención,
e no lenzo azulado sobr’os ventos
escribistes o voso corazón!...
Romaxe longa, longa;
cansadiña romaxe d’El Señor...
¿qué frol azul os vosos ollos miran?
¿qué soniño leváis no corazón?

Poderíanse poñer máis exemplos, pero coido que con estes dous abondan para ver, na poesía de Díaz Castro, o amor franciscano polas cousas pequenas e sinxelas.


NOTAS
1.- XIZ RAMIL, Xulio, “Xosé María Díaz Castro: Nimbos de poesía” en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 163.
2.- PÉREZ LÓPEZ, Segundo L., A ferida da beleza en Nimbos de X. M. Díaz Castro, Instituto Teolóxico Compostelán, Salamanca, 2014, páxina 93.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES