A ferida da beleza en Díaz Castro
Segundo L. Pérez López, Deán da Catedral de Santiago que á vez é párroco do Buriz (Guitiriz), que coñeceu e tratou ao que en vida consideramos o patriarca dos creadores literarios da Terra Chá, ven de publicar A ferida da beleza en NIMBOS de Xosé María Díaz Castro.

Empezo por dicir que xa me pareceu magnífico o prólogo de Ramón López Vázquez, do Centro Ramón Piñeiro, que establece un paralelismo entre o autor e o homenaxeado, non só por procedencia (das terras de Guitiriz) e formación (Seminario de Mondoñedo) senón por disciplina e exercicio, por ser poetas e pensadores ámbolos dous, e coma López Vázquez opina, eu tamén estou totalmente de acordo en que esta é unha aportación singular no ano en que se vai producir unha "marea abouxadora de feirantes que berran o nome de Díaz Castro".
É a terceira vez que vexo ou escoito o nome de Via Pulchritudinis, que pode ser traducido como Camiño da fermosura, sexa pola música, pola poesía, pola harmonía en definitiva. A primeira vez foi na Catedral de Lugo cando o coro da Catedral, o Orfeón Lucense, do que son Presidente, iniciou un ciclo de concertos con este título, elixido por Monseñor Carrasco Rouco, bispo da diocese. A segunda, en Roma, na Basílica de San Pedro, no Vaticano. E por fin, neste luminoso traballo que, a fin de contas, xira arredor da fermosura como Díaz Castro xirou cal avelaíña arredor da luz, da fermosura absoluta como total era a súa sede de luz.
Afirma o autor que "teólogos e poetas son almas próximas que teñen que aprender a contemplar o propio misterio", e subliña a relación profunda entre filosofía, teoloxía e poesía", concluíndo "a poesía é o camiño máis corto entre o home e a luz".
O libro é un fondo tratado teolóxico-poético sobre a obra fundamental de Xosé María Díaz Castro, cunha abrumadora sucesión de citas -filosóficas e poéticas- que fundamentan e arroupan un traballo que vai ser pedra angular no coñecemento do pensamento do noso autor, e chamame a atención de xeito especial a idea de que "a palabra poética ten acceso a certos ámbitos que só ela, polas súas propias características, pode alcanzar".
E volvo ao paralelismo que indica o prologuista para estimar que ese paralelismo do autor con Díaz Castro chega, mesmo, a este momento actual, no que o autor ve a obra principal do escritor con ollos de teólogo pero tamén -e moi especialmente- con ollos de poeta. E a fondura do ensaio permítenos pasear polos intrincados versos dunha obra singular, destacando o que o autor quixo deixar entrever, confesándose sen facelo, proclamando a súa fe pero en clave tan sutil que só é apta para iniciados, ou para poetas. E neste caso Segundo Pérez López - no fondo ou no trasfondo- abrangue os dous aspectos, e eu vexo neste traballo un magnífico tratamento poético, por sentir a procedencia, a traxectoria mindoniense e formadora, e mesmo a culminación en Santiago, onde todas as pedras que berran na noite desde hai máis de mil anos como quería Díaz Castro- rematan "nunha crus".
Remato sinalando que me parece ben afortunada a consideración que o Dr. Pérez López fai de que "ao pensador, ao poeta, fánselle estreitas as canles dunha relixiosidade tradicional, por iso a procura da beleza é a saída dos artistas, filósofos e poetas; unha saída de luz no medio da escuridade e da noite".
Benvido sexa este fondo traballo sobre a ferida da beleza en Nimbos. Díaz Castro meréceo. E nós os que o coñecemos, tratamos e estimamos- coido que tamén para coñecelo e estimalo mellor.