Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha Visión de Galicia

viernes, 16 de mayo de 2014
O título que Xosé Mª Díaz Castro deu o seu poema máis espallado e coñecido, é "Penélope", eses versos que nos describen a Galicia que o neno, o adolescente, o mozo, o adulto, o intelectual e poeta do Vilariño dos Vilares (Guitiriz), ollou e viviu desde 1914 ata a década dos anos 50. Ese poema, ¿é unha fábula, unha parábola, unha metáfora, un mito aplicable a Galicia de antes, de agora e de sempre? - Cal é o elemento esencial do mito Penélope que o poeta descubriu como símbolo de Galicia?

Penélope é un personaxe da Odisea, un dos grandes poemas épicos da literatura grega atribuído a Homero. Era a muller de Odiseo, rei de Ítaca que se foi a guerra de Troia; e ela esperouno fielmente durante vinte anos, por iso converteuse nun símbolo da fidelidade conxugal. Durante eses vinte anos de espera Penélope tivo múltiples pretendentes, mais ela viviu en castidade esperando o retorno do seu marido. E para espantar os que a roldaban, dicíalles que estaría disposta a un novo enlace matrimonial cando rematase de tecer un sudario no que estaba traballando. Para alongar ese traballo, desfacía pola noite o que tecía polo día; e xusto canto Odiseo volve á casa, Penélope remata o seu labor. Odiseo mata os pretendentes e quédase con ela. As peripecias do resto do mito, ó parecer, non gardan relación simbólica coa situación de Galicia.

¿Que ideas e imaxes do mito son aplicables e simbolizan aquela Galicia rural ou total, vista e descrita polo vate dos Vilares? Quizais só nos quedamos coa imaxe sorprendente do tecer e destecer, símbolo do estancamento, mais neste poema e noutras poesías de Díaz Castro hai outros horizontes de busca de movemento e esperanza. Que se tecía e que se destecía en Galicia cando o poeta concibiu os seus versos? Se o poema "Penélope" apareceu por primeira vez publicado en 1950, quere dicir que foi moldeado nos últimos años de década dos años corenta, momento en que o réxime franquista estaba "tecendo e destecendo" todo o sistema español e por suposto galego, incluso nos niveis máis baixos e locais. Que viu o poeta dende a súa sensibilidade e do seu miradoiro?

Mais o tecer e destecer de Penélope leva implícitas dúas imaxes inseparables : entreter os pretendentes que a roldaban e gardar a fidelidade ó compromiso co seu marido e consigo mesma, a fidelidade o seu propio ser. O título do poema é un mito que provén da cultura literaria grega e universal, mais a descrición daquela Galicia rural aséntase nunha experiencia inmediata que o autor fitou nun tempo e espazo concretos que o poeta universalizou a toda Galicia. Se o poeta ideou e redactou o poema "Penélope" na década dos anos 50, tal como quedou fixado no seu libro NIMBOS, que percibiu e sentiu o vate vilarego naquel intre concreto de toda a sociedade galega? A súa percepción, refírese sen dúbida ós anos escuros dunha posguerra sen horizontes. "UN PASO adiante i outro atrás, Galiza / i a tea dos teus soños non se move"/. Describe unha sociedade estancada, que, non obstante, tece soños minoritarios e que ó mesmo tempo... "A espranza nos teus ollos se esperguiza". Sen embargo todo semella seguir igual, "Aran os bois e chove", coma se fora un eterno retorno da sociedade imitando os ciclos da natureza. Non obstante, segundo se deduce doutros poemas, o autor tiña unha visión progresiva do Tempo acorde coa concepción cristiá da historia.

Nos primeiros anos de 1950, por corredoiras fondas e lamacentas, -que se esquivaban buscando carreiros laterais e saltando pasadoiros-, percorrín parte das mesmas corredoiras que pisara o poeta do Vilariño para vir á escola do Buriz; pero en senso inverso, eu tiven que ir escola habaneira dos Vilares. Eran as mesmas corredoiras e carreiros que estaban nas mesmas condicións intransitables, tanto nos anos 20 coma nos anos 50, situacións case inimaxinables hoxe. Ó lembrar aqueles anos, aqueles campos, aquelas parsimonias dos labregos, aqueles camiños encharcados, decátome de que sentía todo como algo inmóbil e parado nun vaivén estacional sen fin. Supoño que, como todo rapaz, quería crecer máis de présa; mais non tiven naqueles instantes o don nin o medio de expresar aquelas vivencias. Cando foron chegando os cambios, xa os vin desde fóra crecer en cadea.

Certo que aquelas rutinas das comunidades parroquiais do concello de Trasparga, que na década de 1940 pasou a chamarse de Guitiriz, coa emigración ás Américas sentían que "Un bruar de navíos moi lonxanos / che estrolla o son mol coma unha uva. / Pro ti envólveste en sabas de mil anos, / e en sonos volves a escoitar a chuva". Sobraba xente naquel recuncho das frías terras de Parga; e aquelas aldeas, aínda que sangraban perdendo fillos, sempre lograban repoñer a súa poboación. Todo volvía o rego, volvía a chover e os bois seguían arando, e ó mesmo tempo a esperanza nos ollos da xente seguía espreguizándose e o poeta confiaba que "Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo. / Suco vai, suco ven, Xesús María!, / e toda cousa ha de pagar seu desmo". O poeta, ante aquela trasfega de xente que emigraba, apela a permanencia de Deus e invoca a Xesús e a María ó fitar aquel movemento migratorio de vaivén sen fin. Consólase pensando que aquela emigración era coma un tributo que había que pagar, mais que algún día acabaríase aquel escuro aluvión de xente en busca de mellor sorte e fortuna. Era esa esperanza que nunca pode perderse para poder vivir.

O vate das aldeas e parroquias do entorno de Parga semella que non puido rompe-la sensación que o cercaba naquel espazo vital: "Desorballando os prados como sono, / o Tempo vai de Parga a Pastoriza. / Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. / Un paso adiante i outro atrás, Galiza!". O Tempo, con maiúsculas, segue coma sempre pasando de Parga o Santuario de San Alberte, onde se celebraba tamén A Pastoriza, a Divina Pastora, o primeiro fin de semana de agosto. E despois seguiría a recolleita das patacas e do maínzo, e logo preparábase a sementeira do Outono que volvería a acumular novas sucadas; e a Galiza do poema seguiría andando ó ritmo dun paso adiante e outro atrás. Parecía un destino, un círculo sen fin.

Nalgunha ocasión na que nos vimos, pregunteille a X.M. Díaz Castro cal era a mensaxe que quixo transmitir nese poema, e que pensaba ante os cambios ocorridos no mesmo escenario durante os anos 60, 70 e 80. A resposta a primeira pregunta, díxome, está a vista: describir unha sociedade que viviu pegada os ritmos da natureza durante tantos anos, decenios e séculos, e cun escenario de emigracións que, xa máis tarde e noutras circunstancias, acabou por desartellar aquelas comunidades parroquiais e incluso vilegas. En canto a segunda, os cambios acumulados nos anos 60, 70 e 80 do século pasado, mostrábase dubitativo: era previsible que chegasen, e que trouxeron melloras innegables e benvidas para toda Galicia, mais aínda non sabemos que rumbo tomarán no futuro.

O sentido da modernidade e o modo de modernizarse non está predeterminado, pero si condicionado pola historia acumulada; e ademais o futuro do mundo rural aínda non está despexado hoxe, nin en Galicia nin noutros sitios de España. Isto, máis ou menos, me dicía o veciño, ilustrado europeísta e poeta na década de 1980. Que nos diría hoxe, uns vinte e tantos anos despois? O mito de "Penélope" ten aínda vixencia? Nos derradeiros anos da súa vida non puiden ter conversas co sabio amigo, veciño e poeta sobre estas cuestións. Mais estou seguro que seguiu soñando con novos matices sempre acertados sobre Galicia.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES