Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (VIII)

martes, 13 de mayo de 2014
A mal tempo, boa cara! Xa, pero, a malos tempos, así, en plural, como son os actuais, qué? Unha cousa é o tempo revolto e outra un tornado; unha cousa é apearse do burro, e vendelo para comer, para pagar de estraperlo o que non chegaba da cartilla do racionamento, andar a pé, como se fixo daquela da guerra, e outra, máis alta, máis difícil, apearse en marcha dos nosos autos, queixosos que estamos de que só nos permitan ir a cento vinte!

Subimos, ¡subíronos!, ao ceo da fantasía, máis alto do que o país podía resistir, e por engado, evadiron aquelas divisas que trouxeran os nosos emigrantes; multiplicaron a débeda externa, desviaron a produción por unha vía morta, pola do estancamento, etcétera, etcétera. ¡Ai, Deus, que precisamos un Moisés, outro, que nos libere desta escravitude, que empuñe a vara, e non o damos atopado nas listas cerradas, nas piramidais, nas exipcias! Por non quedar, xa non quedan ferreiros que nos calcen os aixados para volver ás roturas, ás cavadas, así que, para aliviarnos, para manternos, só temos bafos de eucalipto!

De postos a soltar lastre, onde temos unha certa economía é nos libros de Historia Contemporánea, que non serán precisos pois chega con baixar aos sotos destes rañaceos da euforia española para decatarse de que as prazas de garaxe se fixeron escatimando, atidos as medidas pretéritas, para, de inmediato, nas últimas décadas, insufla-los autos, de tal xeito que hoxe en día xa non caben naqueles trazados, rozan ao veciño, e incluso se dan casos de que haberá que facerlles cesáreas para libralos dos seus encadres. ¡Elocuente, non si? Daquela xa vedes que non pode haber lección máis sintética, e á vez máis elocuente!

Nos meus tempos tiñamos un remedio eficaz para as intoxicacións, chamado Depurativo Richelieu, pero, de presente? ¡De presente, con efectos a curto prazo, só vexo ese que se titula, “Sufre e Cala”! Hai outro, pero, como a xente se cansou de rezar…! Aínda así, vouno intentar, pois os Evanxeos lémbranme que Xesús sempre atendía as preces dos pecadores, particularmente as dos pobres, que dos ricos estaba farto: ¡Meu Señor, suscítanos un Moisés que venza aos faraóns actuais, que nos libere deles, nesta España faranduleira, pero que o faga con unha vara pois o que é de espadas chégannos, e sóbrannos, con eses cabaleiros indolentes da baralla tabernaria!
-.-

Esixamos, pero, comezando por nós mesmos! Esta é a receita, e non hai outra para esta España, para esta Hesperia, para esta fenicia i-spn-ya, mercantilista e pecadenta, para esta terra de coellos acazapados, uns bichos notables, que sempre se caracterizaron polas súas virtudes, singulares, típicas: comellóns, escorregadizos, e fedellóns. Isto último non é verdade, pois á vista está que a poboación vai a menos. ¡Si, pero non, pois é unha cuestión de técnica!

¡Hai que volver a predicar, hai que pasar ao anverso da moeda un, Ora et labora, precisamente no sitio onde campaba aquel triunfalismo de “… por la gracia de Dios”. E de paso, trasladar ao reverso o acertadísimo, ¡aquel si!, “Spain ist different”. ¡Vaia se o é…, de momento!
Espallando Ideas (VIII)Nalgunha parte vin este anuncio, e non resisto a tentación de plaxialo, dada a súa elocuencia. Só faltou engadirlle: “… que use burka”!
Bromas son bromas, pero a cousa é seria, seria e prolongada a menos que fagamos un sincero propósito de emenda, pois, o de censura-lo próximo, o de bufarlles aos políticos, de pouco vai servir se non comezamos por nós mesmos, pola propia rexeneración: ¡Hai que comezar por dar a Deus o que é de Deus, e ao César o que é do César! ¿Darlle? ¡Iso, advertencias, tamén advertencias, comezando por aquel, esquecido, “Cave ne cadas”. Os césares caen porque son endebles, débiles, de igual natureza, de igual procedencia, cavernícolas en definitiva, primus inter pares, criados no mesmo ambiente, drogados coa mesma droga: a de comer coa suor do de enfronte, e non co da propia fronte!
De onde arrastramos esas malformacións? ¡Uih, de lonxe, desde os mesmísimos fenicios, que nos ensinaron mercantilismo; despois viñeron os romanos, especialistas en facer decretos para burlar as leis, tanto as divinas como as humanas; o hedonismo, que o aprendemos dos califas; o ouro, que o trouxemos de América, a cambio da nosa mestizaxe, e de levarlles escravos; máis tarde emigramos, os galegos maiormente, e non paramos de remesar divisas…, para que as divisasen outros!
En definitiva, onde está a receita? ¡Xa o dixen, en volver ao Ora et labora dos nosos frades, en darlle a Deus o que é de Deus, e á Patria o noso traballo, a nosa economía, pero tamén as nosas, xustas, esixencias! ¡Dixen!
-.-

Fortunáte sénex! ¡Virgilio, Virgilio, déixate de coñas, que non hai ancián feliz, salvo que viva nunha cela, sen periódicos, sen radio, sen televisión! ¿Daquela, si? ¡Claro, certo, pois daquela só tiñades escravos, pero, ao de hoxe, a Historia deu unha reviravolta despois dunha tempada de poñérsenos de lado; agora púxose co de arriba para abaixo: somos escravos os que nos tiñamos por amos…, por amos anda!

¿Quen pode ser feliz, quén se pode considerar afortunado, cos remorsos de tantas omisións, de tantas permisividades, que ata lles demos carta branca para administrar as suores de toda a Idade Contemporánea? ¿Qué os poderes son revogables, de catro en catro anos? ¡Xa; pero, nas próximas, a quen escollemos se non os hai mellores nesas pirámides das listas cerradas, pechadas, encadeadas? ¿Qué lles deixamos aos nosos netos, á parte da lembranza do parvos que fomos? ¡Como non sexa “terra na Habana”, pois a de aquí…, xa o vedes, a eucaliptos, comendo patacas exipcias, leitugas do Garb, do Rif, regadas polo Lukus, que, comparadas con aquelas do noso Lugo…; trigo de Ukranía, noces francesas…!
Avoíño, vello Xeremías, xa está ben de xeremiadas! Para de afeitarte, deixa a barba, ou polo menos tres pelos no teu petelo engurrado, paga un botellón, e vente connosco de ruada! ¿Vale? ¡Oes, neno, que para chocalladas teño abondo con ler a Virgilio sen aguantar os vosos decibelios! Ide de rúa, ide, e aproveitádea…, que logo teredes que emigrar, aínda que non sei para onde pois todo o habitable está poboado, e do resto, como non sexa de cameleiros no Sáhara…!
-.-

Un dos meus lectores, escandalizado polas miñas xeremiadas, acaba de mandarme un PDF que pretende ser esperanzador (realmente é unha propaganda política, clarísima, e con mala uva), “Para recordar de donde venimos”, con unhas fotos tétricas, estremecedoras, do século XX, nas Espallando Ideas (VIII)que loce unha “Cartilla de Racionamiento”:
Contesteille co seguinte: Hai unha diferenza importante, pois daquelas miserias fomos saíndo co esforzo dos que quedaron, e, asemade, coa escravitude e cos riscos dos que emigramos. De subidos á medianía, neste século, no XXI, roubáronnos a escada, e agora tócanos baixar, retroceder… en caída libre!
-.-

¿A morte, esa viaxe, ese accidente, esa despedida…, en definitiva, ese xuízo? ¡Iso non vai comigo, que son inmortal! ¿Para qué me vou preocupar por eses episodios aos que chaman pecados, pois, se non morro, líbrome da reválida? Non teño dúbidas de que nesa crenza abunda a inmensa maioría dos humanos, e por iso pasa o que pasa, somos como somos, portándonos como tales, como inmortais!

¡Que raro, non si? ¡Non tanto, pois tamén xogamos á lotería na seguridade de que nos vai tocar; insistindo nesa afirmación, ano tras ano! En certo modo esa obsesión é boa cousa porque así, aínda que pequemos, andamos ledos, confiados, cos remorsos arquivados nun costal. Os costais chámanse así porque os levamos detrás, nas costas. ¡Daquela tampouco os vemos! Os burros levan a carga, e non a ven; ¡certo, tampouco!
Dicían os nosos vellos que, No pecado sempre vai a penitencia! ¡Boh; cousas de vellos, torpezas da idade…, da de algúns! Hai quen di: O testamento debe facerse de mozo, para non deixar conflitos, ou os menos posibles! ¡Propaganda das Notarías, eses presumidos tan presumidos que ata presumen de ser a fe pública! ¿Fe é crer no que non vimos, non si? ¡Daquela, cántos coñeces que pasasen dos cen? ¡Iso pásalles aos que amaron ao próximo máis que a si mesmos, aos que se preocuparon moito dos demais, e pouco de si! ¡Eu son eu, pois iso das “circunstancias” foi unha inventada daquel pensador, daquel Gasset, daquel Ortega, un desconfiado tan desconfiado que ata se escondeu para non firmarlles aos comunistas aquel papel comprometedor…!
Se se dá o caso, con tal de botarlles a culpa aos outros…, pero non sempre vale! Estoume lembrando daquela Vista, en Madrid, no Supremo, á que acudín con meu cuñado, que o nomearan os prexudicados como testemuña dos querelantes: Un Xuíz, …de cuyo nombre no quiero acordarme…, que ademais de Ilustrísimo era Listísimo, valíase dun Servidor, máis fiel que un can de palleiro, para ¿recepcionar? os subornos, que así, o Listísimo, seguía de Ilustrísimo, per saecula saeculorum! ¡Ah, pero o diabro, que nunca foi fiel cos que o seguen, abriu en mal momento algunha ventá, e…, deu con un Avogado, que era precisamente de Lugo, dos bos e xenerosos, que sempre os houbo, aínda que o caso é dar con eles…, porque locen máis os outros! Despois da Vista, non sei se Deus ou o diabro, tentounos para que tomásemos un refresco alí abaixo, en Recoletos, e daquela espatarrañáronsenos os ollos: Un bus, cargadiño coas testemuñas que oficiaran a favor do Ilustrísimo, freou diante daquel restaurante carísimo, para que se apeasen e…, manducasen! Declararon en falso, e manducaron de balde, pero co Supremo non puideron, que lle quitou o lustre ao Ilustrísimo. ¡Menos mal que para todo hai un Supremo!
Eu, un rapaciño inocente, non caía na conta, pero meu cuñado, bastante maior, que coñecía á cónxuxe, sobriña do Pope máis Prepotente de cantos ten habido neste país, díxome: “¡Aí os tes, ben comidos e ben servidos, que por algo declararon ao seu favor!” ¡As circunstancias, que dixo Ortega, así que, desde entón sei que, por encima dos Popes, por deuses que se crean, está Deus, o Supremo máis Supremo, e a Deus non lle valen os trucos humanos, por Ilustres que sexan os seus inventores!
Hermano, morir habemus, e contestan os outros: Ya lo sabemos! ¡Sábeno os frades, pero os laicos, polo menos algún…, non é frade, non é irmán, ou non se ten por irmán, dos mortais! “Hermano, morir habemus.- Hermano, ya lo sabemos..., que en su recuerdo nos hallamos, pues ésta noche viene a buscarnos; al escondite quiere citarnos, y a uno de nosotros, vive por Dios, que ha de llevarnos… De éste sueño viene a librarnos, de aquesta cárcel extraditarnos..., así que, hermano, esperando estamos”. Non sei qué Cartuxo o inventou, pero está ben dito, séxase, bendito!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES