Recuperar a alegría
Mato, Xesús - lunes, 05 de diciembre de 2005
Recuperar, neste caso, é volver ó lugar/sitio que lle corresponde un dos distintivos da fe cristiá que está a esmorecer e a se perder. A alegría é unha das notas máis características (despois do amor) da vida cotiá dos seguidores de Xesús. Velaí outra contradicción dos cristiáns en Europa, na católica España e na nosa Galiza, modelo de relixiosidade!?.
As nosas celebracións (Nadal, Pascua, festas, misas
) semellan funerais/enterros mal vividos (non celebrados) ao non rebordaren de fe, esperanza e ¡alegria!. O culto e a vida cotiá deben ser celebrados con gozo/ alegría. ¡Que exemplo nos dan as igrexas de África e da América Central/Sur cos seus cantos, danzas e a súa desbordante e contaxiosa alegría!
Cómpre recuperar o don da alegría, como signo dunha fe adulta. Non se percibe, con craridade, na maioría dos seguidores de Xesús do noso País, ese distintivo cristián. ¿Onde están os mensaxeiros alegres e valentes!?. Membros destacados da nosa Igrexa están enleados en minucias (incluso enrabexados) dando a sensación de se preocuparen máis do temporal ca do Reino e dos pobres. Estase a xogar con intereses perigosos, sobre todo cando bule o diñeiro polo medio. ¡Vos non sexades así!, avisara Xesús.
Se o pasado domingo falamos de razóns dunha fe/esperanza activa para recuperar a fraternidade, hoxe invítasenos a preparar os camiños do Señor como resposta á chamada dos profetas: endereitar o que está torto (Isaías), facer a terra nova na que habite a xustiza (Pedro) e acoller/espallar a Boa Nova do Nadal (Bautista). Os cristiáns somos chamados a sacar adiante a mellora desta sociedade desnortada. Como noutrora Isaías, Pedro e Xoán, somos, hoxe, nós os profetas, testemuñas e mensaxeiros da Boa Nova.
Preparar os camiños do Señor significa: buscar a xustiza, loitar polos empobrecidos, defender os seus dereitos, devolverlles a súa dignidade. Buscar a paz, a igualdade, a liberdade, a alegria
.Hai dous mundos a liberar: O do Occidente/Norte, egoísta, rico, explotador, que tén de ser liberado da súa prepotencia, egoísmo e consumismo; e o do Oriente/Sur, dos desauciados pola pobreza, a exclusión, a fame, que debe ser liberado das escravitudes e opresións. A fe/esperanza cristiá oferta camiños: Contra cosumismo, austeridade; contra ambición, humildade, contra individualismo, solidariedade; contra dominio, servizo; contra conformismo, compromiso e contra pesimismo, ilusión; contra indiferencia, responsabilidade, contra fanatismo, tolerancia e contra dureza de corazón, perdón/misericordia. Cómpre ollar a vida e o mundo desde os pobres (Casaldáliga).
Na semana pasada fomos invitados a tomar conciencia sobre a escravitude, síndrome do VHS/SIDA e discapacitado. Nesta, sobre Dereitos humanos e Pobos indíxenas. Outros marxinados (incluídos os dereitos). ¡Tamén eles teñen o dereito a recuperar a auténtica alegría!

Mato, Xesús