O chicharrón
Fernández, Suso - lunes, 12 de mayo de 2014
Os anos 40 de tódalas fames, foron significativos para o mundo mariñeiro. A chegada masiva do chicharrón díu un novo pulo á actividade pesqueira da época. A cantidade foi tal que chegou a utilizarse como abono nas terras, o que fala da baixa cotización; pero aínda así significou fartura para os estómagos escuálidos e ilusoria esperanza para os petos esfondados...
Tal sensación de abundancia fixo que no ano 1946 os conserveiros organizasen en La Sociedad, de Papaíto, o baile da escama que tivo a réplica no do oio no salón de Ramón María de Cao, promovido polos mariñeiros. Éste, no que actuara a Orquestra Sycora Boys, de Grado, tivo gran éxito, recordado por moitos anos.
A costeira foi, pois, de grande importancia para a economía esperanzada das nosas xentes, por iso todos a seguían con interese, dende que as lanchas saían do peirao ata o regreso; e pola noite, a través dos chuzos (candís alimentados con carburo ou saín de peixe) seguían dende terra a evolución das mesmas, para o que se situaban en altiños dende os que se observaban os movementos nas embarcacacións no mar: cando se encendían os chuzos, sabíase que pescaban pois alumeaba a faena de largar o aparello e metelo a bordo.
As lanchas faenaban a media hora da costa. A abundancia era tal que algunhas embarcacións adicábanse ó carrexo; é decir, ó traslado ó peirao do capturado por outras unidades, repartíndose a metade para cada unha das embarcacións que participaran na captura e o carrexo.A veces a carga era tal que as lanchas navegaban medio afundidas e, nunha ocasión, unha delas, a Jesús del Gran Poder, xa amarrada no peirao, a piques estivo de afundirse na dársena.
O impacto de tanto peixe en terra mesmo chegou a definir a temporalidade na linguaxe popular, pois aínda hoxe se escoita decir a xentes da nosa quinta: lembro que nos anos do chicharrón....
Este fin de semana a hostalería de Foz rendeu homenaxe a un producto histórico, de alto valor nutritivo e sabor singular, que nos remite a unha sociedade moi afastada da de hoxe, que ten o referente mais popular no chicharrón...

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora