Veño de ler con auténtica fruición os Recuerdos de una vida, que -puesto ya un pie en el umbral de la senectud- ven de publicar o doutor

Fernando Pardo Gómez, que leva en Lugo máis de medio século de dedicación á medicina e á provincia, tendo o norte -non só físico- no seu san Ciprián da nenez ao que está vencellado de por vida.
Son as memorias dun lucense senlleiro ao que acompaña ao camiñar (Rosalía dixit) un aquel de señorío, que para todos ten unha palabra amable, un sorriso, unha atención.
Conversando con Pardo Gómez un entende o por que os vellos médicos de familia, rurais, de pobo ou de cidade, (auténticos familiares para os enfermos) sabían máis por experiencia que polos libros, máis por falar coa xente que pola normativa vixente, máis pola vista e polo tacto -por olfato médico, en fin- que por unha radiografía.
O seu libro é a historia dunha vida dedicada á medicina, a Lugo, á familia... un ollar cara atrás sen máis nostalxia que a lembranza dos amigos que se foron... un razonar sobre a evolución social que fomos experimentando sen darnos conta, especialmente nos temas de saúde... unha crónica dun tempo, dunhas xentes, dun país, no que todos estamos reflectidos.
Leer o libro deste mozo nonaxenario, reconforta. Porque o lector comproba que é posible cumprir anos, vivir intensamente, disfrutar do presente e lembrar sen acritude as peripecias do pasado, obtendo de todas elas unha experiencia que o lector fai súa. E cando se remata a lectura, deixa no amigo confidente unha sensación de tranquilidade, de obra ben feita, de suma e segue...si Dios no dispone otra cosa (son as últimas palabras plasmadas neste libro entrañable).
Deille as grazas polo agasallo material do libro. Agora doulle as grazas, mesmo no nome de moitos lectores que non terán esa oportunidade, polo contido, polo talante, polas confidencias, pola humildade, pola humanidade... por saber ser e estar. E desexarlle o habitual por moitos anos, e que todos nós o vexamos.