Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o mártir D. Andrés Ares Díaz

martes, 06 de mayo de 2014
MEMORIA ESPECIAL AO MÁRTIR NON BEATO, DON ANDRÉS ARES DÍAZ

Con ocasión da presentación organizada polo Instituto de Estudos Chairegos do libro “Consejos de Guerra contra el Clero Vasco. 1936-1944. Iglesia Vasca vencida”, cunha sala ateigada de xente interesada polo tema, aproveitei para facerlle unha homenaxe ao cura párroco do Val de Xestoso, chairego de nacemento, D. Andrés Ares Díaz con estas palabras:

Quero dar hoxe aquí unha primicia doutro traballo que estou a facer, aproveitando este acto para brindarmos en honor dun crego chairego que tamén foi mártir aínda que non está incluído na lista dos beatos da Igrexa que nestes últimos tempos celebrou a Igrexa Española. Trátase de Don Andrés Ares Díaz, fillo de Francisco e Rosenda, natural de San Bartolomé Corbelle, onde naceu o ano 1891, recibiu o orde sacerdotal de mans do bispo, Don José Solis, en marzo de 1920. En 1936 estaba de párroco do Val de Xestoso. Non deixou nada escrito nin sabemos que tivera quen o defendera nin antes nin despois do seu martirio, mais deixou a súa verdade e a súa misión sacerdotal testificada coa entrega xenerosa da vida.

Os primeiros días de outubro de 1936 a Guarda Civil foi buscar á reitoral do Val de Xestoso, a Don Andrés. E aí comeza o seu calvario até Barallobre a uns 50 kms., unha parroquia preto de Astano, agora Navantia, onde daquela había un pequeno estaleiro de ribeira. Alí estaba o párroco, seu amigo, D. Antonio Casas Iglesia, con quen lle permitiron falar; ao saír levárono diante do muro do cemiterio e sen declaracións, sen proceso de ningún tipo, sen testemuñas, e con nocturnidade e aleivosía, ás once da noite, por orde dos chamados tantos anos, defensores da Relixión e da Patria, fusilárono ao mando do xefe da Guarda Civil, dicindo “lo manda Juances”. O pobre don Andrés que asistiu tantas veces a moribundos non tivo asistencia nin do amigo que viña de confesalo.

Que é o que pasaría polo maxín deste cura, Don Antonio, para non presenciar o asasinato nin encamiñalo coa santa unción? Facendo memoria coa xente, parece ser que D. Antonio, estaría tremendo de medo e fóra de si, pois tiña tamén “querenzas republicanas”. Toda aquela tempada de “paseos” arreo por Ferrolterra el andaba camuflado vestido de mono sachando na horta ou rozando as silveiras. A única demostración de valentía foi escribir a súa defunción no libro parroquial. Mais o medo reforza a razón de que non se atrevese a escribir a causa da súa morte.

“En el Cementerio parroquial de Barallobre, a tres de octubre de mil novecientos treinta y seis, se dio sepultura al cadáver de Don Andrés Ares Díaz, de cuarenta y cinco años de edad, hijo de Francisco y Rosenda, de estado cura párroco del Valle de Gestoso, diócesis de Mondoñedo. Falleció el día de hoy en el cementerio de esta parroquia a las once de la noche. Recibió los sacramentos de Penitencia con edificante fervor que administró D. Antonio Casás, cura párroco”.

Mais que é o que fixo este crego para ser “paseado”. O que se dixo sempre foi por non entregar o diñeiro da festa do Remedios para a causa Nacional. Naquela parroquia estaba a mestra, grande entusiasta nesta recadación para o fronte nacional, e coa que, ao parecer, non se levaba ben. Non parece, con todo, que este fora o único motivo para asasinar a un cura. Tiña que haber algunha razón máis, tal como dar o escarmento para que algún membro do clero, que parece ser que había quen tiña dementes e razóns dabondo para non aprobar o “levantamiento” e en consecuencia a guerra civil, non se desviase do camiño da Santa Cruzada, cuxo nome aínda non estaba oficialmente recoñecido. Fora a razón que fora, o que si está comprobado é que a orde viña dada de “arriba”, dos rebeldes, que seguindo a doutrina da Igrexa, non eran as autoridades lexítimas.

Consigna do silencio e esquecemento

Que crime sería o seu que a partires da súa morte un espeso veo cubriu a súa memoria, como un segundo sartego, que o borrou de maneira radical da face da terra. Non se volveu a falar máis del. Eu fun para o Seminario de Mondoñedo o ano 1948, tiven dous compañeiros da parroquia de Xestoso, máis tarde un curmán foi de cura para esas parroquias, estiven de cura co párroco de San Xoán de Filgueira, don Antonio Pena Vázquez, natural de Xestoso, de idade aproximada á de D. Andrés, e nunca ninguén deles me falou de tal asasinato. Aínda máis, 70 anos despois en 2006, don Elías, o párroco Barallobre, celebrou unha misa na súa memoria nun acto de homenaxe e colocaron a primeira lápida no cemiterio, a todo isto estaba invitada a parroquia de Xestoso, que declinou a súa asistencia. “Aínda por aló enriba- Dicía don Elías- zoa o vento do medo. Como di o Evanxeo “ferirei ao pastor e espallaranse as ovellas” (Mc.14.26).

Neste intre na sala da Casa da Cultura de Vilalba estalou un fervoroso e agarimoso aplauso ao noso irmán mártir

A todo isto hai que engadir o seguinte: Este silencio e esquecemento co Clero Vasco asasinado foi tal que incluso non os inscribiron nin nos libros parroquiais de defuncións nin no Boletín da Diocese. Tiveron que esperar até o ano 2009 no que a Igrexa Vasca, por fin, celebrase un acto solemne de arrepentimento, de pedir perdón e de reparación con este Clero decretando a súa inscrición nos Boletíns.

Ora ben D. Andrés inscrito como queda dito na parroquia de Barallobre, non no libro da que era párroco, tamén no Boletín da diocese que di así:

“El día 3 del corriente, falleció en la parroquia de Barallobre, donde accidentalmente se encontraba, el Párroco de Gestoso, D. Andrés Ares Díaz”. (nº 20 de 20 de octubre de 1936, pag. 214)

Esta lacónica e imprecisa nota polo de “accidentalmente”, e tan accidentalmente!, contrasta claramente con outras dúas defuncións que constan tamén no Boletín de Mondoñedo no que se aprecia ben a diferenza dun e dos outros mártires:

“… el M.I. Sr. D. José Erice Espolosín, Dignidad de Arcipreste de la S.I Catedral de Mondoñedo, que residía en el Seminario de Sacerdotes venerables de aquella ciudad de Barcelona, fue vilmente asesinado en unión de otros sacerdotes de dicho Centro por las hordas rojas el día 27 de agosto de 1936,... D.E.P. ( nº 8 de 21 de agosto de 1939).

“Don León Díaz Rubín, de Peñamellera, fue asesinado por los rojos, en agosto de 1936, Asturias, había sido Maestro de Capilla de esta catedral y pertenecía al clero de esta diócesis de Mondoñedo”. (5 de octubre del 1937).

Quero seguir na miña teima varias veces expresada en diversos medios. Pedimos unha vez máis que a diocese de Mondoñedo faga un esforzo por reparar a ignominia en que tivo aos seus cregos (Matías Usero Torrente tamén asasinado en Ferrol) e aos cidadáns vilmente asasinados. Creo que a Xerarquía debe acoller e celebrar a Memoria Histórica das vítimas.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES