Eu acórdome
viernes, 02 de mayo de 2014
As primeiras miñas lembranzas son de cando tiña uns dous anos e medio ou tres, aproximadamente. Collín un xarabe, que había debaixo do vertedeiro, e tomei pola botella. A tal medicina era para as galiñas. E eu empecei a vomitar por enriba dun vestido branco, que tiña un volante arredor do pescozo, no colo de meu pai. Menos mal que botei todo, pois, se non, non estaría agora contando esta historia.
A miña familia era moi humilde. Aínda que meus avós eran de casas de pan, meu avó materno acabou con todo. Embargáronlle dezanove fincas e máis a casa. Así que, meus pais tiveron que traballar moito para sacarnos adiante, a min e máis a meu irmán.
Cando eu tiña cinco anos, naceu un irmán meu. Pero, por falta de médico e da asistencia necesaria, viviu uns minutos nada máis. Viña de nádegas e traía o cordón enrollado no pescozo. Miña nai choraba. Eu estaba acurrucada na lareira e tamén choraba, supoño que porque vía chorar a miña nai e tamén porque non quería aquel neno. Eu dicía: Mira que sodes bobos, ídelo comprar á feira e traédelo morto. E tiráballe por un xersei rosa pequeniño, que fora meu, e que lle puxeran para metelo na caixa.
Cando cumprín sete anos, naceu outro irmán. Como eu era máis grande, este xa o quixen, e aparentemente, estaba contenta. Aparentemente, pois, cando chegaba a noite, meu pai xa non me collía no colo, coma sempre, xa collía o neno, e dicíalle: Ven para aquí, que un home non é unha ovella. Miña nai tamén estaba contenta co seu neno. Meu pai preparáballe unhas tazas de chocolate para almorzar e ela sempre me deixaba, no fondo daquela potiña encarnada, uns cachiños de pan e un pouco chocolate, que me sabía a gloria.
Empecei a escola aos sete anos. Xa sabía ler e escribir algo, pois miña nai ensinoume na casa. O primeiro curso, estiven contenta. Despois, veu unha mestra que me colleu manía, porque eu ía mal vestida, non ía a misa todos os domingos, porque, moitas veces, non tiña a roupa adecuada, etc., etc. Eu non era o seu perfil de nena bonita nin aplicada. A verdade que me amargou bastante a existencia. Espero que eu a ela non tanto.
Cando cumprín doce anos, quixen deixar a escola. Supoño que non estaba moi motivada. Hoxe, sorpréndeme como meus pais o consentiron, porque mamá era unha persoa que valoraba moito o saber e a cultura. O que pasa que a pobre tiña tantos problemas que a sobrepasaban. Así, empecei a ir aprender a coser, durante uns meses. Non continuamente, pois tiña que axudar a traballar na casa o que me mandasen: chamar as vacas, apacentalas, etc.
En setembro dese ano, meu tío Manolo, que estaba solteiro, e vivíaa en Valencia con outro irmán casado en con dúas fillas e un fillo, levoume consigo. Fomos nunha lambreta, durante tres días, pasando os portos de Pedrafita, Manzanal, o Alto dos Leóns de Castilla, e Contreras, entre Cuenca e Valencia.
O primeiro día, só chegamos a Membibre, ao lado de Ponferrada. De noite, despois de cear, meu tío estivo ligando cunha comadrona(era moi moceiro), e eu dormitando, na mesa, enriba das mans. Despois, tiña medo na habitación, aínda que estaba ao lado da de meu tío. O segundo día, chegamos a Arévalo. Alí, chorei moito, porque eu pensaba que Valencia estaba detrás da Espenuca, e parecíame que me levaban para a fin do mundo. Meu tío preocupábase e falaba moito comigo, e así funme tranquilizando.
Na lambreta, pasei moito frío, pois a roupa que levaba era moi sinxela. Non había outra. Eu apoiaba a cabeza na espalda do tío, e así, tira millas. En Madrid, había moito tráfico, e meu tío tivo que apoiar os pes no chan e ir a modo. A rúa era un pouco pendiente, e, non sei como foi, a moto empezou a irse para atrás(supoño que non puido frenar, pois levaba a bolsa da comida ao lado do pedal), e caemos. Eu caín de pé, e el debaixo da moto, pero non nos lastimamos. Veu o garda de tráfico ofrecernos axuda, e eu estaba morta de vergoña.
Ao terceiro día, chegamos a Valencia. Que bonita me pareceu. Entramos no portal dun edificio precioso e subimos nun ascensor de ferro, que se vía todo segundo ía alcanzando os pisos superiores. Nós paramos no cuarto. Abríuse a porta e abrazoume un señor que era o meu tío José María, a quen eu non coñecía. Tamén a miña tía, primas e primo. Na tele, que eu nunca vira, estaba bailando flamenco unha rapaza, cun vestido de volantes e unha peineta na cabeza.
En Valencia estiven desde finais de setembro a xullo. Alí, meus tíos mandáronme, polas tardes, a aprender a coser coas Señoritas de Isasi. Eran unhas modistas vascas, solteiras, moi boas profesionais e cunha cliantela moi distinguida. A min tivéronme pasando marcas, cunha táboa enriba dos xeonllos, e sobrehilando todos os meses que estiven alí. Polas mañás, axudáballe a miña tía a ir á compra e a limpar a casa. Miñas primas ían á universidade. Estudaban filosofía e letras. Meu primo ía aos Maristas. Cando recibía unha carta de meus pais, ía chorar ao balcón para que non me visen. Non porque me tratasen mal, todo o contrario. Pero, botaba de menos a meus pais e a meu irmán.
En xullo, volvín a miña casa, nun Renault Ondine, recén estreado, con meu tío José María e a súa familia. Logo, volvín ir coser cando o traballo da casa mo permitía. Pero, unha tarde gris dos primeiros días de setembro, estando cosendo na casa de Carmiña de Blas, que era a miña ama, coa miña compañeira Esperanza, veu Marita de Picado facernos unha visita. Ela estudaba na Atocha, en Betanzos, e tróuxonos a noticia de que se ía abrir un instituto feminimo, pois o masculino xa existía.
Nese momento, afloraron todas as emocións e pensamentos que estaban no meu subconsciente desde a miña estancia en Valencia. Esperanza veu durmir a miña casa esa noite de tronos e auga a Deus dar. Coa axuda da miña amiga, convencín a miña nai de que foramos falar coa mestra, Dona Maruja(a quen lle estarei eternamente agradecida). Esperanza aínda ía á escola con ela. Aló fomos. Eu quería ir a ese instituto que se ía abrir. A mestra díxonos que faltaban só vinte días para o exame de ingreso. Pero, díxolle a miña nai que me mandara, a ver que pasaba.
Eu, nese momento, cumprín catorce anos e non ía a escola desde os doce. Esa mesma noite, Esperanza ensinoume o que era unha décima, unha centésima e unha milésima. A partir dese día, eu fun feliz aqueles vinte días á escola. Dona Maruja enchíame a libreta de exercicios, os cales eu facía moi gustosa. Chegou o día do exame e miña nai díxome que era mellor que suspendera, pois eles non me podían pagar os estudos.
Aprobei cun cinco raspado. Fun a que menos nota levei de todas as que iamos da escola de Areas, pois as outras tres levaban preparándose bastante tempo. O primeiro curso, fun andando e viñen a Betanzos, dezaseis kilómetros cada día. Coa fiambreira debaixo do brazo, mollada desde pola mañá no inverno, etc. etc. O segundo curso, xa fun no Rápido, pois xa tiven beca. Así fixen ata quinto de Bacharelato en Betanzos. Sexto e sétimo Laboral fíxeno na Compañía de María, en Ferrol, pois alí, vivía a tía Pastora, irmá de meu pai, quen me acolleu na súa casa durante dous cursos.
Despois, en vez de ir para a Caixa de Aforros ou Administrativo de Marina como foron as miñas oito compañeiras de Bacharelato Laboral, fun estudar Maxisterio a Santiago. Para daquela, xa meus pais estaban felices cos meus estudos. Papá carretaba no Castromil todo o que podía para, xunto coa beca, poderme axudar a saír adiante.
Logo, traballei dous cursos no colexio Lestonac de Caranza, en Ferrol. No seguinte, xa aprobei as oposicións, e tiven a sorte de exercer unha profesión marabillosa, que me permitiu traballar con nenos e nenas, dos cales aprendín cousas que nunca máis esquecerei e que me foron tan proveitosas na vida, tanto para as emocións como para os coñecementos. Gracias a todos eles e elas, tamén aos bos compañeiros e compañeiros con quen exercín a miña profesión. Coa súa axuda, puiden desempeñar o meu traballo con dignidade.
Agora, estou xubilada, e ACÓRDOME de todo iso cun sentimento de alegría e gratitude para todos os que me axudaron na vida a chegar ata aquí. Tamén, moitas gracias a Carmiña de Blas, pois, gracias a ela, sei poñer un botón, subir unha bastilla, zurcir un furado, etc., cousas moi importantes que todo o mundo debía coñecer.
Mª Lourdes Pérez Freire. Uned Senior de Xestoso. Aula de Paderne
Pérez Freire, Lourdes