Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Cerna, un símbolo de amor

martes, 29 de abril de 2014
Os poemas de Xosé María Díaz castro están cheos de experiencias concretas que o poeta converte en símbolos de algo universal. O rutineiro traballo anual da "cerna dos carballos" converteuno nun símbolo do amor.

Nas terras de Parga e Guitiriz había, e aínda hai, numerosas fragas de carballos do país; pero ademais existía o costume de plantar carballos nos lindeiros das chousas, dos pasteiros, dos prados e incluso nos cómbaros das terras labradas. Esas ringleiras de carballos daban sombra, mais na caída da folla prexudicaban os prados e as terras polo que había que podalos cada certo tempo. Pero había outra razón máis poderosa: para que o carballo se endereitase e criara boa madeira cun corazón de cerna, era necesaria unha poda a fondo rente ó toro. Así se criaron as madeiras de cerna de carballo para os carros do país, para as vigas centenarias, para os mobles e os resistentes utensilios das vellas casas aldeás.

Como expresou o poeta esa relación entre a "cerna dos carballos" e o amor? Baixo o título dos seus chamados soños, encontramos estes versos no poema "A Cerna": "HASE de amar a cousa hastra que sangue. / O verdadeiro amor enferra en neve, / ara nun mar de rosas suco leve, / ai pro acadulla en sangre". Despois desta definición esencial do amor sufridor, o poeta describe o comezo da poda-cerna das árbores: "Tinguéuseche o machado en sangre loura. / ¡Ai como, cernador, doi a batalla / cos que un ama! ¡Que moura é a sombra moura / do machado na galla!". A primeira ollada sensible do poeta foi fitar o zume tinguindo a machada e presentir os sentimentos do cernador. Podar, cernar era un acto significativo que tiña seu "Nimbo de luz" propia.

Logo mira o poeta a silenciosa ramaxe da árbore a cernar: "Despida contra o ceo A Que Non Fala, / a póla firme coma un xuramento, / berra nos dentes do machado e estala / e tordea no vento... // Sobre os cómbaros dondos coma un velro, / sobre as cornas dos bois, sobre o camiño, / a fraga berra, coucorexa o melro, / cai roulando un niño... // Eu vinte contra o sol, nunha hora tola, / abrazado ó teu toro, derregando / a traxedia de Deus. Doinos a póla, /pro seguimos cernado!". Sufrimos polo destino da póla, mais, baixo o sol de marzo, hai que cumprir o destino marcado pola natureza: podar para endereitar o tronco e para renovar o seu zume interior.

E como na primeira estrofa, o poeta volve a insistir sobre a tarefa da poda amorosa: "Hastra que caia a derradeira estrela, / cairá o machado en carne que choramos, / no soño puro de deixar máis bela / unha vida que amamos". A dor e o amor camiñan inseparables, e no amar encóntrase a xustificación de moitos padeceres.

Esta visión do amor e da súa metáfora, a cerna, pode resultar un tanto escura salientando a parte dura do proceso de cernar... e de amar... Posiblemente estas imaxes están máis próximas a unha mentalidade tradicional que vía a vida case exclusivamente como "un val de lágrimas". Esa dimensión sufridora ten que ser compensada con outras ilusións e esperanzas que transforman o amor en ledicia, en realización persoal, en plenitude humana. Mais sen esquecer ese outro compoñente duro, recio e necesario do altruísmo humano que ten o amor como cumio supremo.

Mais nunha visión de conxunto de todos os poemas de X. M. Díaz Castro vemos no amor, ademais da dimensión sufridora recollida nestes versos da "Cerna", outras perspectivas máis alegres, máis amplas, ilusionantes e transcendentes, pois boa parte da trama conceptual do poeta é unha especie de teoloxía implícita, a veces confesa, en todo o seu percorrido poético de NIMBOS.

A mentalidade actual, envolvente e marcada polos medios de comunicación, salienta e magnifica os aspectos de ensoación do amor erótico e afectivo á vez, mais deixa na penumbra a enorme cantidade de fracasos que se dan neste terreo das relacións amorosas. Este é, sen dúbida algunha, un dos grandes misterios e retos da época actual e futura. As actuais xeracións mozas acadaron, afortunadamente, un ambiente colectivo social de máxima liberdade persoal para poder auto construírse a si mesmos, mais non parecen haber encontrado un horizonte estable nas relacións familiares e persoais. Esa inestabilidade emocional, económica e cultural a poucos axuda hoxe a conseguir un avance positivo e acumulativo da propias experiencias.

Todo un inmenso reto a superar. As cavilacións do noso poeta poden servirnos, aínda hoxe, de contrapunto a unha moderna visión superficial do amor sen esforzos, moitas veces mercantilista e clausurado nas súas finitudes. Certo que hoxe está rexurdindo un gran aprecio pola amizade e polas accións altruístas, unha experiencias que poden ser o fermento dunhas novas relacións sociais máis amplas e xenuínas.

Superará a sociedade posmoderna algunhas derivas que hoxe a invaden? A pesar dos malos agoiros, contamos cunha gran capacidade de superación das persoas e grupos humanos que tentean camiños novos, vacinándose contra experiencias trilladas e frustrantes do pasado e do presente. Nalgún lugar lin que a historia é un cemiterio de culturas, e a nosa actual, en moitos aspectos, tamén lle chegará o esquecemento dos seus fracasos e a resurreccións de moitos dos seus valores.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES