Mexilóns
Fernández, Suso - lunes, 28 de abril de 2014
San Ciprián, sempre rente ó mar que cantou Celso Emilio, marcou a vocación marñeira e navegante dos seus fillos, dende os tempos heroicos da navegación a vela, como con galanura relata nos seus libros o doutor don Fernando Pardo, un namorado da súa historia; ou sexa do seu mar e das súas xentes, ofrece ós padais, a regalía da variedade culinaria dun producto mareiro, modesto e tradicional, que forma na ringleira de recursos populares que a despensa inesgotable, se o home a respecta, que é a inmensidade mariña.
Falamos do mexilón, espallado por tódolos mares, e que, hoxendía, ten un grande interese económico ó medrar o seu consumo dado o valor nutritivo e sabor agradable, a facilidade de cultivo e o rápido crecemento.
Aínda que Galicia é o primeiro país productor do mundo, e tratarse dunha realidade da nosa culinaria, por estes pagos o consumo do popular molusco é baixo, e a oferta dos mesmos na hostelaría, reducida, a pesares da ductilidade do mesmo e dos infinitos posibles na oferta de apetitosos manxares.
Jorge V.Sueiro, amigo inesquecible, xornalista e gastrónomo, no libro Comer en Galicia, dí: Os mexilóns permiten unha longa serie de preparacións, Dende abertos ó vapor ata en guisos varios, tortillas, empanadas, con salsas, ó forno.., e ofrece unha receita enxebre, mexilóns con cachelos, ben simple. Aí vai: auga de mar ou doce ben salgada; patacas enteiras ou cortadas á metade, con monda; un par de cebolas en metades, dúas follas de laurel e un chorro de aceite. Os cachelos a medio facer, poñer enriba mexilóns coa cuncha, limpos. Abrirán nun anaco, e a servir; gastrónomos e cociñeiros da terra: Emilia Pardo Bazán, Picadillo, Julio Camba, Cunqueiro, Paco Peixó
ofrecen un amplo abano dende o mexilón ó natural, en escabeche, con arroz, á mariñeira, con salpicón, en cuncha de vieira, encapotados
ata ledicias mais sofisticadas.
As degustacións que servirán no pobo veciño rivalizarán coa oferta mais variada, levando ós padais novas e gratificantes sensacións servindo de xeneroso pórtico ás xornadas bulliciosas do verán, tan preto.

Fernández, Suso