Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imaxes e voz de Díaz Castro

martes, 22 de abril de 2014
Cando se produce un achado arqueolóxico, o afortunado descubridor atopa un obxecto, unha pegada, de época pretérica, que o azar ou un precavido devanceiro acertou a acochar dun xeito seguro, pasando moitos anos ata que –nun mundo diferente, novo- alguén acertou a descubrir para darlle nova vida.

Algo así acontece coas imaxes e a voz de Díaz Castro que atopamos, revivimos, ao contemplar a producción audiovisual “Xosé María Díaz Castro, nimbos de poesía”, que hai máis dun cuarto de século confeccionamos en Ophiusa tendo por protagonista ao poeta dos Vilares de Parga, que no 2014 vai ser honrado coa dedicación do “Día das Letras Galegas”.

Con Xosé María –e tamén con Alfonso Blanco Torrado– visitamos os lugares que son fitos na vida do noso autor e amigo: a casa natal dos Vilares, Betanzos, o Seminario de Mondoñedo, os Sete Muíños de Guitiriz... e sobre o terreo sometiamos a Díaz Castro a un exercicio de lembranza para revivir a súa persoal historia, á vez que recitaba, sentía... brotábanlle da alma, poemas nimbados pola “sede de luz”.

Tiña eu xa daquela unha amizade fonda co poeta, coñecido primeiro de lonxe, por referencias familiares, e logo de preto nas súas visitas á Terra Chá, e por fin máis intensamente cando afincou definitivamente na terra que Xermolos lle demostrou era a que merecía contar coa súa presencia, a súa vitalidade poética, para nela vivir os últimos tempos da súa vida física.

Era esta producción en video a homenaxe ao amigo, de admiración pola súa obra, testemuño firme do impacto que en todos nós producían aqueles poemas nimbados de amor á terra, de homenaxe aos homes, de rendición diante da vida que lle permitiría “morrer de música nunha tarde de pinos” e chegar “cos ollos abertos ás portas do mencer”.

Posiblemente nin el nin nós tiñamos conciencia de estar traballando tan de cara ao futuro que un cuarto de século despois –lonxano xa o soterramento dos seus restos físicos- serían, ademáis da súa obra, estas imaxes e esta voz as evidencias máis fortes da peripecia vital dun poeta, que quixo a Galicia e ás súas xentes por riba de calquera outra querencia, e soubo darlle ao seu país palabras por riba do tempo, con vocación de eternidade, para que –aínda “envolto en sabas de mil anos” – puidera enterrarse “suco a suco, o outono”, e pudiéramos seguir camiñando mil anos máis “un paso adiante, e outro atrás, Galiza”.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES