Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nem é precisso que saiba cantar

miércoles, 23 de abril de 2014
Canta, canta como uma ave ou um rio
Dá o teu braço aos que querem sonhar
Quem trouxer mãos livres ou um assobio,
nem é preciso que saiba cantar.

Leonel Neves / João Gomes / Luiz Goes

Será que se me achega abril e te presinto, ou que as miñas ansias me fan verte entre saudades nocturnas (sempre nocturnas) espalladas en avesíos que un día nos prometeron unha aldea morna para resistir, ou mesmo pode ser que soa no ar insistentemente a “Utopía” do Zeca e tantos anos despois me leva á túa cidade; á que xurdiu e se esmoreceu nun maio no que cada ano cumpro os teus anos.

Xa ves que pouco cambiei! Tantos anos e sigo á procura de Catarinas, de Grândolas ceibes, de caraveis vermellos e de camaradas de rúas certas.

Non cambiei, nin cambio, na miña teima pola igualdade; non cambiei, nin cambio, a crenza que viña nos teus ollos; non cambiei, nin cambio, porque sei que fai falla outro abril para mudar; non cambiei, nin cambio, porque quero cantalo ao teu compás.

Teimo nas miñas certezas e véxote en pé de loita pola sanidade, a educación ou os servizos sociais. En pé de loita, ti que soñaches abril entre dor e pranto. Véxote en pé de loita e emociónome, como cando eras unha utopía e te buscaba polos tellados. De novo pode ser. Non existe motivo para soportar esta vileza eternamente. Hai outras posibilidades. Podemos vivir sen vencer sobre ninguén. Podemos facer axudando a facer aos outros. Podemos ser solidariedade.

Será que se me achega abril e te presinto ata sentirte, pero hoxe estame petando no peito a forza da solidariedade, as teimosías do futuro e os azos dun benestar que vexo nos teus ollos. Agora podemos. Agora cada idea leva poesía e música (soño e vento). Agora a igualdade medra no teu ventre para abocarte á unión certa dun canto unísono que pide esa voz túa para afirmarte na autoestima, confirmando que non existen os imposibles para os amantes da liberdade.

Vén comigo. Só preciso que creas que pode ser. Agárdote, coma sempre, no alto de abril, cheo de cancións para o teu sorriso. Cancións para soñar un mundo novo, no que cada aperta nos debuxa a certeza de ser fraternidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES