Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (IV)

miércoles, 16 de abril de 2014
Dun tempo acá, quen máis quen menos, sabemos conducir autos; todos temos carné, pero, sabemos conducirnos? ¡Ah, iso é máis difícil! Unha vida, por curta que sexa, ten infinidade de curvas, derrapes, distraccións, sinais inadvertidas, aceleróns intempestivos e freadas a destempo; ¡menos mal se nos colle bautizados, que iso imprime carácter: é un carné, aínda que provisional, pois, a quen máis recibe, máis se lle esixe!

Ditoso aquel que tivo uns pais responsables, que é o mellor dos principios, aínda que tamén encerra unha responsabilidade, polo antedito, pola obriga de conservar, ampliar e transmitir, que dixo Enriqueta Otero, e máis tíñana por roja! Ditoso, tamén, aquel que tivo bos mestres, e bos irmáns, e bos veciños, e bos…; ¡bo próximo! Ditoso, en definitiva, aquel que se molestou en asimilar os nutrientes recibidos. E malditos sexan os desagradecidos, eses que tiraron a casa pola ventá, eses que se fixeron xordos para non ir ao servizo, ao servizo do seu próximo!

O de conducir dano en Tráfico, pero o persoal, o individual, o de boa conduta…, ese dámolo nós, a nós mesmos! ¿Qué nos pitan os outros condutores? ¡Se o fan con razón, grazas; de facelo sen ela, vista á fronte, e cabeza alta, sen soberbia pero con dignidade!
-.-

¡Ai Mateo, Mateo, que con nós, explicándonos a parábola dos talentos, perdiches o tempo, que a temos esquecida, así que dille ao teu colega Santiago que nola repita, que se apee do cabalo pois as nosas batallas, de momento, son outras: unha crise socio – económica máis galopante cá súa propia montura!

Ao propio Santiago poño de testemuña, e se minto que me corte o garneato coa de mata-los mouros, que Deus, daquela que repartiu as terras, aos nosos celtas deulles un retallo do Paraíso, exactamente o que del quedaba: A media distancia entre o Ecuador e mailo polo Norte, séxase, con un clima benigno, axeitado ao corpo humano; uns montes que lle superan ao Tabor; vales que só compiten cos de Mesopotamia; a maiores, ¡e non te rías!, as mellores rías do mundo, tanto en produción ictícola como en beleza. ¿Démoslle as grazas? ¡Á parte dalgún poeta, os prosaicos, non!

¿Qué fixeron os celtas, daquela? Acocháronse nuns fortíns cativeiros, tribais, moi confortables pero pouco defensivos, así que viñeron as cohortes romanas, e…, coartáronos! ¡Individualismo atroz, e por ende, fráxil! Co ouro fixeron fibelas e axorcas para as súas mulleres, para telas felices, en lugar de vendérllelo ou trocárllelo aos fenicios, pero, ¡non eran exportadores!, así que, tan pronto se decataron diso os romanos, ¡a polo ouro galego!, de balde…, para as súas sabinas! De armas, case nada, que todo se lles volvía darlle á palleta da súa gaita, mentres as donas lles tocaban o pandeiro. Nesta indefensión, adeus celtiñas!

Viñeron os romanos, e fomentaron a exportación, eles si, pero, gratuíta: De Galicia para Roma, cos trirremes abarrotados! De primeiras, almacenaban na súa caixa forte de Lugo, tamén chamada Muralla, utilizándoa de container; para seguidamente, aproveitando o bo tempo, Vía Roma! Os romanos, ¡latinos, en definitiva!, déronse ao vicio, e tras dos vicios, viñeron as barbaridades, os emigrantes norteños, aqueles dos países pobres; viñeron os suevos, coas vaquiñas teixas, para apacentalas nos mellores prados do mundo entón coñecido! Viñeron os bretóns, tan amantes da natureza que aquí sentíronse na gloria, e…, quedáronse! Os Normandos, envexosos eles, tamén viñeron ao saldo, pero, como quedaba pouco, desistiron de apañar o rebo. Máis tarde os de alá, iso, os de Alá, intentaron permutar o seu Sáhara pola nosa Terra Chá, pero atopáronse con esa fronteira natural, asignada polo noso Deus, á que chamamos Cebreiro, cando máis ben lle correspondía o nome de Xebreiro, porque nos xebra, porque nos separa e nos illa desa meseta mesetaria.

Con estas riquezas, e con estes herdos, cal foi a nosa pretensión? ¡Axudarlle a Santiago a tomar Granada, para quedarnos todo por alí, esquiando na neve de Sierra Nevada, e de paso, fundando algún que outro lugarciño alpuxarreño: Bubión, Capileira, Pampaneira…, esquecidas as nosas rías, as nosas leiras, estes hortos galaicos, tan bos como desprezados.

Tempo adiante, esta vez traizoando ao propio Santiago, non só lle axudamos a don Hermegildo, ¡San Hermegildo era, foi, outro, ben distinto por certo!, a devolverlles Covadonga aos mouros, senón que: Démoslle soldadiños, para iso, para axudarlle a destruí-la obra de don Pelaio; démoslle as nosas mulas, aquelas crías que lles vendíamos antano aos castelán para arar os seus trigais, coa finalidade de que lle arrastrasen as cureñas dos canóns alemáns; démoslle as teixas, requisadas, para mante-los Regulares, que se negaban a xantar das perolas de jalufo. En definitiva, que ata traizoamos ao noso Patrón.

Na posguerra, os nosos emigrantes, que ían de pasar fame neste país seguiron de Coresma en América para remesar divisas fortes, ¡e tan fortes, que se utilizaron desde Madrid, polo Goberno do noso ilustre paisano, para fortalecer, para robustecer, para engrandecer, as Regiones Devastadas, mentres as nosas nenas se vestían con sacos dos do azucre, provintes de Cuba. O colmo foi cando Eva Perón nos mandou aqueles barcos cargadiños de trigo, e os deixamos reexpedir, desde os portos galegos, para o resto de Europa, de estraperlo! Foi unha ocasión perdida: abordalos, e descargar, mesmo a fortiori, pero, o de sempre, cando mexan por nós, dicimos que chove!

Deu en ir mal América e pasámonos a Europa, máis cerca, con menos nostalxia, pero o conto foi o mesmo, ou similar: Con aquelas divisas, como nesta Gallaecia dos nosos pecados non había industria, nin ganas de asociarse para creala, as divisas, de convertidas, upa, arriba, a elevar veciños, ou non tan veciños, eses mesmos que, tempo adiante, arramplaron co mellor do país, acazapado o Valente…, polo medo que lles tiña, polo medo que lles colleu. ¡Agora din que os arroubamos…! ¿Sería co noso arroubo? ¡Tan estabamos fóra de nós, de nós e do noso país, que só faltou darlles o noso sangue!

¡Ai de nós cando volva o Señor, e nos pida conta do uso, do mal uso, que fixemos cos seus talentos! Imos ter que emigrar de novo, mais agora, qué, para onde, que non temos terra na Habana, e a nosa puxémola a eucaliptos, a eucaliptos australianos! ¡Xa o teño: con esta afinidade, para Australia, de “canguros” que sexa, agora que estamos afeitos á súa flora!
-.-

Sabemos, polo menos ata certo punto, auditar empresas, tomarlle o pulso a un enfermo, discutir o estado dunha nación…, pero, qué sabemos do que se perde, e do que se gana, en cada relevo xeracional? No paso das xeracións tamén hai perdas e ganancias, de verdade que si, pero fáltanos un aparello para medilas; ¿a qué esperan eses sabios distraídos para inventalo?

O ser humano vén a este mundo en mantillas, e hai que darlle a teta. No polo oposto están os vellos, que adoitan facer testamento dos bens materiais, pero, dos outros, dos intelectivos, qué? Ou estou errado, ou grande é a evaporación cultural que acompaña ao féretro. Pero non tódolos casos son iguais, por suposto, que tamén houbo, e segue habendo, mestres bos e xenerosos, desinteresados, que nos foron transmitindo as súas impresións, as súas experiencias, os seus saberes. ¿Desinteresados? ¡Ao contrario: interesados en que non se perda algo que tanto custa adquirir como é a civilización, a civilización positiva!

Estoume lembrando que, cando ingresei no Banco, e noutros asuntos coido que pasaría algo parecido, os xefes tiñan a ¿prudente? costume de ensinar aos novatos o menos posible…, para que non chegásemos a competir con eles nos seus carguiños! Cantos máis erros, cantos máis tropezos do principiante, máis resaltaba a autoridade do veterano. A iso, en linguaxe actual, chamariámoslle, con toda razón, unha putada, unha putada dobre: fronte ao novato, pero tamén fronte á empresa, á natural evolución da empresa. Na mesma época tamén se contaba que, tanto xastres como costureiras, dábanlles o traseiro aos/ás aprendices cando cortaban…, para telos/para telas máis tempo cobrándolles pola aprendizaxe. De todo isto dedúcese que non tódolos pecados están no Catecismo.

De tanto segredo como nos rodea, resulta que avanzamos lentos, suai-suai que di o moro, así que, entre o que tardamos en aprender e mailo que nos esconden, este homo sapiens vai máis lento cás tartarugas. ¿Qué non? ¡Canto tempo pasou desde aquilo das cavernas, e segue habendo cavernícolas!
-.-

A propósito: ¿Por qué vai tan lenta a cristianización do mundo; terá algo qué ver coa persistencia do triángulo católicos-ortodoxos-protestantes? Non o sei, e o Papa Francisco quédame tan lonxe, en tódolos aspectos, que non podo preguntarlle; en todo caso, de haber culpas, súas non son!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES