Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Discípulo de Xesús que se foi e volveu

jueves, 17 de abril de 2014
Permítanme que nestes días tan sinalados para os seguidores de Xesús lles conte algo do que foi a miña vida. Quen sabe se non haberá outras persoas que atopen algún parecido comigo?

Eu seguín a Xesús de preto ata a multiplicación dos pans, ou mellor dito, ata que, despois deste milagre, quixemos proclamalo rei e El non aceptou.

Aquelo produciu moita decepción e desencanto nos que agardabamos un liberador político que se puxese á fronte do pobo asoballado para sacudir o xugo dos romanos e facer unha limpeza en tanta corrupción política e relixiosa como había en Palestina.

Necesitabamos un líder que empuñase con brío a espada en nome do Deus dos Exércitos, pero El deixaba pasar o tempo falando dun Deus, Pai bo, que acolle ó fillo que se foi e volve magoado.

Nós alentabamos a xenreira contra os inimigos estranxeiros e contra os da nosa raza que non defendían a identidade da nosa nación, e El respondía con parábolas de samaritanos que amaban ó próximo e con utópicas afirmacións de que o estranxeiro tamén é un irmán.

Nós loitabamos na guerrilla tratando de acadar a liberación, esmagando ó inimigo, e El falaba de que a liberación do home é moito máis profunda e duradeira.

Agardabamos un estratega militar que dirixise a resistencia, e El propuxo no Sermón do Monte un programa baseado na pobreza de espírito, na aceptación dos sufrimentos, en chorar con quen chora, na misericordia, na limpeza de corazón...

Penso que Xudas Iscariote entregouno, porque vía que pasaba o tempo, que os seus seguidores ían a menos e que El non acababa de ser o líder que moitos agardabamos que fose. Isto é só un pensar meu; porque, en realidade, quen sabe o que puido pasar pola cabeza e polo corazón de Xudas para chegar a facer o que fixo? Canto sufriría antes e despois de tomar a determinación que tomou!

Pola miña maneira de falar é doado darse conta de que eu era un militante do grupo dos celotes. Moitos compañeiros meus estaban pola resistencia violenta e pensaban coma min; pero en realidade nós non fomos quen o matou.

A súa morte foi o resultado dunha confabulación traizoeira.

Agora sei que El defendía os intereses dos máis desprotexidos, daqueles ós que pouco lles importa quen mande, porque o que necesitan é quen sirva.
Defendendo os intereses dos máis febles estaba indo en contra dos intereses dos máis fortes e iso sempre foi perigoso.

As autoridades relixiosas dos xudeus condenárono sen razón por blasfemo, utilizando como argumento que se declaraba Fillo de Deus. Pero ante as autoridades romanas acusárono de revolucionario que animaba ó pobo á sublevación contra o emperador de Roma.

Ós que moven os fíos do poder élles doado manipular ó pobo se non teñen escrúpulos, e así se fixo. Non faltaron voces do pobo que pedisen a súa crucifixión.

E quen podía salvalo ou condenalo, o procurador de Roma, Poncio Pilato, aínda que non vía causa para condenalo, non tivo coraxe para enfrontarse a quen o ameazaba con denuncialo ó emperador se o ceibaba.

El, sufrindo, pero sen perder a dignidade, foi á morte libremente. Foi libremente, porque tivo oportunidade de cambiar no seu xeito de expresarse e de vivir, pero non cambiou, aínda sabendo ó que se expoñía.

Matouno o pecado, porque o matou o odio, a covardía, a hipocrisía, a opresión do débil, o egoísmo, a avaricia, a intransixencia.

Morreu por culpa dos pecados da humanidade, por culpa dos inimigos peores que temos, porque os temos dentro e fóra de nós mesmos.

E morreu por amor ós homes e mulleres. Para mostrarnos que é posible vivir doutro xeito. Para salvarnos do que verdadeiramente nos perde.

Eu estaba equivocado cando me apartei del. Non é que non lle importase a opresión e a liberdade dos pobos e a miseria dos homes. Importáballe e moito e, porque lle importaba, quería atacar o mal na raíz. Quería atacalo e atacouno. El ensinounos que o odio e a violencia só se poden vencer co amor e a paz. Por iso, cando me decatei da fondura da súa mensaxe, desandei o camiño que me afastaba del e volvín.

Cando o crucificaron eu non andaba lonxe e El ben me viu. A súa mirada penetroume ata o máis fondo de min. Ó velo morrer daquel xeito todo cambiou definitivamente.

Entón comprendín moitas cousas, entre elas que o seu programa das benaventuranzas é o programa máis plenificante para cada home e quizabes o máis revulsivo para a humanidade.

Agora digo coma o Centurión que, ó velo expirar, exclamou cheo de fe:
-Verdadeiramente Xesús é o Fillo de Deus!
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES