Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Despoboamento?

Piñeiro, Antonio - lunes, 14 de abril de 2014
Hoxe escoitei que un gurú da demografía mundial -americano, supoño- asegurou con timbre de voz a nivel de alerta, que seica vivimos nun planeta superpoboado e que como non empecemos a regular dalgún xeito a poboación acabaremos merendándonos uns a outros -isto non o dixo el, senón que é da miña colleita- porque os recursos cos que nos alimentamos son finitos e non se rexeneran á velocidade exponencial á que nos reproducimos os seres humanos.

Espertado por tal advertencia decido ir a un contador de poboación en tempo real deses que hai na rede, concretamente a www.worldometer.info e co risco de me ver superado pola velocidade dos nacementos (porque mentres leo os primeiros nove díxitos o décimo crece sete ou oito unidades) conclúo en que no intre no que escribo a cifra que aporta o contador é de que somos 7.225.775.095 de habitantes os que dun xeito un tanto desproporcionado nos repartimos polo largo e longo mundo que nos acubilla.

Leo isto e sen precisar coñecer dato algún sobre o investigador nin afondar no seguramente coherente e documentado estudo demográfico, o asunto -que certamente teño traído a esta columna a colación en moi diversas ocasións- xérame unhas cantas dúbidas respecto do noso -refírome a Galicia- posicionamento socioeconómico no mundo.

Seica vivimos nun planeta superpoboado, dígao ou non este tal demógrafo, e resulta que as políticas que se desenvolven nos distintos sectores do noso sistema de organización social -poñamos por caso a última decisión sobre a reorganización xudicial do noutrora "progresista" ministro Gallardón- e dos plans de redistribución da renda pública a través dos orzamentos da Comunidade Autónoma están pensados na inmensa maioría dos casos e no tocante ó mundo rural galego -é dicir, a aquel que se afasta ducia e media de quilómetros das cidades e pouco máis ou menos a ras da franxa de 50 quilómetros da costa- para un escenario de despoboamento practicamente total á volta de pouco máis de dúas décadas.

Para qué se vai rematar unha autovía -volvo á columna desoutro día- entre Celanova e Arcos de Valdevez se para cando algúns esteamos xubilados -que non queda tanto- xa non haberá practicamente aldeas?

Para qué se van ampliar parques empresariais se para cando volva cantar o cuco dentro dunhas cantas primaveras xa case non haberá quen o escoite?

Para qué se van reforzar as escolas se pronto non haberá nenos que enchan de vida as aulas?

En fin, para qué malgastar o diñeiro se total ó reforzar a valla en Melilla xa ninguén será capaz de molestar a nosa comunmente aceptada agonía?

Por certo, remato a columna con 7.225.779.095. é dicir 4.000 habitantes máis ca hai pouco máis de media hora. Case tantos como vivimos en Celanova.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES