Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ferrolterra e o poeta Díaz Castro

viernes, 11 de abril de 2014
Quen o ía a dicir -os centenarios andan moi escasos- o poeta Díaz Castro ten un coetáneo e compañeiro de Seminario (Mondoñedo) que é testemuño vivente da causa do vate chairego, agora que o homenaxeamos como figura das Letras Galegas. Ademais, non se trata dun cidadán común, anónimo, senón que é persoa que tivo gran notoriedade ao ser mestre de escola e alcalde de Narón durante vinte anos (1954-1974).

A noticia, asinada por María Jesús Rico, veu dada no Diario de Ferrol e únese a toda a produción mediática, bibliográfica e editorial que vén xerando a traxectoria do vilarego autor de Nimbos. Mágoa que, a pesar de que Marcial Calvo Hermida está en plena lucidez mental, non poidese reunir a xornalista que con el conversou un ameno anecdotario, que permitise abundar no contexto do seu paso por Mondoñedo.

É verdade que o exalcalde de Narón só estivo catro anos como seminarista, fronte a case toda a carreira de Díaz Castro. O que si ten na memoria Calvo Hermida é que se trataba dun alumno moi esperto e espabilado, que gozaba da consideración do resto de seminaristas do seu curso.

Xaquín Campo Freire, chairego, pero ferrolán de adopción, columnista de Galicia Dixital, entre outros medios, foi quen realmente "soprou" o achado que estes días de atrás cobrou categoría de noticia nas páxinas do rotativo antes mencionado.

É curioso, aínda que non garde relación algunha, que Díaz Castro chegou a facer algún desprazamento vacacional á vila de Neda, onde ao parecer tiña algún familiar por parte da rama paterna. Tamén en Ferrol ten algún parente, neste caso pola rama materna, entre os que se inclúe o xornalista que isto asina. O caso é que a noticia serve, dalgunha maneira, para ir preparando o ambiente xa que o día 8 de maio o poeta do Vilariño "viaxará" á cidada naval da man de Armando Requeixo, crítico literario e estudioso da produción diazcastriana, Alfonso Blanco Torrado, amigo e tenaz impulsor do poeta e Xosé Antón Cascudo, autor e director do documental "O Instante eterno", unha interesante longametraxe que recolle testemuños de sinalados literatos galegos. En Ferrol, centro sociocultural da Fundación novacaixagalicia, proxectarase unha versión de trinta minutos.

O acontecemento terá un remate musical coa actuación do cantautor mugardés Xoán Rubia. O que subscribe terá a honra de presentar aos invitados, nun acto que convoca o Club de Prensa de Ferrol. Vemos, pois, como Ferrolterra, territorio no que viven algúns familiares do escritor, ademais do compañeiro de estudos ao que se fai alusión incorpórase de pleno dereito ás homenaxes de Xosé María Díaz Castro (1914-1990).
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES