Os Bufóns do Reino
Cardalda, Theo - miércoles, 09 de abril de 2014
Desde o Preguntoiro: Os Bufóns do Reino
O sábado pasado na tertulia de debate La Sexta Noche, o xornalista Alfonso Rojo insultou ofensivamente á portavoz da (PAH) Ada Colau, literalmente estas foron as palabras: Está usted muy gordita para el hambre que se pasa en España. Non é a primeira vez que este xornalista facía uso do insulto, fora ao profesor de Ciencia Política da Universidade Complutense de Madrid, Pablo Iglesias, insultos de xulgado de garda, chamándolle: mangante e chourizo.
A onde chega a catadura moral destes teimudos, non só falo de Rojo, senón dos que están na mesma liña como son: Marhuenda e Inda. Coido que merecemos un xornalismo decente, por respecto á profesión e a cidadanía, non a estes farulleiros e furricallos do xornalismo que só están emporcallando os medios audiovisuais e escritos.
Sempre son estes mesmos xornalistas os que falan de todos os temas (entenden de todo), sexa o tema que sexa do que se trate. Pero o máis cachondo é que lles pagan por insultar e torpedear aos outros contertulios, ¿Quen lles paga?.
Son os Bufóns do Reino, que cando xa non teñen argumentos para debater, só saben insultar, descualificar persoalmente e fisicamente. Hai moitos anos que non vexo TV, pero de cando en vez vexo algún programa que pode ser interesante e que paga a pena velo. A partir deste último sábado, os nervios e o estarrecemento que producen estes exemplares de xornalistas, a piques de me estourar a cabeza con eses insultos á intelixencia, coido que tardarei moito en volver a ollar a TV.
Estes voceiros do seu amo son cada vez máis grotescos e agresivos, sáelles a vea da razón da forza de tempos daquela caverna mediática.
Faltan aqueles programas (La Clave) onde os tertulianos sexan expertos na materia tratada e que teñan distintos puntos de vista, respectuoso e democrático.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora