Recuperar a Esperanza
Mato, Xesús - lunes, 28 de noviembre de 2005
Ou, se prefiren, a utopía. A utopía e/ou a esperanza son o motor da nosa vida. Nós somos o que dexesamos ou esperamos ser. Se non temos ilusións, desexos, aspiracións, metas
a nosa vida esmorece. Mesmo se apaga, morre. Para manter disposto o motor cómpre dar calor/vida aos actos máis sinxelos e elementais do noso quefacer diario.
A vida xermola e medra nas pequeniñas cousas de cada día. Os grandes valores da paz, da verdade, da xustiza, do amor, da esperanza... que nos van levar á tan esperada fraternidade universal vanse construíndo nun exercicio constante e contínuo na escoita e diálogo, no trato cordial e respecto ao irmán. (¡Sempre o irmán/á polo medio! Non somos nada sen el) Todos temos dereito ( e estamos chamados/as) a gozar da calidade de vida. Pero tamén todos temos a obriga de colaborar para que iso sexa posible para todos e para todas. É o camiño que nos abre as portas da vida, da felicidade. Da vida/felicidade presente e futura.
Deberiamos ter craro (abondan moitos exemplos, lonxe e preto de nós) que polo camiño da violencia, da crispación, da descalificación, do insulto, da mentira, do desprezo áos irmáns/ás, non se chega a ningures. Na sociedade na que reinen as prepotencias, a soberbia, o egoísmo e debezos de poder, abuso ou estorsión do pobre, destrago da natureza
non poden enraizar e medrar a verdade, a xustiza, a paz, a alegría, a irmandade
Nin siquera o humor. Faise tamén moi difícil a esperanza. Por iso, todos (crentes e non crentes) temos que mudar de camiño.
O Advento é o tempo axeitado para demostrar a coherencia do noso compromiso de mudar as cousas. Empezando por nós mesmos. Podemos elexir o camiño que nos trae Xesús no Nadal, a pesar das contradiccións do aloucado e insultante consumismo diante dun mundo diezmado pola fame. Ábrense camiños de liberación, de salvación para ao mundo. ¿Quen non soña, confía e espera que aínda é posible acabar cos terrorismos, coas guerras, coas opresións?. A nosa resposta concreta ten de vir desde as nosas obras e actitudes diante a comprometida e necesaria pregunta ¿qué podo, que debo, que vou facer eu!? A ver se temos a carraxe de concretala en feitos, anque sexan pequeniñas.
Vimos de celebrar o Día contra a explotación da muller e da violencia de xénero. A sociedade está a reaccionar en positivo. Bo sinal. Tamén, perante a próxima semana, imos a tomar conciencia doutros graves problemas: O día da loita contra a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (o SIDA, con 50 millóns de afectados ), o da ONU contra a escravitude e o día do discapacitado. A sociedade sinxela, utópica e esperanzada é a que vai amosar ó mundo a súa capacidade para mudar as cousas.
A quen soña, confía, espera e se esforza por mudar aquilo que vai mal no mundo, todo o que oprima ao irmán, non lle há de faltar outra oportunidade. Só é preciso estar atentos e vixiantes, mentres estamos espertos, para aproveitala, como di o Señor.

Mato, Xesús