Pero iso dá traballo!
Piñeiro, Antonio - lunes, 07 de abril de 2014
A finais dos anos 80 e comezos dos 90, a vila de Aguilar de Campoó, situada na montaña palentina, alí onde os Picos de Europa comezan a fender definitivamente a paisaxe de planicie castelá (aquela que se transforma, cando a mes é alta, nunha dourada paisaxe que asemella o mar), propúxose recuperar un mosteiro que era coñecido no pobo como el convento caído, pode vostede adiviñar, benquerido lector, por qué.
Un grupo de xentes adiantadas no tocante ó compromiso intelectual -e tamén persoal- co patrimonio que lles tiña legado a historia e que os tempos escuros transformaran en ruína (xentes de alí e de fóra) decidiron comprometer á administración do Estado para poñer a producir no bo sentido da palabra a mozos e mozas ós que a situación de crise económica que o país tamén sufría entón, mantiña nunha moi precaria situación laboral. Daquela iniciática ilusión, liderada polo arquitecto e humorista gráfico, José María Perez Peridis e evolucionada logo nun ambicioso obradoiro de ideas, xurdiron finalmente as Escolas Taller, que se foron popularizando polo resto do Estado e constituíron fontes de formación profesional e de futuro laboral para milleiros e milleiros de persoas de tódalas Comunidades Autónomas nos máis diversos campos dos oficios tradicionais.
Despois de moitos anos de envexoso seguimento -dende a distancia- do seu periplo patrimonial, de ir sabendo pola prensa do remate da recuperación do convento caído, da súa conversión nunha Fundación, do seu crecemento como empresa especializada no ámbito da rehabilitación arquitectónica e de explorar con grande éxito outros moitos aspectos da intervención no patrimonio monumental relixioso e non relixioso-, alén de erixirse na máxima autoridade mundial sobre o románico, estes días tiven oportunidade de coñecer de preto o seu funcionamento e de ver crecer exponencialmente a miña positiva envexa ó comprobar cómo aquela idea orixinal dos anos 90 se mantén coa mesma ilusión inicial, co mesmo amor polo propio e co mesmo compromiso de futuro que tiveron naquel momento Peridis e o resto de veciños de Aguilar.
Máis dun cento de profesionais constitúen hoxe en día o seu patrimonio humano baixo o abrigo da Fundación Santa María la Real, que tamén tivemos oportunidade de visitar e nun intre da visita ocorreume o que e seguido vou contar. Nunha vitrina de merchanising había unhas pequenas reproduccións dunhas misericordias do recuperado mosteiro. Entón eu díxenlle a un dos mozos e mozas que me acompañaban co obxectivo de amosarlles cómo está sendo rendibilizado o patrimonio cultural por aí adiante: Non se vos parecen ás do coro alto da igrexa de Celanova? Mirade, pois, canto hai facer no campo da xestión turística
. Entón, algo inocente el, contestoume:
Pero iso dá moito traballo!.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora