Sentidiño parlamentar
Editorial - jueves, 24 de noviembre de 2005
Cada certo tempo, reglado pola normativa vixente, os partidos políticos debidamente inscritos no rexistro correspondente, presentan listas ás eleccións xerais, autonómicas ou locais, e os cidadáns eliximos según o noso leal saber e entender, votando pola opción política que máis nos convence.
Así xorden os nosos representantes á vida pública, froito dos votos, en proporción á elección popular, de xeito que os que obteñen escano na institución que corresponda nos representan a todos nós, votasemos por eles ou non.
Esto é: No Parlamento de Galicia, os 75 deputados -PP, Psoe e Bng- represéntannos a todos nós. Todos os que alí están son os nosos representantes, e por representarnos a todos nós, votantes ou non, representan globalmente a Galicia. E viceversa.
O pasado mércores moi mal quedamos representados. E a institución que debe encarnar a responsabilidade, a tranquilidade, o estudio e debate dos nosos problemas transformouse nun camarote dos Irmáns Marx, polos arrebatos e excesos verbais de todos.
A principal virtude do pobo galego, ese sentidiño nunca ben ponderado, brillou pola súa ausencia. E todo foi un sensentido impropio daquela institución onde todos debemos vernos reflictidos.
Mal está que a Consellería correspondente anule acordos da anterior etapa coa disculpa de que merecen maior estudio. Mal está que os alcaldes opten pola manifestación na rúa e no Parlamento para tentar solucionar un problema político, pero expresivos exemplos anteriores tiveron abondos. Mal está o debate político entre as dúas forzas maioritarias coa crispación existente que non precisa vir de Madrid pero que tamén ven.
En resúmen: O pobo galego, votantes e non votantes, representados todos, diante de casos coma este miramos para outro lado como se puidesemos pasar páxina e esquecer -por non ver- o espectáculo.
Pedimos "sentidiño" a tódolos cargos públicos, empezando polos alcaldes, seguindo polos exconselleiros, e chegando ós actuais gobernantes, Parlamentarios e Presidencia do Parlamento.
Non nos poñamos nerviosos, que ós actuais alcaldes quédanlles case dous anos no cargo, ós conselleiros e parlamentarios case catros, pero ó pobo galego toda a vida. E nunca os votamos para espectáculos abochornantes senón para que leven con dignidade a dignidade que lles concedemos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora