Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os nenos na poesía de Pimentel

jueves, 03 de abril de 2014
OS NENOS NA POESÍA DE LUIS PIMENTEL

En 1990, co gallo de dedicarlle a Luís Pimentel o Día das Letras Galegas, tiven ocasión de desprazarme ata Lugo, na compaña de dous redactores da revista Amencer, e alí mantivemos unha longa conversa coa mindoniense Pilar Cayón, a viúva do poeta. Lembro que nos manifestou que Luís Pimentel sempre dicía: “a min os nenos nin en pintura” (pode verse a conversa en Amencer nº 77, abril 1990, páxina 23), pero que non era verdade senón que lles quería moito e que era moi amigo deles. Tamén nos contou que tiñan unha filla e que, cando espertaba, sempre a metía na súa cama e que lle dicía: “ven, Ruliña, séntate aquí que che vou contar o conto da lebre Mariquita”. Díxonos, ademais, que os intres máis tristes para Luís Pimentel eran aqueles nos que se atopaba na súa andaina vital cun neno enfermo, cun neno morto, cun neno pobre, cun neno orfo.

Esta preocupación polos nenos que, en verdade, son os seres máis expostos ós sufrimentos, ós perigos, á pobreza, ós medos, ás aldraxes, ás feridas, á morte..., aparece en moitos dos poemas na pequena obra poética do vate lucense. Vexamos uns exemplos.

O neno aparece na poesía de Pimentel coma un ser ameazado “¿Como se sostén ou defende / tanta fraxilidade?/ (unha folla no vento!)”, que se refuxia e agocha en súa nai “escondido o seu terror / antre os plegues do manto / das nais”; que está exposto á morte “O neno non conoce a morte / ... / Mais eisisten nenos solitarios, / estranos nenos / que conocen a morte”.

Os anos da nenez son considerados coma unha etapa necesaria na vida para a madureza da persoa “¡os milleiros de horas, de séculos / que fixeron falla / para faguer un home”. Nesta etapa da vida, importante e decisiva, poñeranse os alicerces do futuro home que un día vai ser o neno. No poema “Xogo ruín” –que tantas veces se relacionou con “Cunetas”- o neno é misteriosamente cruel e este neno, unha vez feito home, pode converterse nun criminal sen decatarse.

Non quero pasar sen facer mención do fermosísimo poema titulado “Canción das tres cucharas”, poema dedicado a un neno concreto, pero que aínda non nacera (Pra cando M. Luisa teña o neno). É un poema lúdico, cheo de musicalidade e de ritmo, un verdadeiro xoguete:

Tac, tac, Tac
cuchara de pan
cunca de madeira
o meu neno
está na lareira.

Tin, tin, tin
cuchara de prata
cunca do pazo
o meu neno
está no regazo.

Ton, ton, ton
cuchara de ouro
cunca de cristal
o meu neno
é príncipe real.

Helena Villar definiu este poema coma “un compendio da sensiblidade que esperta no poeta o mundo entre máxico e misterioso do embarazo e dos primeiros anos dos cativiños”. Segundo me dixo o amigo Xulio Xiz, o neno ó que está dedicado este fermoso poema, era un dos fillos de Celestino Fernández de la Vega.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES