Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (2)

miércoles, 02 de abril de 2014
Lembranzas dunha vida (2)
A festa do Patrón


Como non recordar a festa do Patrón dunha aldea na metade do século pasado! Era todo un acontecemento, sobre todo, para os nenos.

Empezábase por ir moer o trigo. Normalmente había que ir lonxe, pois muíños de trigo non había moitos. Logo de moer, había que peneirar a fariña. A antevéspera cocíase o molete. Os nenos iamos apañar as espigas que quedaban tiradas na leira. Xuntas e atadas, metiámolas polo
medio do medeiro. Estes manoxos de espigas perdidas chamábanse “raposas”. O día anterior, había que amañar o “matón”; adoitaba ser un carneiro ou ovella dos máis grandes. Un home que ía polas casas facía a matanza, e levaba o pelexo do animal como pago. Recordo os cativos no río, mentres lle axudabamos a mamá a lavar as tripas e as patas para os callos.

Tamén se lle daba unha limpeza á casa, e sempre se mercaba algo de pratos, copas, sobrecamas, etc... Naqueles anos, as camas tiñan colchas de trapo e sabas de estopa. Pero, para eses días, poñíanse sabas de algodón e sobrecamas das festas.

De comer, facíanse callos, cocido, carne asada... De postre, arroz con leite. Cando empezaron a dar azucre coa ración, tamén se facían roscóns. Comíase no piso, nunha mesa grande, con bancos de respaldo. Era bonito xuntarse os irmáns, tíos, curmáns e demais parentes. Para ir á misa, as mozas sempre estreabamos algo. Había que entrar na igrexa con veo e medias, aínda que fose verán.

Como non había coches, os invitados quedábanse a durmir. Por iso, había que lavar os xergóns, que estaban cheos de pluma de maínzo. Os nenos eramos moi felices. Todo un luxo ter pan branco, comida especial, xogar cos curmáns, a festa, os fogos, a alborada...

Había un patrón no verán e outro no inverno. No do inverno, Santa Lucía, tiñamos un cesto grande de castañas cocidas. Ao carón da lareira, arredor daquel cesto, os cativos eramos felices. Ogallá a xuventude de hoxe poida selo tamén. Complicámonos a vida buscando a felicidade nos cartos, nunha consola, nun coche, nun piercing, nun móbil, nas drogas... e non a atopamos. Ninguén se para a pensar que pode estar en algo tan sinxelo como un cesto de castañas cocidas.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES