Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nimbos de poesía

miércoles, 02 de abril de 2014
Xulio Xiz convértese no condutor dun documental baseado na vida de Díaz Castro gravado en 1987, dous anos antes de que nos deixara o poeta de Guitiriz. Xulio Xiz sitúa ó poeta no seu entorno, na terra que lle inspirou cada verso ferindo de beleza para sempre. Con Díaz Castro percorremos a Terra Chá aínda coa alma mancada para lembrar que cada paisaxe, cada regato, cada fonte, cada prado, cada pena garda en si un verso que o poeta ten que rescatar para a eternidade. Así, Xulio Xiz devolve con sensibilidade lírica ao entorno natural o xa inmortalizado en papel polo poeta.

Nimbos de poesía é unha viaxe lírica polas fonduras da Terra Chá e a beleza señorial mindoniense para lembrar a un home que escribe o seus primeiros poemas con 12 anos e que posteriormente será influído pola poesía e a súa amizade con Aquilino Iglesias Albariño. Falar de Díaz Castro é falar dun auténtico intelectual, dun erudito das letras que dedicou a súa vida poética a rescatar “a grandeza das cousas pequenas”.

No documental vemos e escoitamos ao poeta, un home cunha vasta cultura que tras facer carreira en Madrid volve o seu recuncho natal, unha viaxe que quizais se asemelle a aquel verso de Celso Emilio no que nos dicía “tiven o mundo todo pra min e cambiéino por un curruncho da terra natal”. A volta de Díaz Castro ás orixes quizais é a que fica inmortalizada en Nimbos.

Pero non podemos esquecer que ademais da súa talla intelectual no 1946 gaña o Certame de Poesía de Betanzos en galego e en castelán. Así que tamén estamos a falar dun creador orixinal que viu recoñecida a súa arte en diversos foros.

Volvendo ao documental temos que dicir que a interesante obra do poeta vese aloumiñada polo guión e a voz exquisita de Xulio Xiz, bo coñecedor do poeta que dunha maneira excepcional retrata ás paisaxes de Nimbos. Polo tanto, só queda felicitalo por este traballo que xa fica para a historia da lingua e da cultura galega. Un documental que nos devolve á necesidade de camiñar poeticamente pola natureza máis cantada de Galicia: a da Terra Chá.

Celebremos, pois, este ano no que na Terra Chá cantarán innumerables voces quizais aloumiñadas polo son dun carro de beleza que con Díaz Castro nos ferirá para sempre.

Parabéns, meu querido Xulio e con eles o meu fondo agradecemento.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES