Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus sentido a unha aeronave perdida

martes, 01 de abril de 2014
Os que nos quedamos no aquén preguntamos e choramos por vós, fillos perdidos nos abismos do alén, do esquecemento e da tranquila paz das cousas inertes, caladas. Que fado vos levou alá? Vós e mais nós, os construtores e fanáticos da nosa técnica, por feble e limitada que esta sexa, ficamos mudos ante a ruptura obscena, brutal, dos nosos soños.

Mundos de fantasía, de agarimos, de ledicia das cousas grandes e pequenas que agora se foron entre o lixo revolto do tempo ido. Coma xoguetes rotos. Coma o instantáneo derrubamento das torres presuntamente seguras das nosas loadas construcións. Nun instante, nun abrir e pechar de ollos. Dor, negra coma o fondo do mar, é a miña dor, a nosa, a de todos. Ou pasastes nun lóstrego súbito e eterno, preñado de lume e luz, da vida á Vida?

Que sabemos nós de todo iso que está alén do noso cotián vivir? Os que quedamos aquí deambulamos agora, mudos e feridos, coma somnámbulos, sen case llo poder contar a ninguén, sen sabermos onde ir xogar a próxima ruleta da vida. Por que vós e non nós? E as incógnitas arremuíñanse punzantes arredor noso coma a santa compaña das nosas vellas e amedroñantes fantasías. Non somos nada ou somos só unha faísca que lle dá lume e vida a outras? Ou quizais só vagalumes pousados lenemente á beira verde do camiño da vida, que sinalan unha ruta, mais que non poden descubrir o seu termo, o seu segredo derradeiro.

Déixovos caer aí, no descoñecido e amargo océano onde quizais acougades, a miña bágoa rota, amarga tamén, como lembranza húmida e tremente dun sentimento de me sentir tamén da mesma estirpe vosa. Desta nova e vella liñaxe humana que sofre e loita, soña e dubida, sen saber quen é e onde chegará. Déixovos xa aí a todos vós, orfos de lousa de pedra nobre, que sinale e aloumiñe o voso soño derradeiro.

Outros coma vós, mais para algúns de máis nobre berce ca vós, dormen seguros e honrados á sombra das vellas e sacras catedrais ou nos adros humildes e devotos das nosas sinxelas igrexas rurais. Vós non. Vós acougades aí, sen nome, sen luz que vos dea rostro, sen lugar tranquilo que vos identifique e acolla, á mercé do que as augas amargas e vivificadoras queiran facer con vós. Da miña parte, quédavos porén aí a miña afónica voz, voz sen voz, case sen forzas, sen eco, sen fondo, mais con vós e ata sempre.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES