Sangue novo
Editorial - miércoles, 23 de noviembre de 2005
Adóitase dicir que Galicia é unha terra vella, habitada por xente que está deixando de ser nova para envellecer colectivamente.
As enquisas, que teñen unha importancia relativa pero reflicten o que está a pasar de xeito colectivo, veñen confirmar esta afirmación de xeito rotundo e grave, porque o que intuímos visual e vivencialmente tradúcennolo a cifras, e entón está moito máis claro.
Nacen menos nenos e duran máis os vellos, polo tanto envellece a poboación. Pero saber que tres de cada catro fogares galegos non teñen nenos resulta dramático.
Se en Galicia hai perto dun millón de fogares (950.000) e só hai menores na cuarta parte, quere dicir que para unha poboación de dous millóns e medio, aproximadamente, temos tan só 250.000 rapaces.
A enquisa do Instituto Galego de Estatística fala tamén de temas económicos, que en moita parte ven se-lo mesmo, e confirma que baixa o número de familias no umbral da pobreza, pero agudízase a diferencia entre a Galicia rica e a Galicia pobre (Galicia atlántica e Galicia interior), cunha diferencia de ingresos que era do 19% no ano 2002, e na actualidade dun 25%.
Se as diferencias chaman á reflexión, máis debe chamar que non nazan máis nenos nunha terra maternal, humana, con abondosos recursos, sen maiores problemas de convivencia.
Diante da non renovación interior, temos que asumir a absoluta necesidade de renovación presente e futura, que se logra coa inmigración, e coas adopcións de nenos procedentes de lugares máis ou menos exóticos, pero en directa razón coa facilidade que estes paises dean á saída de menores para seren adoptados no extranxeiro.
O sangue novo que nos chega do exterior ven renova-lo noso, introducindo novos factores nunha raza que non perderá nada polas incorporacións e que gañará moito en universalidade.
Pero algo decae nunha sociedade cando renuncia a renovarse, cando renuncia -razóns sociolóxicas e económicas haberá- a reproducirse. E o dato de que o 75% dos fogares galegos non ten nenos parécenos moi grave para o futuro e para o presente.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora